Espazos para aprender. Arquitectura e Docencia (III) | Raquel Martínez – Alberto Ruiz

https://veredes.es/blog/gl/espacios-para-aprender-arquitectura-y-docencia-ii-raquel-martinez-alberto-ruiz/

Novos espazos educativos á calor do movemento moderno e as novas formulacións pedagóxicas

A irrupción do movemento moderno no panorama arquitectónico europeo produciu os primeiros exemplos de tipoloxía escolar realmente evolucionados. O certo é que o edificio de corte social foi en poucas ocasións un tema central do movemento moderno moito máis centrado no desenvolvemento da vivenda, pero algunhas das premisas da súa busca dunha nova linguaxe arquitectónica para a nova sociedade do século XX foron aplicadas de forma directa aos novos espazos educativos. O acceso dalgúns destes arquitectos a cargos de responsabilidade nos concellos -especialmente en Alemaña e o Países Baixos- axudou tamén a que o labor municipal de promoción da escola pública fose acompañado de novas formulacións pedagóxicas. Os traballos de Willem Dudok, á fronte do concello de Hilversum, Ernst May en Frankfurt, ou Bruno e Max Taut, en Berlín, supoñen os primeiros intentos de definición de edificios escolares modernos de promoción pública. A pesar das diferenzas en formulación destas propostas -contradicindo a suposta uniformidade de linguaxe dentro do movemento moderno – podemos encontrar certos invariantes máis conceptuais que formais.

Un dos máis interesantes supono a progresiva “atomización” do edificio escolar, que encontra na organización de pavillóns independentes unha forma ideal de composición espacial, afastada da rixidez monumental do edificio escolar tradicional. Esta disposición aparece pola necesidade de obter a maior superficie de fachada posible e a posibilidade de xogar coa diferente orientación de cada espazo, segundo as súas necesidades de iluminación e ventilación, e chegará ao seu desenvolvemento máis elaborado na Sede da Bauhaus, en Dessau, proxectado en 1925 por Walter Gropius.

Escola Bornheimer. Frankfurt. Arq. Ernst May, 1927 | Fonte: BURGOS RUIZ, Francisco. La arquitectura del aula

Podemos encontrar exemplos na disposición en forma de peite, cos patios individuais de cada aula orientados ao Leste, buscando a iluminación matinal das clases, dun edificio como a Escola Bornheimer, de Ernst May (1927) ou na sorprendente plataforma voada do patio da PeterSchule, de Hannes Meyer e Hans Wittmer (1926). Ambos os dous edificios, máis alá da busca dunha linguaxe formal moderna, responden sen dúbida á adopción de conceptos de máximo aproveitamento da iluminación e de disposición de espazos para xogo ao aire libre, tan básico nas nosas escolas actuais, pero tan revolucionario para estes primeiros anos do século XX.

PeterSchule, Basilea. Arq. Meyer e Wittwer, 1927 | Fonte: CURTIS, William. La arquitectura moderna desde 1900.

O desenvolvemento último da optimización de iluminación e ventilación leva á proposta de modelos de Escola ao aire libre, que se converterá nun modelo recorrente, especialmente no Países Baixos. O exemplo máis característico deste tipo de realización encontrámolo no deseño de Jan Duiker para Ámsterdam. A Escola está situada nun patio de parcela e dispón as súas aulas nas diagonais dunha planta cadrada, alternadas cunha terraza aberta a orientación sur, que permite a comunicación directa coas aulas. A situación do núcleo de comunicacións no centro da composición permite liberar completamente as fachadas para obter unha superficie máxima de iluminación

Escola o aire libre. Amsterdam. Arq. Jan Duiker. Planta tipo e imaxe de época | Fontes: BURGOS RUIZ, Francisco. La arquitectura del aula e Tumblr

Raquel Martínez e Alberto Ruiz
arquitectos, docentes e investigadores
Madrid. abril 2014

Bibliografía

Monografías:

GARCIA PABLOS, Rodolfo. Construcciones Escolares. Curso organizado por el gobierno español como colaboración al proyecto principal de la UNESCO. Madrid: Dirección General de Enseñanza Primaria, 1962

LANDROVE, Susana, ed. Equipamientos I. Lugares públicos y nuevos programas, 1925-1965. Registro DoCoMoMo Ibérico. Barcelona: Fundación Caja de Arquitectos: Fundación DOCOMOMO ibérico, 2010

BURGOS RUIZ, Francisco. La arquitectura del aula. Nuevas escuelas madrileñas, 1868-1968. Madrid: Ayuntamiento de Madrid. Área de las Artes, 2007

A.C. Documentos de Actividad Contemporánea. nº 9. Primer trimestre de 1933. Barcelona Madrid San Sebastián: G.A.T.E.P.A.C. (Grupo de Arquitectos y Técnicos Españoles para el Progreso de la Arquitectura Contemporánea), 1931-1937

Recursos en línea:

O Blogue de Stepien e Barno. La enseñanza según Louis Kahn [en línea] Abril de 2010 [Consulta en xullo de 2012] Disponible en web

ALVES GONÇALVES, Polyanna. Herman Hertzberger. Edificios Escolares [en línea]. Outubro de 2009 2010 [Consulta en xullo de 2012] Disponible en web

https://veredes.es/blog/gl/espacios-para-aprender-arquitectura-y-docencia-iv-raquel-martinez-alberto-ruiz/

Es Doctor Arquitecto por la ETSAM, compaginando su actividad profesional con la docencia y la investigación en la URJC. Los artículos son un reflejo de la inquietud, reflexión y pensamiento en torno a mi pasión: la arquitectura.

follow me

Arquivado en: faro, Raquel Martínez - Alberto Ruiz

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,