A arquitectura pública en Madrid e no inicio do século XXI (IV) | Antón Capitel

Cidade da Xustiza. Detalle do proxecto gañador, do equipo de Frechilla e López-Peláez

Dentro das grandes obras de nova planta están as que, probablemente por ambiciosas, foron interrompidas por falta de financiamento a causa da crise económica. A principal delas é a chamada “Cidade da Xustiza”, a construír nuns terreos moi periféricos, contiguos á última ampliación do aeroporto de Barajas, a terminal “T-4”.

O feito mesmo da “Cidade da Xustiza” me pareceu sempre unha idea moi mala precisamente por esta localización periférica, que evita todas as vantaxes que a cidade significa, sobre todo as ligadas ao transporte público, aínda que non só, dende logo. Non se entende por que a administración da Xustiza pensou nesta posibilidade, nin tampouco por que o Colexio de Arquitectos a aceptou e colaborou con ela.

A administración do Estado ten en Madrid importantes edificios abandonados, ou en uso parcial ou innecesario, que tivesen podido evitar esta idea periférica da “Cidade da Xustiza”. Completamente abandonado encóntrase o que foi o Hospital Militar “Xeneral Franco” (resulta un fastío, dito sexa de paso, ter que referirse aínda a nomes como este), que ocupa nada menos que unha mazá do ensanche (a de Isaac Peral, Joaquín María López, Hilarión Eslava e Donoso Cortés), tendo mesmo algo de espazo libre sen edificar. Este podería ter sido unha das bases da nova “Cidade da Xustiza”, e está nunha localización extraordinaria.

Pero ademais moi preto (a dez minutos andando) está o semi-ocupado (ou o finxidamente ocupado) Parque Móbil, noutra espléndida situación, con fachada principal a Cea Bermúdez. Creo que neste caso, e aínda que a fronte non é tan grande, a superficie en planta é maior que unha mazá, pois en realidade colle dous. E resulta bastante doado buscalo sitio na periferia a un garaxe para os coches oficiais, supoñendo que esa cuestión sexa necesaria. Con iso teriamos máis de dúas mazás do ensanche, e moi próximas, para dedicalas aos espazos madrileños da Xustiza. É moi probable que fose suficiente.

Pero, se non, queda aínda unha importante posibilidade, a do antigo “Ministerio do Aire”, hoxe Cuartel Xeral (?) do Exército do Aire, que podemos imaxinar ocupado tan só en parte, e que se non, tanto dá. Cando os tres ministerios franquistas do exército se converteron nun, o de Defensa, gañaron, insolitamente, un cuarto edificio, o que foi Información e Turismo na ditadura e logo Cultura, na democracia, na prolongación da Castelá. Pois agora sería ben sinxelo obrigar o exército a repregarse a 3 edificios, ou a buscar outro calquera entre os múltiples que ten abandonados e sen uso. Iso, supoñendo que o exército siga sendo necesario e non unha ficción.

O vello edificio franquista de Gutiérrez Soto ten bastante carácter para recibir o letreiro “Pazo de Xustiza”, bastante máis que para o uso actual. Parecería mesmo feito en orixe para ese novo uso, se así fóra. Veríase bastante, e ata nos convencería, quizais, de que a Xustiza podería funcionar. Sexa como for, xa ven: máis de tres mazás, no mesmo barrio, moi preto, que poderían ter soportado a “Cidade da Xustiza”, en vez de levársea á periferia. Debemos á crise económica algunha vantaxe, e non só inconvenientes, como é esta de terse cargado a “Cidade da Xustiza”. Aínda estariamos a tempo para que se fixese algo do que digo, ou cousas semellantes.

Pero, como é sabido, non remata aquí a cousa. Celebrouse un importante concurso destinado aos terreos da periferia, auspiciado polo Ministerio de Xustiza, a Comunidade de Madrid e polo Colexio de Arquitectos, organismos todos eles que aceptaran, e ata inventado, a disparatada situación fóra da cidade. Pero enriba, un xurado que prefiro non recordar deu o premio a unha proposta do equipo dos arquitectos Frechilla e López-Peláez, bos e cultos profesionais, que propuxeron, como é ben sabido, e, non obstante unha “Cidade da Xustiza” composta por edificios obrigadamente ¡de planta circular!

A loucura da localización completouse con esta outra da forma planimétrica. Os edificios non son case nunca redondos, salvo que sexan prazas de touros, igrexas centrais, e, acaso algúns outros, en casos moi especiais. Mesmo as igrexas centrais nunca foron moi convincentes e fixéronse moi pouco. A forma circular non é moi propia das edificacións, aínda que, testanamente, haxa arquitectos, supostamente bos, que a sigan empregando nalgunhas ocasións. Pode recordarse que Sáenz de Oíza, Carvajal, Figueiras, Navarro Baldewg, Fernández Alba, Moneo,… fixeron ou proxectaron edificios redondos, pero eran polo menos singulares e illados. O que nunca propuxera ninguén era unha sistemática completa de edificios non singulares e todos eles de planta circular. O cal non quere dicir que non sexa unha proposta bela -os debuxos do concurso eran moi bonitos; se non, non o terían gañado-, ou que os edificios redondos non sexan belos. O malo é que ademais de belos son absurdos e, ademais, un pouco parvos. Polo menos, tomados no seu conxunto.

O certo é que, tamén dende este punto de vista, a recesión económica nos librou, polo menos de momento, dun notable disparate.

(continuará…)

Antonio González-Capitel Martínez · Doutor arquitecto · catedrático en ETSAM

Madrid · marzo 2013

Antón Capitel

Es arquitecto y catedrático de Proyectos de la Escuela de Arquitectura de Madrid, fue director de la revista Arquitectura (COAM) de 1981-86 y de 2001-09. Historiador, ensayista y crítico, ha publicado numerosos artículos en revistas españolas y extranjeras sobre arquitectura española e internacional. Entre sus libros destacan diferentes monografías sobre arquitectos.

follow me

Arquivado en: Antón Capitel, artigos

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,