
Ao cruzar a porta do hotel Radisson SAS, na bulliciosa avenida Vesterbrogade, algo estraño ocorre. O tempo parece suspendido. Alén da rúa, o Tívoli enfróntase co seu onírica exhuberancia á estrita xeometría que Arne Jacobsen debuxou para a súa torre no Centro de Copenhague
Pero no vestíbulo do Radisson, todo parece responder a un universo de formas puras, de liñas rectas. Ata que ao fondo distinguimos, agrupadas en acios, unhas figuras ovoides: alí atópanse varios exemplares da cadeira ovo.
O deseñador noruegués Henry Walter Klein patentara ao longo da década de 1950 diferentes procesos de moldeado de plástico e en 1956 fabricara a súa cadeira Modelo 1007.
Jacobsen asumiu na súa cadeira ovo os avances que as investigacións de Klein supuxeran na fabricación de mobles, e fixouse no Modelo 1007 para dar forma á cadeira que poboaría o enorme vestíbulo do Hotel SAS.
Como noutras ocasións, a manufactura do deseño sería confiada a Fritz Hansen, empresa que houbo de utilizar baixo licencia algunhas das patentes de Henry W. Klein.
A cadeira ovo espremía as posibilidades esculturales dos novos procesos de moldeado do plástico pero conseguía, ante todo, unir nun todo coherente as diferentes pezas de calquera cadeira:
o asento, o respaldo e os reposabrazos resolvíanse cunha única carcasa cóncava.
Para optimizar as posibilidades do modelo, a fixación ao chan resolveuse cun mecanismo metálico que permitía un leve abalo da cadeira, e engadíuselle un coxín que facía máis cómodo o asento. A forma resultante parecía unha invitación para sentar, case unha estancia antes que unha cadeira, un obxecto envolvente destinado inevitablemente a albergar a alguén no seu interior.
A produción da ovo nunca foi masiva. A fixación do recubrimento á estrutura debía ser feita manualmente e o proceso esixía unha precisión que non estaba ao alcance de calquera empresa. Á marxe dos procesos de moldeado mecánicos, cada exemplar da cadeira require un traballo artesanal que supón que, aínda hoxe, a produción non supere os dez exemplares por semana.
Para Fritz Hansen, a ovo converteuse nun símbolo desde os primeiros modelos producidos en 1958. Con motivo do seu cincuenta aniversario lanzou unha serie limitada de exemplares estampados, que mostraban a vixencia do deseño de Jacobsen.

Nun percorrido polas iconas do deseño do século XX non poderiamos obviar as achegas de Jacobsen -a cadeira ovo, a Swan ou a Ant– pero talvez excluiriamos as pezas do noruegués Henry Klein. Sen as súas patentes e os seus ensaios con materiais plásticos, con todo, sería imposible concibir unha peza integral e rotunda como a ovo
Pero o recoñecemento chega, a miúdo, para quen intuíu o potencial dunha idea antes que para quen a procreou.
E a historia ten unha memoria fráxil.

Borja López Cotelo. Doutor arquitecto
A Coruña. xaneiro 2011
Borja López Cotelo, arquitecto por la ETSAC desde 2007, y doctor por la UdC desde 2013.