Transmutación abstracta de Gianfranco Spada | Ángel Gonzalez García

IMAGEN-SIGNIFATIVA---ArquiLecturas02

A arquitectura contemporánea inspirouse moitas veces nas diferentes formas e expresións da arte moderna, aínda que o fixo con maior frecuencia na arte abstracta. Moitos dos edificios emblemáticos da arquitectura moderna, que todo arquitecto ten no seu imaxinario arquitectónico, poden relacionarse directamente con obras de artes ou movementos artísticos.

Estas arquitecturas, froito dun proceso de depuración e de transposición, son como ideas artísticas trasladadas e materializadas no mundo real, onde por fin gañan esa dimensión física na que se desenvolve a vida humana e que só a arquitectura entre as artes pode ofrecer.

Con estes edificios, a arte abstracta, unha forma de interpretar e sintetizar a realidade, volve materializarse nesta realidade e é coma se unha idea, despois de pasar por un proceso de transmutación, volvese ao seu estado orixinal. A obra de Spada constitúe unha fase ulterior neste cambiar de estado, unha nova transmutación que volve colocar estes edificios no mundo abstracto da pintura bidimensional sobre lenzo. Este pasar dun estado a outro vai depurando as formas, eliminando o superfluo e facendo aflorar o esencial -mediante a supresión das sombras proxectadas e de elementos superfluos, por exemplo-, e nisto consiste realmente a forza destas pinturas.

A obra pictórica de Spada enmárcase, polo tanto, na tradición do abstractismo xeométrico de principios do século XX xurdido como resposta ao excesivo subxectivismo dos artistas plásticos de épocas anteriores e que quere distanciarse da maioría dos movementos que tratan de representar unha realidade tridimensional puramente emocional. Partindo do discurso crítico de artistas abstractos precursores como Picasso, Malévich ou Mondrian, e do purismo de Le Corbusier ou Ozenfant, Spada dá un paso máis alá e crea o que pode definirse como “neopurismo”.

O seu desexo de desaparecer como autor lévao a utilizar cores planas que aplica de maneira que poden parecer realizados con procesos mecánicos: as liñas rectas e netas, que se dirían trazadas por ordenador, o formato cadrado dos lenzos -nin apaisados nin verticais-, a meticulosidade sen virtuosismo, non deixan lugar á subxectividade do artista que, por non “aparecer”, nin sequera asina as súas teas de xeito convencional, limitándose a estampar no reverso un cuño case notarial cuns cantos datos informativos.

A obra pictórica de Spada non se presta, pois, a ser analizada segundo parámetros artísticos convencionais e nisto reside unha das súas características principais. A súa técnica, por exemplo, desdeña calquera academicismo, e é, como el mesmo a define, máis ben a dun pintor de “brocha gorda” que calquera pode empregar cun pouco de sentido práctico.

Tanto a nivel compositivo como temático, toma prestadas obras coñecidas, a maioría de arquitectos de renome, como Aldo Rossi, Alvaro Siza ou Luis Barragán, para que o espectador, cuxa memoria visual pode recoñecelas doadamente, se vexa inducido, enganosamente, a percibir algo máis que as simples manchas abstractas de cores planas e sen textura que o pintor representou en realidade.

Ángel González García
Valencia, xullo 2015

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectos, arte, capturas

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,