Asociación Cultural Dimomo Arquitectura · Proxecto didáctico e difusión | cortaypega

5 (100%) 1 vote[s]

Neste nova entrega, desprazámonos ao sur de España, ata Granada concretamente, para coñecer un pouco máis o proxecto de carácter lúdico e divulgativo, cortaypega.

Esta iniciativa xorde ao amparo Asociación Cultural Dimomo Arquitectura formada en 2014 por un inquedo grupo de arquitectos (Miguel Centellas Soler, Sebastián Do Piñeiro Cabelo, Pablo García-Pellicer López, Ricardo Hernández Soriano e Fernando Jiménez Parras) cuxo fin é “divulgar, mediante actividades e publicacións fundamentalmente, aqueles aspectos relacionados directa ou indirectamente coa arquitectura“.

Fronte a esta era dixital que vivimos, cortaypega pretende achegar algúns dos máis importantes edificios do século pasado, a través dunha humilde forma lúdica e educativa, mediante o recortable en papel.

En palabras dos seus promotores:

cortaypega nace da ilusión dun grupo de arquitectos por contribuír á difusión da Arquitectura Española do século XX, no seu sentido máis amplo. Un percorrido no que trataremos de coñecer e comprender diversas obras coa esperanza de afectar á mirada de calquera persoa sobre a arquitectura..”

Sen máis preámbulos deixámosvos a entrevista que tivemos a oportunidade de realizar, sobre este proxecto.

Membros da Asociación Cultural Dimomo Arquitectura | Fotografía: cortaypega

¿Cal foi a vosa formación e traxectoria profesional previa a “cortaypega”?

Todos somos arquitectos, e as nosas traxectorias son heteroxéneas e diversas: a profesión libre, o ensino a distintos niveis, o traballo para a administración, os concursos, a implicación na vida colexial… , son diversas facetas dese “ser arquitecto” nas que todos dun ou outro modo participamos. O nexo de unión, o punto que realmente nos vincula é a investigación sobre a arquitectura (sobre as arquitecturas) nas nosas respectivas áreas de proximidade, en particular sobre o Movemento Moderno. E a consciencia de que é necesario investigar sobre arquitectura e a súa posterior divulgación.

¿Que vos levou a poñer en marcha este proyecto?¿Por que dende un punto de vista lúdico?

Aos arquitectos gústanos ver arquitectura, e gústanos falar de arquitectura. Pero todos compartiamos a opinión de que facía (fai) falta máis difusión. Os arquitectos temos que ser capaces de transmitir, de explicar, de mostrar a arquitectura que nos emociona, e de contaxiar esa emoción. A arquitectura non pode ser para os arquitectos, senón que temos que lograr que realmente sexa de todos; e para iso, ademais da nosa responsabilidade como técnicos na nosa profesión (é dicir, tratar de facer arquitectura de calidade), consideramos que é importante dar a coñecer a boa arquitectura.

E ademais xuntábase unha especial afección polos libros (¿a algún arquitecto non lle gustan os libros?), con certa querencia polos xogos tradicionais e en especial os recortables de papel.

Durante algúns anos este proxecto foi un “poderiamos…”, un “estaría ben…”, ata que se converteu nun “Vamos a facelo”.

Cando un fai un recortable de papel, que á fin e ao cabo é un xogo, está a manipular o papel, conformando volumes e espazo e, case sen decatarse, aprendendo sobre esa arquitectura que está a construír.

Por poñer un exemplo concreto: podería ser complexo explicarlle a alguén sen coñecementos de xeometría que é un paraboloide hiperbólico; ou a alguén sen coñecementos de estruturas que son os “ósos” de Fisac. Non obstante, pensamos que cando alguén constrúe o recortable de La Pagoda que deseñamos, cando deforma o papel para montar os paraboloides, ou o prega para construír os ósos das naves, está a aprehender eses conceptos.

Unha mostra da colección de recortables que en certo modo está no xermen desta historia | Fotografía: cortaypega

¿Tiñades algunha experiencia previa?

¿Quen non montou un cubo de papel no colegio?¿Un tetraedro, un dodecaedro? ¿Que arquitecto, ao longo dos seus anos de estudo ou de profesión, non resolveu unha maqueta simplemente con papel, montando un recortable?

Cada un de nós, polo noso lado, participara anteriormente, dalgún xeito, nalgún tema relacionado coa edición de publicacións de arquitectura. E un dos nosos membros atesoura unha preciosa colección de recortables de arquitectura, e xa realizara algún deseño en temas locais.

¿Encontrástesvos con moitas dificultades?¿Cales foron as máis problemáticas?

Por un lado, metémonos nun campo, a edición, que tocaramos só dun modo tanxente; non é o mesmo escribir un artigo, maquetar algunhas páxinas, que preparar, de principio a fin, a edición dun libro. Iso implica moitas cousas que se nos escapaban ao principio e que aínda temos nada máis que collidas polos pelos. E o feito de facelo todo nós mesmos fai que nos encontremos con cuestións que non nos son familiares e ter que tomar decisións un pouco atrevidas.

Por outro lado, está o deseño dos recortables: cada recortable leva detrás moitas horas de traballo, moitas probas, moitos tenteos, porque te encontras con asuntos que de primeiras non tes nin idea de como resolver. Pero isto ten moito que ver cun proxecto de arquitectura, con esa toma de decisións construtivas que implican decisións de deseño e ao revés (aínda que neste caso partamos dun modelo final xa existente).

Así que dificultades… a diario. Pero todas se van resolvendo con paciencia, imaxinación, tempo…

¿Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

cortaypega é un proxecto a longo prazo. Iso implica que os nosos obxectivos a curto prazo eran moi modestos: botar andar; o único xeito que había de arrancar este proxecto era poñéndoo en marcha. Pero ademais estamos satisfeitos coa acollida que está a ter o noso proxecto: en redes sociais, no trato con librarías (cunha distribución absolutamente rudimentaria o noso libro de La Pagoda está en case unha trintena de puntos de venda en toda España)… A todo o mundo lle parece un proxecto precioso; e iso alégranos, claro.

¿Considerades que estudar Arquitectura foi un pasaporte fundamental para chegar ao voso traballo actual?

Sen dúbida, deseñar un recortable de arquitectura, e facelo co rigor co que tratamos de facelo só podémolo facer pola nosa formación como arquitectos.

¿Que expectativas e proxectos de futuro tedes para “cortaypega”?

Acabamos de lanzar o noso número 2, as Vivendas na Barceloneta, e estamos a ultimar o recortable do Club Náutico de San Sebastián, e traballando no Goberno Civil de Tarragona e a Casa Huarte. Con algúns matices, temos elaborada a programación para 2015 e 2016, no que á liña grosa de cortaypega se refire, é dicir, a colección de recortables de arquitectura española do século XX. Porque ademais estamos a traballar nalgunhas ramificacións desta liña principal e trataremos de que vexan a luz durante 2015.

¿Compaxinades ou complementades esta actividade con outros labores ou noutros campos?

A nosa actividade na Asociación Cultural é unha actividade allea ás nosas actividades profesionais, así que é máis ben ao contrario: complementamos a nosa actividade profesional cos nosos labores en cortaypega.

¿É rendibles este tipo de iniciativas?¿Sentídesvos ben remunerados polo labor que realizades?

En termos económicos o labor que tratamos de realizar a través da Asociación Cultural non é en absoluto rendible. Confiamos en que a medio prazo polo menos se autofinancie. Pero iso é algo do que eramos conscientes cando nos puxemos en marcha, así que non foi unha sorpresa.

Dos de los recortables que tienen ahora mismo editados (La Pagoda y el Quiosco) | Fotografía: cortaypega

¿Animarías outros arquitectos a seguir os vosos pasos? ¿Que pasos considerades que deberían dar? ¿Como completar os seus estudos? ¿Que outros consellos lles darías?

Animamos calquera persoa a ter unha idea, crer nela, e poñer a súa ilusión e esforzo en poñela en marcha. Naturalmente, en calquera disciplina a formación é vital; a propia e a “complementaria”: idiomas, tecnoloxías, mercadotecnia… Pero a clave é unha idea e a fe nela; e o traballo.

¿Credes que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Os arquitectos en España temos unha formación moi ampla que nos debe permitir abrir calquera vía de traballo que se nos ocorra; só hai que encontrala. É certo que a actual situación da construción nos fai temer que nunca volveremos facer un proxecto “tradicional”, pero hai que ser conscientes de que podemos e debemos traballar naquilo que a sociedade precise de nós, sen desprezar nin desperdiciar a nosa formación, e sen necesidade de rexeitar esa casa “tradicional”. Chámao rehabilitación, sostibilidade, participación social… Que agora mesmo non haxa traballo na construción non implica que a nosa profesión xa non valla, faltaría máis. Se fai falta explicarlle á sociedade o que sabemos e podemos facer, pois haberá que explicárseo.

¿Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

A situación actual, e non só na nosa profesión, está a obrigar moita xente a “buscarse a vida”. Iso pode implicar cambiar de actividade, e tamén cambiar de cidade, ou cambiar de país. E hai que ser moi valente para dar o paso, abandonar a nosa zona de confort, e irse a traballar e vivir outro país. Así que a nosa opinión non pode ser outra que o máximo respecto cara a esas persoas, e a esperanza de que ninguén teña que optar por esa solución por necesidade, senón por elección persoal.

¿Como vedes o futuro da profesión?

Cando a actividade económica volva ao ámbito da construción os arquitectos volveremos desempeñar un papel importante na sociedade xa que a nosa formación e coñecementos son necesarios. Evidentemente a profesión terá cambiado. O exercicio individual vai ser difícil pola complexidade na que todo está a cambiar. A asociación con arquitectos máis especializados en temas ou con outros profesionais intúese imprescindible.

El libro, La Pagoda, Miguel Fisac, 1965 en librerías | Fotografía: cortaypega

Asociación Cultural Dimomo Arquitectura · Proxecto didáctico e difusión | cortaypega

Xaneiro 2015

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecer a Asociación Cultural Dimomo Arquitectura, e en especial Fernando Jiménez, polo seu tempo e predisposición con este espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,