A realidade física nunha sociedade desmaterializada | Marc Chalamanch

5.0
01
Fotografía: Marc Chalamanch,
Fotografía: Marc Chalamanch

Somos a primeira xeración da historia que forma parte dunha sociedade inmersa nun proceso imparable de desmaterialización; mentres que como arquitectos continuamos traballando coa lenta e custosa transformación da materialidade. A información situouse no centro do desenvolvemento económico, político, social e cultural da nosa sociedade, e marca cada un dos nosos pasos. O paradigma informacional arredor das tecnoloxías da información e a comunicación é o motor dos novos modos de produción, de vida e ata de pensamento, nos que o espazo e o tempo son dous eixes esenciais sobre o que proxecta esta transformación. Que non se pode reducir a información? Todo o que nos rodea menos aquilo que nos fai ser, aínda que se intente. Este é o punto de partida para entender unha nova materialidade produto da profunda transformación social na que estamos sumidos.

O noso ámbito ten elementos que cada día nos achegan máis á E-topia que William J. Mitchell1 definía cos principios básicos da desmaterialización2, a desmovilización3, o funcionamento intelixente4, a personalización en masa5 e a transformación suave6. Principios que xa comprobamos que se achegan pouco á realidade dunha sociedade rede, na cal a posible desmaterialización comportou a aparición dunha infinidade de novas necesidades materiais. Unha sociedade onde a previsible desmobilización se converteu nun mundo baseado no crecemento exponencial da mobilidade, non soamente de información senón tamén de persoas e bens. Un mundo no que se confunde a información e a acumulación de datos coa intelixencia, e no cal a previsible personalización resultou ser a monotematización global, cunha transformación que converteu non só o futuro en descifrable senón tamén o presente en obsoleto. Uns principios contrapostos que as novas tecnoloxías os converteron en condicións ou condicionantes de urbanidade, e que como arquitectos e urbanistas nos abren novas perspectivas sobre as que teño que dicir moito.

A realidade é que vivimos nun presente continuo no que moitas cousas xa non se posúen: só se ten o dereito a usalas. Encontrámonos nun presente envolvido nunha irremediable obsolescencia programada. Nunha sociedade onde o valor está máis preto da posesión da información e o acceso a unha boa conectividade que dunha centraliade xeográfica. Achámonos rodeados de artefactos que están a xerar cada día, insaciablemente, novas ferramentas que cambian o noso xeito de relacionarnos, o modo de explicarnos e de compartir o noso traballo, inquietudes e reflexións. Vivimos envolvidos por invisibles bits en constante transformación, aprendizaxe e difusión, que posúen, a capacidade de aparecer e desaparecer en etéreas nubes de información. Trátase dunha información que, despois de fascinarnos, nos chegou a colapsar ata converter a rede nun diálogo de xordos no que todos falamos de todo e somos incapaces de escoitar nada.

Mentres, a cidade busca solucións propagando chips no espazo público, e vendéndose co cartel de “Smart”. Están a converter a cidade nun “Grande irmán” tecnolóxico que xera unha inmensidade de datos. Con estes datos inténtase estruturar unha solución ao aumento do consumo de recursos a través dunha xestión intelixente. Neste ámbito virtual os cidadáns e as súas accións convertéronse en ceros e uns que aspiran a encontrar a solución ao noso ámbito e ata ás nosas vidas, despois de esquecer que sen alma non somos nada. Buscan solucionar vellos problemas coas novas tecnoloxías, ao tempo que intentan entender uns cambios constantes que deixan sen sentido as verdades precedentes. Unha milagrosa “Smart City” que simplifica ata se encontrar na súa máxima complexidade, na cal a cidade e os seus cidadáns se teñen que enfrontar ao seu propio paradoxo. Podemos imaxinar deixar en mans de algoritmos as nosas cidades? Quédanos a esperanza de que a cidade se dedique a buscar os seus “Smart Citizens” e que estes sexan os que xestionen este mar de datos. Pero tamén que estes teñan tempo para saír á rúa, sentarse nunha terraza, tomar o sol e compartir unhas copas mentres entaboan unha boa charla sobre que é o que realmente lle pasa á cidade e cales son os problemas que temos os cidadáns.

Non esquezamos que detrás dos sistemas holísticos intelixentes de rastrexo da cidade destinados a obter información dos procesos urbanos, sempre se esconden persoas, empresas e intereses. Todos veñen repletos de discursos de boas intencións e de eloxios ás enormes oportunidades que ofrecen, pero tamén esconden escuras utilidades que teremos que saber afrontar e que parecen imposibles de evitar.

Baixo esta premisa parece que hai a idea de que a cidade ten como fin a construción de infraestruturas de fluxos. Pero confundir o fin de dar resposta ás necesidades dunha comunidade co medio co que se constrúen é realmente perigoso. Poucas veces nos formulamos que en realidade as cousas que buscamos nas nosas cidades están baseadas, a miúdo, na ineficacia, na incerteza, na deriva dunha vida que non queremos programada nin necesitamos que sexa perfecta. En 1966, Cedric Price xa se preguntaba “a tecnoloxía é a resposta, pero cal é a pregunta?” Temos a grande oportunidade da tecnoloxía e non podemos desaproveitala, pero é aquel sorriso cando sales á rúa e che cruzas cunha mirada a que che fai cidadán, o que nos fai parte da cidade, a que nos permite sentirnos da nosa cidade.

Como arquitectos temos que seguir cubrindo a necesidade dunha realidade física que parece terse convertido nun simple, en ocasións pesado, soporte do que parece ser o único importante, a información e a comunicación que algunhas veces, diría que poucas, chega a converterse en coñecemento.

Temos que ter claro que o coñecemento para re-estruturar a nosa sociedade só pode saír da interrelación entre o cidadán e a cidade, nunha construción na que a E-topia sexa unha ferramenta para o desenvolvemento dunha E-polis na cal o cidadán, as súas necesidades e os seus anhelos sexan o seu eixe vertebrador. Onde o tempo e o espazo sexan a plataforma na que as tecnoloxías e os cidadáns poidan encontrar as sinerxías para transformar unha realidade que evoluciona tan rapidamente que non temos nin tempo a descifrar. Isto obríganos, se non o estabamos antes, a romper os límites entre disciplinas, a ser xenerosos co coñecemento e sabelo compartir. Sempre tendo en conta que estamos diante do reto da incapacidade de encontrar unha definición e unha solución duradeira a un contexto que parece permanentemente obsoleto. Esíxenos ser capaces de entender que a aprendizaxe é infinita e que vai máis alá das novas ferramentas de traballo, dos novos coñecementos, das aplicacións de novos materiais e tecnoloxías, e que pasa pola nosa función de repensar profundamente, dende o noso coñecemento como arquitectos, que somos capaces de achegar nos cambios paradigmáticos nos que nos encontramos.

Marc Chalamanch · Arquitecto
Barcelona. abril 2014

Notas:

1. Mitchell, William J. E-topia: Urban life, Jim–but not as we know it, Cambridge, MA: The MIT Press, 1999. ISBN-10: 0262632055

2. A desmaterialización, un bit usado non contamina. Economía sen gravidade. É realmente necesario construír este edificio, ou pode ser remplazado por sistemas electrónicos?

3. A desmobilización, mover bits é moito máis económico e eficiente que mover persoas e mercadorías. Sacar partido das telecomunicacións para crear novos modelos urbanos máis refinados, infinitamente máis eficientes. A mellor estratexia de aforro.

4. O funcionamento intelixente, un sistema intelixente pódese controlar con sensores para que subministre auga só cando as condicións indican que se necesita máis humidade. Un realmente intelixente debe controlar tanto o ámbito coma o nivel de auga dispoñible. O seu obxectivo é crear mercados sensibles, de grande eficacia, para os recursos consumibles escasos dos que depende todo asentamento humano.

5. A personalización en masa, personalización en masa é xustamente non elixir un estándar, senón moitos estándares para diferentes públicos. Reducir a dilapidación e estratexias dinámicas de prezos xestionando eficazmente a demanda e estimular o aforro.

6. A transformación suave, as cidades transformáronse na era industrial; esixiu a dotación de extensas zonas industriais, de vivendas para os traballadores, de oficinas centrais nas cidades e de sistemas de transporte de gran capacidade. Hoxe o espazo servido electronicamente non ten que estar concentrado en grandes áreas contiguas, senón que poden distribuírse realmente a través dun tecido urbano finalmente granulado.

Marc Chalamanch

Es co-fundador del estudio de arquitectura y urbanismo ARCHIKUBIK Arquitecto y Urbanista licenciado por la ETSA de Barcelona, Universitat Politècnica de Catalunya. Máster universitario «Sociedad de la Información y el Conocimiento» en la UOC (Universidad Abierta de Catalunya).

Su investigación académica, apoyada en su experiencia profesional, va dirigida al análisis de la transformación de la ciudad con sus actores, problemáticas y retos en la Sociedad Red.

 
follow me

Arquivado en: artigos, Marc Chalamanch

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,