Reforma e Ampliación da Lonxa de Vilanova de Arousa | 2C Arquitectos

O obxectivo do proxecto era ampliar e transformar o edificio da LONXA de Vilanova de Arousa. Tratábase dun edificio formado por unha nave de exposición e venda e un pequeno edificio administrativo anexo.

Intentamos aproveitar a oportunidade da ampliación do espazo de vendas, para dotar á Lonxa de novas funcións e unha imaxe máis contemporánea e axeitada ao que entendemos que debe ser un edificio semiindustrial que configura a fachada dun núcleo urbano nun bordo marítimo.

A nosa proposta consistiu na construción dunha nova cuberta que envolve os dous volumes do edificio existente, modifica radicalmente a súa morfoloxía e lle outorga un papel protagonista e referencial no espazo portuario de Vilanova.

Neste aspecto teñen especial importancia as diferentes texturas e os acabados metalizar que ofrecen percepcións diferentes segundo a luz e a distancia.

Para iso construíuse unha estrutura de aceiro sobreposta á estrutura orixinal de madeira laminada e unha serie de muros de formigón armado que axudaron a conformar o novo volume.

Na cuberta optouse pola utilización de chapa de aluminio gofrado, con xuntas continuas segundo sistema Kalzip. O material da cuberta reviste tamén os alzados norte e sur, nunha solución de continuidade que reforza a definición do volume principal.

Para o revestimento dos dous volumes menores empregouse chapa deployé de aluminio galvanizado, que colocada sobre as fábricas do cerramento, integra as novas e as preexistentes. Na configuración do revestimento, é especialmente importante o formato das chapas de deployé e a materialización e expresividade das súas xuntas.

Os espazos interiores resolvéronse mediante a aplicación de revestimentos continuos tanto en chan como parede, de cor branca, para dar luminosidade ao espazo así como ofrecer todo o protagonismo ao produto do mar que se expón ante curiosos e compradores.

En canto ao uso, pasa de ser un edificio puramente funcional vinculado á venda e poxa do marisco da ría, a ser un equipamento máis da área urbana, á que se pode acceder e visitar, para coñecer os traballos que alí se realizan así como gozar dunhas fantásticas vistas da ría. Isto é posible grazas a unha pasarela elevada de acceso ao público que percorre o interior da nave e a unha nova terraza situada baixo esta gran cuberta.

Obra: Reforma e Ampliación da Lonxa de Vilanova de Arousa

Localización: Porto de Vilanova de Arousa

Autores: 2C ARQUITECTOS (Angel Cid e Silvia Diz)

Colaboradores: Maite Gómez, Cristina Sánchez, Elisa Rodríguez, María Rodríguez, Carlos Perandones, arquitectos. Samuel Fernández, arquitecto técnico. Jorge Cebreiro, cálculo estructura. GAIA Enxeñería, instalacións. Marta Boga, delineante.

Data: 2010/2012

Promotor: Portos de Galicia

Empresa Constructora: Civisglobal S.L.

Presuposto: 628.493,47€

Superficie: 1.298 m2

Fotografía: Héctor Santos-Díez | BISimages

+ 2carquitectos.com

Recoñecementos:

Premio GRAN DE AREA 2013

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, equipamiento dotacional, equipamiento industrial, obras

Tags: , , , , , , ,