O xardín das contemplacións | Íñigo García Odiaga

Serpentine Gallery Pavilion | Peter Zumthor

A arquitectura dos pavillóns, das pequenas instalacións adoita producir resultados moi extremos, ou xeran proxectos de incalculable valor sobre os que se debaterá durante anos ou pola contra presentan estrepitosos fracasos.

O efémero destas construcións, o seu valor simbólico e a falta de usos específicos a albergar, achegan aos arquitectos un marco novo, no que a reflexión e as ideas non atopan os límites do exercicio diario da profesión e achéganse máis que nunca á proposta artística.

A Serpentine Gallery é unha galería londiniense dedicada á arte contemporánea, que todos os anos desde o 2000 encarga a un arquitecto de prestixio a construción dun pequeno pavillón no xardín da institución. Esta construción destinada a proporcionar unha área de estancia aos visitantes do centro durante os meses de verán, é de carácter efémero e desmóntase coa chegada do inverno. A directora da galería Julia Peyton-Jones converteu esta cita anual nun espazo internacional para a experimentación arquitectónica e tras unha década de pavillóns realizados por algúns dos arquitectos máis importantes do mundo a repercusión destas obras xera grandes debates.

Serpentine Gallery Pavilion | Peter Zumthor

O arquitecto nacido en Basilea Peter Zumthor, galardoado co prestixioso premio Pritzker en 2009, será o encargado de coller a testemuña de Jean Nouvel, Sanaa, Rem Koolhaas ou Frank Gehry entre outros.

Para o arquitecto suízo será o primeiro edificio construído pola súa oficina no Reino Unido e incluirá un xardín creado especialmente polo influente deseñador holandés Piet Oudolf.

A idea do pavillón deste ano é a de xerar un hortus conclusus contemporáneo, unha sala pechada, aberta ao ceo, dedicada á contemplación, un xardín interior dentro dos xardíns de Kensington nos que se sitúa a Serpentine Gallery. O edificio actuará de escenario, será como o pano de fondo dun xardín interior de flores e luz. O hortus conclusus é a forma típica do xardín medieval, ligado sobre todo aos mosteiros e conventos. Unha zona verde, xeralmente de pequenas dimensións e circundada por altos muros, onde os monxes cultivaban esencialmente plantas alimenticias e medicinais arredor dos cales se xeraba o claustro dedicado á meditación e a contemplación.

Serpentine Gallery Pavilion | Peter Zumthor

Os visitantes chegarán ao xardín atravesando un túnel angosto e escuro, unha solución efectista para ampliar o efecto acolledor e espiritual do espazo central cheo de luz, un lugar abstraído do mundo e do ruído do tráfico e os olores de Londres.

Como o propio Zumthor declarou o edificio “ten como obxectivo axudar aos visitantes a tomarse o tempo para relaxarse, observar e, a continuación, talvez, empezar a falar de novo.”

O proxecto pon de relevo o papel que os sentidos e as emocións xogan na experiencia da arquitectura perseguida por Peter Zumthor. Os seus espazos contemplativos que evocan a dimensión espiritual do ámbito físico, conectan esta obra con outras realizadas polo seu estudo durante estes anos como os baños termais de Vals, en Suíza, ou a Capela Bruder Klaus en Mechernich, Alemaña, ambas as dúas obras de referencia durante a última década.

High Line en New York, de Piet Oudolf

Piet Oudolf é a outra parte importante desta obra, destacado deseñador de xardíns e cabeza visible do movemento Perennes, complementará o deseño do edificio de Zumthor cun xardín cheo de cor e profusamente plantado baseado na ideoloxía que defende. Oudolf utiliza a arquitectura natural das plantas, como a expresividade das gramíneas e das herbáceas perennes, ou mesmo malas herbas para crear xardíns que evolucionan en forma e cor ao longo da vida das plantas. As súas formulacións reflectidas en obras como o High Line neoyorkino, a reconversión peonil dunha antiga liña de metro elevada na cidade dos rañaceos, colocaron esta sorte de xardíns de evolución natural como a nova vía para relacionar arquitectura e naturezas construídas.

High Line en New York, de Piet Oudolf

Peter Zumthor que dado o ascético, rigoroso e contido da súa arquitectura defendeu mesmo nos seus escritos a creación de novas atmosferas para a vida, recreará grazas a Piet Oudolf un espazo intenso, esencial e memorable.

En definitiva un xardín monacal para aquel que en múltiples ocasións foi cualificado como un monxe da arquitectura, unha nova cita a engadir o percorrido por Londres durante este verán.

íñigo garcía odiaga. arquitecto

san sebastián. xuño 2011

Artigo publicado en ZAZPIKA 05/06/2o11

Íñigo García Odiaga

Arquitecto. Editor de NOMU. 1/5 del estudio de arquitectura VAUMM. Vivo en Donosti.

follow me

Arquivado en: artigos, Íñigo García Odiaga

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,