(entre paréntese) (IV) | Jorge Rodríguez

(entre paréntese) (IV) | Jorge Rodríguez

Retrato da nai do artista. Pablo Picasso. 1896

Quero rematar esta serie de artigos que se agrupan baixo o paraugas da miña paréntese con esta imaxe. Este retrato de finais do século XIX, unha estampa do máis común, unha nai adormecida, botando unha sesta. O de hoxe, é un texto moi especial.

A influencia que ten no ser humano o ámbito en que se desenvolve é incalculable, e algún dos factores que o definen poderían entenderse como invariantes se o poñemos en relación co carácter cambiante do ser1.

Esas circunstancias son ás veces tan próximas que pasan a formar parte dun ego no que non se distinguen fisuras, onde as modificacións por engadido ou subtracción que o tempo lle inflixen configuran as cicatrices propias dun rostro curtido; materializan a experiencia.

Nos primeiros pasos de calquera proceso de expresión artística acudimos ao noso ámbito máis próximo para obter un substrato fértil que satisfaga o instinto creativo. Buscamos en nós mesmos a través do traballo doutros2, tratando de destilar a nosa esencia para plasmala e comunicala. Ese instinto creativo, que nos leva a sentir, expresar e comunicar, en definitiva, a vivir, é algo inherente ao ser humano. É o noso xeito de tratar de calmar ese impulso escópico nos forza a que mirar, e ser mirados, e que con tanta frecuencia nos transporta ao mundo do imaxinado, da estética.

Por outro lado, aparece por sistema entre os artistas de principios do século XX un intento de coñecer o que está máis alá do horizonte. De viaxar aos estados máis primitivos, afastándose da influencia de xeracións precedentes. Tratan de achegar uns límites e de ampliar o ámbito do que se nutría a súa obra, xa que sentían un fastío e esgotamento polas influencias do seu ámbito máis próximo e os motivos da cultura occidental.

Gústame especialmente o exemplo que nos trae Borges nas Norton Lectures do 67, en Harvard, nesta ocasión falando sobre a poesía e a épica. Dicía que durante séculos ser humano se satisfixo contando tres historias, a Ilíada, a Odisea e o Evanxeo. Todas as historias xiraban en torno a estas e as reflexións que encerran, que non é pouco. A partir dun punto que non acerta a localizar, comezaron a aparecer novas historias, as cales carecen da potencia das anteriores por non ser “parte” do ser humano, por carecer dese carácter case familiar que ten a épica clásica, na que podemos recoñecer todas as nosas inquietudes, os nosos medos, os nosos desexos. Así, di, ve imposible empatizar co Ulises de James Joyce, pero non obstante no de Homero recoñece cada home, loitando contra si mesmo, a súa soidade e o seu mar. Distingue este punto como o momento no que os poetas deixaron de contar historias.

Non obstante sorprendente é o feito que nos mostra Picasso. Cando fala da arte negra, que apareceu na súa vida a través da compra compulsiva de máscaras africanas nun anticuario do boulevard de Clichy, fala cunha proximidade abraiante, en lugar de necesitar un esforzo interpretativo excepcional para coñecer a súa natureza recoñece a esencia da nosa cultura, poderiamos falar mesmo de proximidade no campo do primitivismo. Esa capacidade de recoñecer nunha cultura tan remota en tempo e lugar, o máis primitivo e profundo do noso ser pode que estea reservada aos xenios. Porque a capacidade de extraer dun gran conglomerado de lugares, materiais, persoas, tempos, sentidos, emocións… o combustible que impulse o noso proxecto é fundamental e moi complexa. Atráeme especialmente o que sucede no momento de comezar a producir, unha vez deixado atrás o lugar da observación e o estudio4. Ese momento en que a ferramenta toma contacto co soporte e comeza a establecer as regras do xogo, os límites cos que imos interactuar. Ese momento no que a Matisse se lle convertían as flores en bailarinas5.

Eses instantes de transformación dependen en gran parte do asimilado das nosas influencias. Aquilo que pasou a formar parte do noso eu máis persoal tradúcese e codifica dun xeito natural. Non obstante, o coñecemento recén espremido, que aínda non foi dixerido, intoxica a nosa linguaxe arrebatándolle unha característica fundamental; a capacidade de expresar o que somos. Por iso, quero hoxe facer unha pequena apoloxía do inmediato, dos nosos. Do próximo.

Como xa compartín convosco, levo un tempo mirando con cariño aquilo que me rodea en proximidade, o que se deixa sentir. Esas construcións inmediatas, feitas con poucos medios e moito sentido común que van crecendo do chan alí onde fai falta. Interésanme as leccións tan depuradas que nos deixan como legado ao que acudimos menos que pouco. Esa atención aos materiais inmediatos e ás técnicas manexadas, case xenéticas, transmitidas lonxe dunha academia que rigidice, tipifique e clasifique; aprendidas de avó a neto, como se aprenden as cousas realmente divertidas da infancia. Interésame moito este canle de pensamento. Interésame onde colocamos o barreira do próximo. Interésanme as esculturas de Giacometti. E os seus debuxos e pinturas. E as casas de Le Corbusier.

Explícome. Unha pregunta case irreverente, desafiante, que Enric Miralles se facía á hora de empezar un proxecto era ¿De que tempo é este lugar? Reflexionaba sobre o paso do tempo e a pegada que deixa nun lugar, tremendamente influente á hora de establecer un límite temporal no que traballar. Desa forma, aseguraba que entendía como próximo no tempo todo o que acontecía a partir do século XVI, o seu límite era Michelangelo Buonarroti. Aí comezaba o próximo, eses eran os seus límites; sen establecer esas regras de xogo e ese marco, non hai cabida para a cabriola, o salto e xiro mortal do trapecista. Dando por válido este concepto de proximidade, hoxe interésanme aquelas influencias próximas non só no tempo ou o lugar, senón tamén nun plano emocional. Esas figuras que tanto nos afectan ata que superamos a puberdade, forman parte dun primeiro estado de proximidade sensorial; temos un coñecemento profundo sen necesidade de estudo nin descubrimento. Unha conexión moito máis alá do tempo e a distancia, que diría Ferreiro. Reivindicar estas figuras é difícil, pero debemos facelo.

Alberto Giacometti, nacido en 1901 en Borgonovo, Suíza, gozou enormemente a súa estanza en Roma, pero non obstante, maldiciu os seus días en París. Quizais polas súas raíces case italianas. A Urbe permitíalle compasar os seus ritmos sen corpiño, dispoñía da arte en calquera momento, para o seu estudo ou produción. Non obstante, París, constrinxíalle, sentíase escravo dun ritmo que lle marcaba as horas para a arte, coma se se tratase dun emprego a xornada partida.

Foi incapaz de retratar nin esculpir segundo as doutrinas beauxartianas, de estudo de ata seis modelos diarios. Sufría retratando estudos anatómicos superficiais, xestos, posturas. Giacometti quería abrir a pel con escalpelo e beber o modelo; quería retratar algo máis que o que vía, quería expresar o que sentía a través da escultura. Por iso, retratou ata a saciedade o seu irmán Diego, o seu pai Gianni e a súa esposa Annette. Capítulo á parte merece o excelente retrato que realizou da súa nai, sen a cal non se entende a obra de Giacometti, sendo o lume profundo que a sostén e lle dá vida.

Retrato da nai do. Alberto Giacometti. 1947

O groso da obra de Giacometti tras a súa pronta inmersión no movemento surrealista e o estudo das máscaras africanas e as formas rotundas; xira sempre entorno ao retrato, a través do debuxo, escultura, pintura e litografía dos seus familiares, e a plasmación das súas dúbidas e os seus medos así como a súa interpretación do papel do home do século XX, nos seus camiñantes. Un enfoque moi persoal que cambiou por completo a escultura das xeracións sucesivas.

Este camiño da renuncia da mera reprodución dunha realidade e a busca dun carácter, dun sentimento, xa había sido transitado antes de Giacometti polas primeiras vangardas do século XX, entre outros por Picasso, que marcado pola súa habilidade para o debuxo e a pintura dende curta idade, entendeu a súa carreira como unha constante evolución6 e busca dunha linguaxe que lle permitise ir resolvendo os problemas que encontraba nas xeracións precedentes, e á súa vez, avanzar formulando perplexidades sobre as que traballar e estender o seu campo de experimentación. Durante as súas diferentes etapas, acometeu distintas empresas como o problema da cor, a construción do plano, a luz, as volumetrías, o problema dos ángulos etc. Pero se intentamos encontrar un fío condutor, quizais a idea de plasmar aquilo que escapa ao terreo do inmediato nos servise como guía. Ese empeño en pintar o que pensa e non o que ve.

Especial é o caso doutro suízo, que tivo unha relación, poderiamos dicir que estreita, co artista malagueño. Le Corbusier decidiu ser mediterráneo. Foi señor de cadenza pausada, que goza do matiz e que é capaz de ver o mundo nunha copa de viño. Que leva séculos convivindo coa beleza e se criou en terra de santos, poetas e navegantes. Aínda que en realidade nada disto foi certo. Nin sequera o seu nome.

Este afán empático, case camaleónico de Le Corbusier, despunta de xeito especial na India, cando á volta da súa primeira viaxe destrona os seus magnánimos plans urbanísticos (Voisin, Ville Radieuse, Obús) en Chandigarh. Sintío o desafogo dunha sombra, vira como en verán as azoteas se enchían de camas pola calor asfixiante. Sen abandonar o seu impertérrito espírito mediterráneo, achegouse a unha cultura tan distinta como a hindú e foi capaz de parir a vila Sarabhai. A miña palabra carece do peso e a pegada necesaria para entrar en xuízos de valor ou interpretación da obra de Le Corbusier, pero non quero deixar de recoñecer o mérito e o valor de aceptar, con 70 anos, o reto de construír unha cidade na India. E non contento, responder como o fixo, deixando a un lado un discurso destilado por anos de estudo, ensaio, éxito e recoñecemento para despegarse, internarse no descoñecido para chegar a bo porto. Certo é, que non era a primeira vez que o facía, tampouco sería a última7.

As obras do mestre suízo supuxeron millóns de páxinas de estudo, loanza e interpretación. Repartidas polo mundo son vía de peregrinación para os amantes da arquitectura que vemos nelas a formulación e solución de tantas perplexidades. O amplísimo repertorio de edificios abrangue todas as escalas, presupostos, clientes e situacións imaxinables. As súas referencias, crípticas, que nadan entre as artes plásticas máis completas (debuxo, pintura, escultura, gravado, colaxe) precisan dun estudo minucioso, moi atento, cos ollos ben abertos.

De entre as súas obras, sempre me sorprendeu, gratamente, unha. 60 m2 ao bordo do lago Lemán, une petit maison. Recén iniciadas os felices anos 20 das vilas brancas, aflora o Corbu máis carnal. Cun proxecto que viaxou no seu peto ata encontrar o lugar axeitado, onde encaixase como unha luva, é capaz de concentrar o cariño que profesaba á súa nai Marie Charlotte, para que gozase dos seus días vellos despois dunha vida de traballo.

Non fai falta explicar demasiado, abonda visitala, ou polo menos, botar unha ollada ás fotos e reler ata o empacho o marabilloso librito que o corvo nos deixou para o seu desfrute. Un lugar deses onde realmente a arquitectura, importa pouco. Un lugar onde se está a gusto. O iso parece, non hai máis que vela.

Retrato da nai do. Le Corbusier. 1951

Con todo o meu cariño.

Jorge Rodríguez Seoane

Fináis de 2013. A Coruña.

Citas:

1.- Jorge Luis Borges nas Norton Lectures de 1967 na universidade de Harvard dedicou unha das súas sesións á metáfora. Nunha pasaxe, admitiu o seu asombro e angustia pola famosa metáfora grega, “nunca un home baixa dúas veces o mesmo río”. Achacaba esa angustia ao paso do tempo, en concreto aos modos nos que se evidencia e se fai tanxible.

2.- Escribe Borja López Cotelo na súa tese doutoral “Sverre Fehn dende o debuxo” parafraseando a Glenn Murcutt, que todos amamos o que está en nós e é a través do traballo doutros como nos decatamos de que é o que realmente somos. Serve como conclusión á tese, afirmando que probablemente se trate dun autorretrato.

3.- “Se buscas influencia nas producións doutras culturas [nótese a influencia na súa obra das luces de Tahití, a arte africana ou as cerámicas persas] conseguirás algo moito máis completo. O pintor non poderá perder as achegas da xeración que o precedeu por estar, moi ao seu pesar, nel”. Matisse, H. Da cor. París, Agosto de 1945.

4.- Non quero penalizar esta fase tan importante pero a extensión do artigo impídeme achegarme co detemento preciso. Sobra dicir que a riqueza deste proceso é capital nas posteriores. Tómese como exemplo a reflexión que Guillaume Apollinaire fixo sobre Pablo Picasso “Un home como Picasso estuda un obxecto, como un cirurxián disecciona un cadáver. ”

5.- “Poño un ramo de flores sobre a mesa, quixeran que no cadro, unha vez rematado, un xardineiro puidese recoñecer todas as variedades de flores, pero non sei que acontece polo camiño, as flores convértense en rapazas que bailan.” Matisse, H. XX Siècle nº 2, Xaneiro 1952.

6.- Sirvan como exemplo as seguintes citas recollidas nas conversacións de Brassaï co artista.

“Sempre hai que buscar a perfección […] Para eu significa: dunha tea a outra, ir sempre máis lonxe, máis lonxe”.

Brassaï, Conversations avec Picasso (1964). París, Gallimard, 1997, p. 132

“Pero cámbiase continuamente […] Sólo pódese seguir realmente o acto creador a través da serie de todas as variacións.”

Brassaï, Conversations avec Picasso (1964). París, Gallimard, 1997, p. 285

Os meus cadros antigos xa non me interesan… Siento moita máis curiosidade polos que aínda non fixen. [Picasso, aos 80 anos]”

Brassaï, Conversations avec Picasso (1964). París, Gallimard, 1997, p. 352

7.- A vida de Le Corbusier está chea dun transitar de camiños inexplorados. O seu legado arquitectónico xoga con todos os paus da baralla. Dende os seus inicios con Ozenfant no purismo e L ´ Espirit Nouveau, non cesou no seu empeño de renovarse evitando converterse en auga estancada, asumindo riscos. Que mellor xeito de irse pois, que nadando.

Jorge Rodríguez Seoane

Arquitecto y socio fundador y gerente de Seoane Arquitectura.

Experiencia activa en evaluación de riesgos y plan de negocio, gestión de personal y dirección de proyectos de ejecución.

Gestión de carteras de inversión inmobiliaria, búsqueda de activos singulares y representación de intereses.

follow me

Arquivado en: artigos, Jorge Rodríguez Seoane

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,