Que é a arquitectura para Alejandro de la Sota

5 (100%) 2 votes

“Gustoume sempre falar de Arquitectura como divertimento; se non se fai alegremente non é Arquitectura. Esta alegría é, precisamente, a Arquitectura, a satisfacción que sente. A emoción da Arquitectura fai sorrir, dá risa. A vida non.”

Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913; Madrid, 1996) é un dos mestres da arquitectura española do século xx. Profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid ( ETSAM), o seu ronsel serviu de referencia a varias xeracións de arquitectos españois.Na década de 1930 trasladouse desde a súa Pontevedra natal a Madrid para comezar os seus estudos na Facultade de Matemáticas, condición necesaria para ingresar na Escola de Arquitectura.

Tras obter o título de arquitecto en 1941, dedicou os primeiros anos da súa vida profesional a traballar para do Instituto Nacional de Colonización, unha etapa que culminou coa construción do pobo de Esquivel (Sevilla, 1952-1963) e a casa Arvesú (Madrid, 1953-1955, demolida). A partir de entón participou nunha serie de concursos que marcaron a liña que precede ao Goberno Civil de Tarragona (1957-1964), considerada por moitos a súa primeira obra mestra. Nesa época prolífica realiza varios proxectos de arquitectura moderna industrial, como a central leiteira Clesa (Madrid, 1958-1961) e as naves do CENIM na Cidade Universitaria (Madrid, 1963-1965) e constrúe a súa obra máis recoñecida e admirada unanimemente, o ximnasio do colexio Marabillas (Madrid, 1960-1962), que o crítico británico William Curtis considera a obra máis significativa da arquitectura española contemporánea.

En 1960 obtén unha praza de funcionario na Dirección Xeral de Correos, e ao longo desa década explora as posibilidades que ofrecen os novos materiais e desenvolve unha serie de proxectos cunha formulación construtiva baseada na utilización de paneis prefabricados de formigón para muros e forxados, que leva a cabo na casa Varela en Villalba (Madrid, 1964-1968).

En 1971 abandona o ensino e en 1972 regresa ao seu posto de funcionario da Dirección Xeral de Correos. Durante estes anos constrúe o Colexio Maior César Carlos na Cidade Universitaria (Madrid, 1968-1971), o edificio para aulas e seminarios da Universidade de Sevilla (1972-1973) e a casa Guzmán na urbanización Santo Domingo (Madrid, 1972-1974), onde ensaiaría cuestións que abordará máis tarde na casa Domínguez na Caeira (Pontevedra, 1973-1978). Á etapa como funcionario de Correos pertencen o Centro de Cálculo para a Caixa Postal na Vaguada (Madrid, 1972-1977) e, anos máis tarde, o edificio de Correos e Telecomunicacións en León (1981-1984), unha etapa na que estaba completamente inmerso nas técnicas de prefabricación lixeira.

Desde a conferencia que pronunciou na Escola de Arquitectura da Technishe Universität de Múnic en 1978, a súa obra foi recoñecida internacionalmente. Impartiu numerosas conferencias en España e no estranxeiro e a súa obra foi obxecto de exposicións individuais en universidades como Harvard University, a Architectural Association de Londres, a ETH de Zúric, Karlsruhe, Aquisgrán e Milán, ademais de en numerosas escolas de arquitectura de España.

Arquivado en: tv

Tags: , , , , , , , ,