Espazos para aprender. Arquitectura e Docencia (IV) | Raquel Martínez – Alberto Ruiz

https://veredes.es/blog/gl/espacios-para-aprender-arquitectura-y-docencia-iii-raquel-martinez-alberto-ruiz/

O impacto das ciencias sociais nos espazos educativos tras a Segunda Guerra Mundial

Os esforzos de reconstrución dos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, tiveron un dos seus grandes retos na dotación de servizos sociais e comunitarios dos países máis afectados polo conflito. En certo modo, a necesidade de empezar de cero deu a oportunidade de reformular algunha das iniciativas hixienistas, interpretadas polos arquitectos do movemento moderno. O cambio é importante, máis alá da linguaxe funcional coa que se formulaban as dotacións educativas. Unha das principais críticas ao movemento moderno céntrase, xa dende as primeiras convocatorias dos CIAM1 de posguerra, na importancia do contexto, tanto social, coma urbano ou histórico, que a arquitectura deixara de lado. Neste sentido, as ciencias sociais – psicoloxía urbana, socioloxía – toman un papel principal na concepción da arquitectura, e introducen conceptos novidosos no debate. Termos como o “espazo colectivo” van centralizar as propostas de toda unha nova xeración de arquitectos que verán na tipoloxía educativa un perfecto campo de experimentación.

Rescátanse teorías educativas, como as debidas a María Montessori2, que privilexian a experimentación do alumno por enriba do proceso de adquisición de coñecementos. Romperase así, definitivamente, o concepto de aula tradicional para deixar paso a toda unha serie de espazos polivalentes, de composición flexible, onde o mobiliario pasa a ser un elemento móbil que permite distintas configuracións segundo as necesidades particulares do momento. E de forma fundamental, caracterízanse os espazos de comunicación entre as aulas, que deixan de ser simples corredores de acceso ás aulas para converterse en lugares de relación, de interacción, personalizables, flexibles e funcionais.

A relación entre a aula e o corredor formúlase afín á existente entre a casa e a rúa. E a vida en comunidade existente nesta trasládase ao ámbito escolar. Este “espazo colectivo” serve ademais de lugar de transición entre o público e o privado, admite a relación entre os alumnos, e entre estes e os profesores, e mesmo permite a interacción dos pais, que pasan a formar parte da “comunidade escolar”.

Escola Montessori. Delft. Arq. Herman Hertzberger Planta e imaxe do interior | Fontes: Flickr y ArchitectuurstudioHH

Herman Hertzberger aplica estes conceptos nalgunha das escolas que deseña en Holanda nos anos 60 seguindo o “método Montessori”. A propia concepción da planta da Escola de Delft dános unha idea de como a súa utilización está moi afastada do concepto tradicional de ensino. A caracterización destes “espazos intermedios” resólvese en ocasións simplemente polo uso particular dun elemento de mobiliario, pola cor ou polas diferenzas de iluminación.

Raquel Martínez e Alberto Ruiz
arquitectos, docentes e investigadores
Madrid. abril 2014

Notas:

1 Os CIAM, (Congresos Internacionáis de Arquitectura Moderna), convocados a partir de 1928, supuxeron o foro de debate e experimentación dos arquitectos máis ligados á arquitectura do Movemento Moderno. Disoltos a partir de 1959.

2 Pedagoga de orixe italiana, nacida en 1870, propuxo unha serie de conceptos experimentais no campo da educación, base dalgunhas das teorías modernas ao respecto.

Bibliografía

Monografías:

GARCIA PABLOS, Rodolfo. Construcciones Escolares. Curso organizado por el gobierno español como colaboración al proyecto principal de la UNESCO. Madrid: Dirección General de Enseñanza Primaria, 1962

LANDROVE, Susana, ed. Equipamientos I. Lugares públicos y nuevos programas, 1925-1965. Registro DoCoMoMo Ibérico. Barcelona: Fundación Caja de Arquitectos: Fundación DOCOMOMO ibérico, 2010

BURGOS RUIZ, Francisco. La arquitectura del aula. Nuevas escuelas madrileñas, 1868-1968. Madrid: Ayuntamiento de Madrid. Área de las Artes, 2007

A.C. Documentos de Actividad Contemporánea. nº 9. Primer trimestre de 1933. Barcelona Madrid San Sebastián: G.A.T.E.P.A.C. (Grupo de Arquitectos y Técnicos Españoles para el Progreso de la Arquitectura Contemporánea), 1931-1937

Recursos en línea:

O Blogue de Stepien e Barno. La enseñanza según Louis Kahn [en línea] Abril de 2010 [Consulta en xullo de 2012] Disponible en web

ALVES GONÇALVES, Polyanna. Herman Hertzberger. Edificios Escolares [en línea]. Outubro de 2009 2010 [Consulta en xullo de 2012] Disponible en web

https://veredes.es/blog/gl/espacios-para-aprender-arquitectura-y-docencia-v-raquel-martinez-alberto-ruiz/

Es Doctor Arquitecto por la ETSAM, compaginando su actividad profesional con la docencia y la investigación en la URJC. Los artículos son un reflejo de la inquietud, reflexión y pensamiento en torno a mi pasión: la arquitectura.

follow me

Arquivado en: faro, Raquel Martínez - Alberto Ruiz

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,