A Kunsthaus en Graz, de Peter Cook | Halldóra Arnardóttir – Javier Sánchez Merina

Dende principios dos sesenta, Peter Cook (n. 1936) sacudiu constantemente a cultura arquitectónica cos seus fantásticos debuxos, como Cidade Ambulante, Cidade Enchufable e Cidade Instantánea.

“De todos os edificios que nos rodean na cidade, son contados aqueles que nos chaman a atención e, literalmente, responden á nosa mirada.”

A Kunsthaus toma por sorpresa o viandante do centro barroco de Graz.

A nova Kunsthaus de Graz é un museo de arte que se comunica cos viandantes a través da fachada, en espera das súas respostas. Os seus arquitectos, os británicos Peter Cook e Colin Fournier, proxectárona para propagar o traballo de artistas contemporáneos e ser, en si mesmo, un punto de reunión para escoitar, responder e intercambiar ideas. A súa imaxe xa é un novo símbolo de Graz: un esponxoso volume azul mariño que flota sobre un edificio histórico da ilustre cidade austríaca, que foi a “Capital Europea da Cultura” durante o ano 2003, ademais de ser, en setembro do 2000, a primeira “Cidade de Dereitos Humanos” declarada en Europa.

Planta baixa da Kunsthaus de Graz (2003)

A cidade de Graz

Sendo a segunda cidade do país, cunha poboación de 270.000 habitantes e gran reputación en investigación científica, Graz mostrouse historicamente aberta cara ás novas ideas e foi valente ao xustapoñer edificios antigos e modernos no seu trazado urbano.

A pesar diso, non sempre existiu un equilibrio na súa estrutura social. A historia moderna de Austria relata a súa incorporación á Alemaña nazi en 1938 e, máis recentemente, rexurdir dos xenófobos durante os noventa. O equilibrio social é un obxectivo político da sociedade contemporánea de Graz, compromiso que xa quedou explícito ao solicitar ser proclamado “Cidade de Dereitos Humanos”. Con este nomeamento a cidade invocou o fluxo de información, a liberdade de opinión e unha mellora na relación cos inmigrantes. Para iso, o Consello Municipal de Graz puxo en marcha diversas iniciativas, por exemplo, organizando actividades de capacitación en materia de dereitos humanos para funcionarios locais ou, nos colexios, actividades de educación contra o racismo.

A pel azul da Kunsthaus é unha pantalla de baixa resolución, pero do tamaño de todo o edificio, que reproduce textos e imaxes en movemento.

A Casa das Artes

Tamén no 2000, e como parte do programa preparativo para ser Graz a “Capital Europea da Cultura”, organizouse un concurso internacional para deseñar a nova Kunsthaus nun soar da rivera do río Mur. O grupo Spacelab, dirixido por Cook e Fournier, gañou cunha proposta que tomaba o viandante por sorpresa. Unha vez construído o edificio, son aínda moitos os que se cuestionan se este se encontra fóra de contexto e mesmo se non é un tanto arrogante fronte á densa veciñanza. A pesar del, e aínda admitindo a potente presenza dos seus lucernarios, que aparecen como sarabullos na súa pel azul, sería precipitado establecer conclusións sen realizar unha análise máis profunda.

Vista dende a rúa, a Kunsthaus voa sobre a histórica Eisernes (1847), o primeiro edificio de estrutura metálica construído en Europa. A el enlázase delicadamente por medio dunha plataforma de observación chamada “a agulla”, que ofrece vistas panorámicas da cidade e as súas montañas circundantes. Comparado co histórico edificio veciño, que ten fachadas e planta perfectamente rectangulares, un non pode realmente referirse ao Kunsthaus como edificio de teña unha fachada ou un tellado absolutamente determinado. É máis ben unha pel composta por un millar de pranchas de fibra de vidro acrílico, que está perforada por dezaseis tobeiras para deixar entrar a luz e o aire fresco. Estes lucernarios son, ademais, perforacións que enmarcan vistas específicas da paisaxe e mesmo, dende un deles, os visitantes poden contemplar a pintoresca torre do Reloxo, emblema da cidade.

Baixo esta burbulla azul hai unha sinxela triangulación de aceiro, revestida cunha lámina do mesmo material, que geometriza a dobre curvatura, e, entre ambas as dúas, un total de 925 aneis fluorescentes de 40 watios. Cada anel de luz funciona como un pixel xa que está controlado por un sistema informático; un sinxelo enxeño que converte a pel azul nunha gran pantalla, do tamaño de todo o edificio, onde se poden reproducir textos e imaxes en movemento.

Dende o vestíbulo, unha escaleira mecánica introduce o visitante nas salas de exposicións do museo, que ocupan as dúas plantas superiores.

Comunicando coa cidade

Debido ao recoñecemento internacional que Peter Cook alcanzou nos anos sesenta como membro do mítico grupo Archigram, autores de incribles debuxos de arquitectura que xuntaban a cultura Pop e a crenza en tecnoloxía para xerar posibilidades e alternativas ao noso modo de vida; non poucos foron os críticos que catalogan a Kunsthaus como a realización do vello sono de construír un edificio a partir daqueles debuxos. Algúns chegaron mesmo a afirmar que esta obra pertence ao século pasado.

A Kunsthaus ou “o extraterrestre amigable”, como o chaman os seus autores, vai máis alá de ser meramente un xesto irónico ligado a un novo símbolo de Graz. Esta obra ofrécese como un lugar de reunión para percibir diferentes voces en sociedade. Artistas e comisarios de exposicións poden comunicar as súas crenzas, desexos e emocións, á cidade a través do alzado, e así o edificio no seu conxunto convértese nunha icona contemporánea de comunicación. Neste sentido, a Kunsthaus reflicte unha actitude, unha liberdade de palabra, que é cuestión primordial na “Cidade de Dereitos Humanos”. O seu alzado non é unha mera mensaxe senón que provoca un diálogo coa cidade mesma.

Á parte de satisfacer os requirimentos funcionais de todo museo, este edificio dá a cidade unha nova forma de comunicación que anima a grupos radicais a cuestionar o seu comportamento: a fachada reescribible de ideas, os distintos lucernarios apuntando a diferentes puntos de vista e a flexibilidade do edificio adaptándose ao histórico edificio veciño. A Kunsthaus en Graz produce efectos que poden chegar a cambiar mentalidades.

Halldóra Arnardóttir + Javier Sánchez Merina

doutora en historia da arte. doutor arquitecto

Murcia. outubro 2014

Halldóra Arnardóttir – Javier Sánchez Merina

Javier Sánchez Merina es Profesor Titular en la Universidad de Alicante. Anteriormente enseñó en Kingston University London y Carleton University en Ottawa. Sus clases, textos y obra construida buscan establecer relaciones entre la docencia, la investigación y la profesión. En la actualidad participa en el Proyecto de Investigación Europeo sobre Arquitectura Terapéutica.

Halldóra Arnardóttir. Doctora, (The Bartlett, UC London 1999 – homologación UMU 2007), Colaboradora con el Observatorio de Diseño y Arquitectura de Murcia (2008-10), acreditación de la ANECA como Ayudante Doctor (2012) y en la actualidad Coordinadora de Arte y Cultura como Terapia (HUVA) en colaboración con UMU, Profesora Ayudante Doctor (UCAM) y Azrieli Visiting Critic en Carleton University (Ottawa 2012).

follow me

Arquivado en: artigos, Halldóra Arnardóttir - Javier Sánchez Merina

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,