As arquitectas pioneiras: a presenza da ausencia (I) | Cristina García-Rosales

5 (100%) 1 vote[s]

Tal como dicía José Ortega y Gasset:

“Cando nun mosaico falta unha peza, recoñecémola polo oco que deixa, o que dela vemos é a súa ausencia; o seu modo de estar presente é faltar, polo tanto é estar ausente”

Por iso subtitulei este texto como “A presenza da ausencia”.

Cariatides, Grecia Clásica

Empezarei cun pouco de historia.

Dentro do ámbito mediterráneo, no mundo grecorromano, berce da civilización occidental, a muller era cidadá de segunda categoría, xunto cos escravos e os estranxeiros. En Grecia foi a orixe do concepto de cidade (polis), entendida non só como agrupación ordenada de xentes, edificios e espazos, senón no seu sentido máis amplo de participación cidadá baseada no uso da palabra -instrumento político por excelencia-, e que asignaba a cada individuo unha función precisa e un lugar determinado.

A muller pertencía ao dominio do privado (oikonomia) e non se lle permitía acceder á asemblea nin opinar en asuntos de público interese. Participaba na construción da cidade e da sociedade, por medio do seu papel de nai, como reproductora da especie, coidadora de nenos e de nenas, persoas enfermas e maiores e mantenedora do lume do fogar e das tradicións.

Cando as mulleres accedían ao ámbito público facíano preto das fontes -onde ían buscar auga para beber-, no mercado -onde compraban alimentos para consumir-, nos lavadoiros ou participando en determinados ritos relixiosos permitidos para elas. Non tiñan acceso ao ximnasio, ao foro ou á asemblea e os baños eran de categoría inferior aos do varón. Só as mulleres públicas accedían aos lugares prohibidos.

“A muller non ten alma,” dicía Aristóteles “e o seu mellor adorno é o silencio”. Non podían tampouco alzar publicamente a súa voz xa que o home era considerado como o único cidadán de pleno dereito.

Non obstante, o espazo público constituía nesa época a esencia da cidade. Como símbolo de relación, de participación solidaria e de debate entre a cidadanía, a Ágora grega ou o Foro romano eran lugares de encontro por definición, lugares onde se desenvolvía dialécticamente o espazo público que deu orixe á sociedade occidental.

Cidade e sociedade eran conceptos moi similares, baseados na educación, a palabra e a razón argumental (logos) onde a muller non tiña cabida, non era digna de ser escoitada, como ser infantil e inferior, quedando á marxe da cidade como entidade política.

Excepcións confirman a regra, como a célebre matrona romana, Hortensia, qquen saltándose a norma prefixada, irrompe no Foro para defender a paz.

Hortensia era filla de Quinto Hortensio e sería unha célebre oradora, como o seu pai. No ano 42 a. C. pronunciouse en contra da imposición dun imposto especial para as matronas máis ricas de Roma. Tras a proclamación do segundo triunvirato, proclamouse un edicto que establecía que debían realizar unha contribución extraordinaria ao estado para facer fronte a gastos militares. Como consecuencia diso, as mulleres afectadas dirixíronse ao Foro. E sentadas ante a tribuna, Hortensia, en representación de todas elas, pronunciou o seu célebre discurso. Un discurso que constitúe unha verdadeira carta dos dereitos e deberes da muller romana.

“Homes de Roma”, exclamou, “¿por que habemos de pagar impostos se non participamos nos cargos, honras, postos militares nin, nunha palabra, no goberno polo cal loitades, por certo, con tan funestos resultados? ”

Ao longo da historia, a vida e as relacións entre homes e mulleres, transcorreron de xeito similar. Non pretendo facer un percorrido excesivo, aínda que si me gustaría citar a Christine de Pizan, autora de “A Cidade das Damas” no século XIV, en plena Idade Media.

C. de Pizan. A Cidade das Damas

Christine de Pizan é considerada como a primeira escritora profesional de occidente. Foi filla do médico, astrólogo e conselleiro do Rei Carlos V de Valois. Nacida en 1363, casouse os 15 anos, enviuvou aos 25 e dedicouse a partir de entón á escritura e á pintura para manter os seus 3 fillos e a súa nai.

O seu libro “A Cidade das Damas” quiso replicar a “De Claris Mulieribus” de Bocaccio, recompilación de 104 biografías de mulleres reais ou míticas e un dos moitos tratados do Renacemento que non fan senón reforzar a posición subordinada da muller da época. Di Bocaccio sobre estas mulleres célebres:

Opino que as súas proezas eran dignas de loanza, porque a arte é allea á mente da muller”.

E continúa:

“Emulando as fazañas das antigas mulleres, empregaredes a vosa mente en feitos máis elevados “.

Christine de Pizan non podía entender como os homes podían escribir de forma tan demoledora contra a muller, sendo así que lle debían nada menos que a súa existencia. Na súa cidade alegórica “A Cidade das Damas”, ofrece numerosas probas acerca de valiosas realizacións femininas, reivindica valores como son a tenrura, a solidariedade ou a xenerosidade e denuncia a misoxinia da época medieval.

Pero vaiamos a unha época máis próxima á actual, cando a incorporación da muller ao traballo profesional, e polo tanto, ao ámbito público, comeza en moitos países. E este feito foi -posiblemente- un dos factores máis revolucionarios e significativos da modernidade do século XX, segundo a opinión de moitos expertos.

O acceso feminino á Universidade, antes vetado, foi, xunto co movemento de liberación da muller para conseguir o voto e a igualdade de dereitos laborais, a invención e popularización dos electrodomésticos (que a liberou en parte do duro traballo do fogar), así como a posibilidade de contar con determinados anticonceptivos como a pílula (decidindo cantos fillos quería ter), todos eles foron elementos fundamentais para que a muller no mundo occidental, pouco a pouco, fose participando activamente na vida colectiva e profesional.

Non sucedeu o mesmo noutras latitudes. Aínda hoxe en día os dereitos das mulleres están baixo mínimos en continentes como África, certos países como os árabes, China e tantos outros lugares.

En Occidente, nos lugares máis avanzados democraticamente falando, a principios do século XX as mulleres te ganas de participar e puxeron os medios para facelo. Anteriormente, a ciencia, a filosofía, a arte, a socioloxía, a política ou a economía, é dicir as áreas que implicaban unha saída da esfera doméstica, estaban dominadas polos homes. Rita Levé-Montalcini, premio Nóbel de Medicina en 1986, – falecida recentemente con máis de 100 anos-, escribía na súa autobiografía que titulou “Eloxio da Imperfección”:

Resulta inaudito que a presunta diferenza das capacidades intelectuais entre os sexos masculino e feminino da nosa especie, se deba ao feito de que o individuo ten, no primeiro caso, un cromosoma X e un Y, e no segundo, dous cromosomas X.”

Cristina García-Rosales. Arquitecta

Madrid. Xaneiro 2014

As arquitectas pioneiras: a presenza da ausencia (II) | Cristina García-Rosales

Cristina García-Rosales

Soy arquitecta (1980). Mis proyectos son muy diversos. En 1995 fundo el grupo La Mujer Construye, en el que ocupo la Presidencia. 

follow me

Arquivado en: artigos, Cristina García-Rosales

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,