Arrokabe Arquitectos · I+D+I | sistema 7 1/2

Ata a data vimos os diversos campos nos que os arquitectos exploran novas formulacións para a profesión. Un deses campos, un tradicional e habitual noutras profesións, é o referido ao mundo da investigación e desenvolvemento. Ámbito que en arquitectura ultimamente non foi moi prolífico.

Este é o motivo que nos leva ata Santiago de Compostela para charlar con Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela, que conforman o estudo Arrokabe arquitectos. Hoxe preséntannos o seu proxecto, ARKB sistemas, que iniciaron fai xa algúns anos, e que desenvolveron e combinado co labor propio do día a día do estudo.

“É unha iniciativa de coa que tratamos de posicionarnos respecto a algúns retos que, dende o noso punto de vista, se lle formulan á nosa profesión neste momento de transición, de cambio de paradigma social. Hai que ter en conta que a construción en madeira no noso país e nun momento de ciclo expansivo do sector da edificación de nova planta non pasou de ser un subproduto, unha anécdota.”

Como todo proxecto se require dunha serie de apoios para nacer e para desenvolver o primeiro proxecto do sistema, sieteymedio, contaron coa colaboración de PEMADE (Plataforma de Enxeñaría da madeira estrutural), centro tecnolóxico da USC, para a elaboración dos ensaios estruturais con modelos reais e dúas empresas privadas, unha para a distribución e corte do material, Maderas Besteiro, e outra para os labores de montaxe, Carpintería Carreira.

Esta aposta de futuro deste grupo de profesionais conseguiu formalizar un produto, convencidos de que nos próximos anos estaremos obrigados, como sociedade, a construír de forma máis intelixente e eficiente, a construír máis e mellor en madeira. Este é o primeiro paso para fixar as condicións da súa comercialización cos diferentes actores implicados.

Deixámosvos coa entrevista que realizamos no seu estudo na Rúa San Pedro, de Santiago de Compostela.

Arrokabe arquitectos, está formado por Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela | Fotografía: Arrokabe Arquitectos

Explicádenos, como e por que xorde o “Sistema 7 1/2”?

Xorde como unha aposta profesional nun período de poucos encargos dentro do estudo. Hai un momento no que pensamos que se non podemos ofrecer os servizos para os que estamos capacitados porque hai pouca demanda, ademais de ampliar a oferta, haberá que intentar ofertar tamén produtos. Decidímonos pola construción prefabricar en madeira porque consideramos que é un ámbito no que acabará habendo unha demanda sempre que o produto ofertado sexa de calidade, porque a realidade é que, a día de hoxe, a falta dun uso xeneralizado da madeira no noso país como material de construción fixo que o mercado da prefabricación en madeira estea en xeral asociado a edificacións auxiliares, efémeras ou ocasionais ou á vivenda cuxo único reclamo é o prezo.

En concreto, con este primeiro sistema buscabamos unha alternativa eficiente para a construción modulada en madeira de edificacións de planta baixa, cun ancho libre importante para unha escala intermedia (en torno aos sete e medio metros). Pretendiamos que non precisase elementos intermedios para garantir a súa estabilidade, liberando a planta, facilitando a montaxe, e que fose o deseño dos diferentes elementos que conforman a estrutura e os cerramentos exteriores que garantise a durabilidade do material.

 

Tiñades algunha experiencia previa neste campo?

O estudo conta cunha experiencia de vinte anos traballando con madeira, tanto en rehabilitación coma en obra nova. E esta experiencia completouse con diveros cursos e dous masteres, un específico de enxeñaría da madeira estrutural. Isto no que se refire á parte arquitectónica. Sobre o que non tiñamos experiencia era sobre todo o que leva consigo o desenvolvemento e a presentación dun produto listo para ser comercializado. Referímonos a todas aquelas cuestións relacionadas con recoñecer o mercado, formular unha estratexia para chegar ao cliente, establecer colaboracións que permitan ofertalo dunha forma coherente…

Encontrástesvos con moitas dificultades? Cales foron as máis problemáticas?

Por unha parte están as dificultades técnicas derivadas do problema que nos formulamos resolver. Ademais de todas as cuestións apuntadas anteriormente queriamos que fose unha alternativa real a outros sistemas construtivos en madeira e que fose realmente novidoso. Isto pasaba de entrada pola resolución dunha estrutura dunha luz considerable que puidese ser transportable doadamente. Ademais buscabamos unha tecnoloxía accesible, polo que debería poder estar conformada por pequenas escuadrías de madeira local e taboleiros estruturais estándar. Ao mesmo tempo a súa configuración debía solucionar a fixación dos cerramentos posibilitando a execución de edificacións de alta eficiencia enerxética. A imaxe final deriva de toda esta serie de decisións de deseño e cálculo que consumiron a maior parte do tempo de desenvolvemento do produto.

Non obstante pódese dicir que no noso caso as dificultades máis problemáticas son aquelas derivadas da comprensión do sieteymedio como un produto destinado á venda. Empezando pola identificación do cliente, seguindo pola forma de comercializalo e finalizando con ser capaces de transmitir todo isto ás empresas que colaboran co proxecto. Ao final chegamos á conclusión de que sendo un sistema de construción modulado, aparentemente ríxido na súa configuración pero suficientemente flexible para adaptarse a diferentes circunstancias, debe ofertarse dunha forma aberta, tanto directamente a particulares acompañado dun proxecto específico, como a técnicos que se formulen utilizalo nos seus traballos.

Packing do sistema 7 1/2 de ARKB Sistemas | Fotografía: Arrokabe Arquitectos

Estades contentos cos obxectivos alcanzados?

Polo momento é demasiado pronto, acabamos de presentar o sistema fai escasamente un mes, pero pódese dicir que si. De entrada conseguimos desenvolvelo chegando a construír dous modelos do pórtico a escala real, o que permitiu testar a súa montaxe e verificar en laboratorio o seu correcto funcionamento a nivel estrutural. Por outra parte estámolo a ensinar a través dunha páxina web e un packaging de presentación nos que se recollen imaxes que mostran algunhas das posibilidades do sistema. Para chegar ata aquí xa tivemos que alcanzar a implicación directa da empresa privada e a universidade, e todo isto xa nos fai estar razoablemente satisfeitos.

Que expectativas e proxectos de futuro tedes para “Sistema 7 1/2”?

A día de hoxe constatamos que esperta interese e estamos en vías de construír unha vivenda usando o sistema, algo que entendemos serviría para mostrar as súas vantaxes. O feito de que tivese certo percorrido valeríanos para desenvolver outros sistemas pensados para outras escalas e configuracións. Porque, independentemente do éxito do sieteymedio, si que estamos convencidos do acerto do camiño emprendido con ARKB Sistemas (uso madeira, colaboración entre entidades privadas e públicas, innovación…).

Son rendibles este tipo de iniciativas? Sentídesvos ben remunerados” polo labor que realizas?

Como comentabamos, acabamos de presentalo, polo que entendemos que é demasiado pronto para valorar a súa rendibilidade económica. En todo caso, a nós as colaboracións xa servíronnos para afondar en cuestións técnicas moi específicas de construción en madeira, tales como unións, durabilidade dos acabados, optimización do transporte e montaxe, etc… ademais creemos ter aprendido algo de deseño e presentación de produto grazas sobre todo á axuda de amigos, profesionais en diferentes áreas de traballo relacionadas con estes temas.

Módulos do sistema 7 1/2 de ARKB Sistemas | Fotografía: Arrokabe Arquitectos

Compaxinades ou complementades esta actividade con outros labores ou noutros campos?

Somos un estudo de arquitectura ao uso que desenvolvemos e colaborado con outros profesionais en traballos de arquitectura e urbanismo a diferentes escalas, durante uns anos traballamos para a administración xestionando unha área de rehabilitación e habitualmente participamos en labores de docencia no ámbito da rehabilitación, a rexeneración urbana e a construción en madeira.

Cres que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

A casa máis tradicional de “proxectar” obriga a sintetizar unha resposta a cuestións que teñen máis dunha incógnita e a organizar os medios para poder levala a bo termo, aínda que sexa a unha escala moi pequena. Este enfoque, que necesariamente é parte da formación nas escolas de arquitectura, permite pensar en abrir novas vías de traballo sempre que se complemente con certa especialización. De todos os xeitos hai todo un campo de actuación que ten que ver directamente coa rexeneración do noso hábitat, con promover ámbitos resilientes, que será clave nos próximos anos. Entendemos que aquí haberá toda unha serie de novos nichos de traballo, non tan habituais nin tan obvios, nas que o arquitecto ten que ter necesariamente un peso importante.

Que opinas dos arquitectos que emprenden en novos campos?

 

Pois nos parece moi lóxico e podemos dicir, que nestes momentos, non queda máis remedio. En todo caso a formación do arquitecto da que falamos proporciona certa perspectiva relacionada coa súa actividade “tradicional” que pode ser moi útil á hora de emprender novos campos.

Animaríades a outros arquitectos a seguir os vosos pasos? Que pasos consideras que deberían dar? Como completar os seus estudos? Que outros consellos lles darías?

Nós levámonos once anos de idade, así que saímos da escola en dous momentos diferentes, pero non deixamos de ter a sensación de certa inestabilidade, de estar constantemente a adaptarnos. Froito desta adaptación é tamén esta iniciativa que ten que ver directamente coas nosas conviccións e inquietudes e a nosa experiencia profesional. Dificilmente podemos dar consellos, unicamente animariamos outros a afondar e traballar en campos específicos que lles interesen sen perder a referencia, sen deixar de ser Arquitectos.

Ensaio de sistema 7 1/2 de ARKB Sistemas | Fotografía: Arrokabe Arquitectos

Que opinades dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Queremos pensar que sempre é enriquecedor. Houbo un momento no que a xente o facía en mellores condicións e xeralmente por completar a súa formación ou adquirir novas experiencias máis que por necesidade. Isto cambiou, agora temos compañeiros e amigos que están fóra en circunstancias e con motivacións moi diversas. De calquera forma temos que pensar que volverán dunha forma ou outra e a medio prazo a súa experiencia será beneficiosa para todos.

Como vedes o futuro da profesión?

Pois, por todo o que comentamos, sen optimismo gratuíto pero con esperanza.

Testero del sistema 7 1/2 de ARKB Sistemas | Fotografía: Arrokabe Arquitectos

Arrokabe Arquitectos · I+D+I | sistema 7 1/2

Maio 2015

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecerlle a Óscar e Iván o seu tempo, a súa paciencia e a súa predisposición con este espazo.

 

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,