A Gran Vía de Madrid. Breve biografía crítica dunha gran rúa (V) | Antón Capitel

https://veredes.es/blog/gl/la-gran-via-madrid-breve-biografia-critica-una-gran-calle-iv-anton-capitel/

Memoria de Madrid. Construcción del tercer tramo de gran vía en 1929 y en la actualidad | Fuente: elpais.com
Memoria de Madrid. Construción do terceiro tramo da Gran Vía en 1929 | Fonte: elpais.com

O terceiro tramo, descendente, coma se aludise aos máis apresurados novos tempos, foi realizado como dixemos desde os anos trinta ata os cincuenta; isto é, deixando polo medio á terrible guerra civil. A Gran Vía, inacabada, contemplou e sufriu os bombardeos dos militares franquistas desde a Casa de Campo, e os da aviación alemá, e o edificio da Telefónica, aínda recente, sufriu pola súa altura as terribles feridas da guerra fratricida. Hoxe nada lembra, nin sequera un letreiro, a dramática e criminal contenda, tal e como se o disimulo puidese substituír ao esquecemento.

Unha vontade aínda ecléctica, pero en moi boa medida xa renovada –isto é, na que a influencia da arquitectura moderna facíase xa sentir con bastante forza- construíu maioritariamente este terceiro tramo, con moitas obras interesantes dos anos 30. Unha das últimas, o edificio do cinema Coliseum (de vivendas e cun gran cinema; arqtos Casto Fernández Shaw e Pedro Muguruza, 1931-33) clausurou con gran brillantez formal e urbana o tramo que o Capitol, o seu edificio estritamente coetáneo, iniciara, e deixou testemuño da ecléctica pero boa arquitectura moderna que se produciu na etapa republicana. Coa súa fachada protagonizada pola enfática expresión vertical da estrutura, o edificio Coliseum evocou as grandes cidades estadounidenses e axudou a caracterizar adecuadamente a avenida.

Entre eles, toda clase de cousas; moitas delas, edificios pequenos e entre medianeiras, os máis significativos, e os que forman un mundo arquitectónico indeciso, que mestura recursos académicos e racionalistas. Noutras ocasións, cousas ben diferentes, como a gran operación de arquitectura “franquista” feita polos irmáns Joaquín e Julián Otamendi Machimbarrena, no edificio que foi coñecido como o de “Os sotos”, que aloxa o cinema Lope de Vega (hoxe Teatro) e que ocupa unha gran mazá (1944-49). Na súa inmensa fronte podemos observar con claridade o esforzo dun tensionado equilibrio –quizá algo ridículo- entre o intento de conservación das linguaxes de anteguerra e a forzada mestura cun vocabulario neo- historicista moi pouco convincente, sobre todo para os seus propios autores, o que se transparenta en modo notable.

Os Otamendi construíron tamén os dous grandes “monstros” finais, o chamado “Edificio España” (1947-53) e a chamado “Torre de Madrid” (anos 50), novas emulacións das cidades estadounidenses, esta vez non demasiado cualificadas e bastante esaxeradas, fóra de escala. Tan fóra de escala que ambos tiveron problemas de supervivencia. Cando se escriben estas liñas, o edificio “España” está pechado, é de propiedade chinesa e está ameazado por ser reformado polo arquitecto británico Foster, ameaza esta última que a quen escribe parécelle probablemente a peor de todas. Estas dúas antigas operacións son testemuño tanto do provincianismo propio da etapa de posguerra, tentando en balde facer de Madrid unha gran cidade, como do nacemento da especulación do chan como un moi importante negocio, sustitutivo da verdadeira industria, que naceu e prosperou coa desafortunada ditadura militar, tan torpe e tan longa, e que se converteu logo nunha das actividades económicas máis propias do noso país, que conviviu co desenvolvemento da democracia, cos resultados tan desastrosos que comprobamos xa no século seguinte.

A cidade é un mecanismo e un territorio de especulación económica, desde logo, pero non necesariamente feroz nin tan desafortunada como a que vivimos. Quédanos, con todo, a Gran Vía como un testemuño moi completo e moi complexo, onde a cidade como un instrumento de negocio viuse compensada as máis das veces co nacemento dunha calidade urbana e arquitectónica máis que notable.

Antonio González-Capitel Martínez · Doutor arquitecto · catedrático en ETSAM
Madrid · xaneiro 2016

Referencias:

– 100 años de Gran Vía. El Mundo.

– Gran Vía. Memoria de Madrid.

https://veredes.es/blog/gl/la-gran-via-madrid-breve-biografia-critica-una-gran-calle-vi-anton-capitel/

Antón Capitel

Es arquitecto y catedrático de Proyectos de la Escuela de Arquitectura de Madrid, fue director de la revista Arquitectura (COAM) de 1981-86 y de 2001-09. Historiador, ensayista y crítico, ha publicado numerosos artículos en revistas españolas y extranjeras sobre arquitectura española e internacional. Entre sus libros destacan diferentes monografías sobre arquitectos.

follow me

Arquivado en: Antón Capitel, artigos

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,