Luvas e Manoplas | José Antonio Sumay Rey

5 (100%) 4 votes

Denise Scott Brown & Robert Venturi in the Las Vegas desert, 1966
Denise Scott Brown & Robert Venturi in the Las Vegas desert, 1966

 “Observamos que os edificios poden deseñarse como luvas que rodean comodamente cada dedo da man ou como manoplas que permitan que as mans e os dedos de diferentes tamaños se axusten e se movan. Algúns dos edificios mais líricos do primeiro Movemento Moderno son luvas, deseñados tan especificamente que apenas poden acomodar pequenos cambios.” 1

Luvas ou manoplas, na cita de Denise Scott Brown, aluden a dúas diverxentes estratexias proxectuais na arquitectura. Por unha banda, o Movemento Moderno nos anos 20 adaptouse á estratexia da luva coa vivenda como tema central transitando entre a determinación do Existenzminimum e a especialización funcional dos espazos. Por outra banda, a estratexia da manopla que é a defendida por Denise Scott Brown e polo seu marido e socio Robert Venturi, nace da falta de especificidade dos espazos na arquitectura industrial americana ou na arquitectura do Cinquecento.

A estratexia da luva definiu a forma da vivenda moderna ao intensificar a codificación das súas estancias: as habitacións axustan as súas dimensións aos mínimos requiridos á vez que se especializan por medio do mobiliario ou do control da iluminación e das instalacións. O resultado das investigacións do primeiro Movemento Moderno trouxo como consecuencia a determinación da forma de habitar os espazos, na que a organización da cociña e os baños, a identificación das estancias cun uso principal (p.ex. estar, comer, durmir ou cociñar) ou a forma de dispoñer os mobles ven xa definida en proxecto, e nas que o habitante convertese nun usuario que só pode escoller os seus  efectos persoais e o estilo, que non as dimensións, do mobiliario.

En 1947 Colin Rowe elaborou, para un artigo en Architectural Review titulado The mathematics of the ideal villa, uns diagramas analíticos da Villa Malcontenta (c. 1550) de Andrea Palladio e da Villa Stein (1927) de Le Corbusier que representan graficamente a estratexia das luvas e manoplas.2 Aínda que ambas casas parten dun trazado e unhas proporcións análogas, a Malcontenta, a vivenda como agrupación de estancias, recoñecese na metáfora de Scott Brown da manopla, mentres a Stein sería a luva que cos seus tabiques curvos adáptase á función predominante do espazo: cociñar, estar, ler, comer ou durmir. Por riba das importantes diferenzas sociais, culturais e tecnolóxicas ambas obras representan á perfección os dous arquetipos situados nos extremos da metáfora de Scott Brown.

Colin Rowe (da "The Mathematics of the Ideal Villa") La Malcontenta di Palladio, 1560 (in alto) e la Villa Stein di Le Corbusier, Garches 1927
Colin Rowe (da “The Mathematics of the Ideal Villa”) La Malcontenta di Palladio, 1560 (in alto) e la Villa Stein di Le Corbusier, Garches 1927

Si logramos, por un momento, liberarnos da mala imaxe do postmodernismo como mero pastiche de estilos históricos poderemos observar que as ideas de Scott Brown e Venturi buscaron recuperar a importancia simbólica da arquitectura e achegala, con ironía, á vida na súa complexidade e diversidade. Nese sentido, a metáfora das luvas e das manoplas é moi elocuente sobre a súa forma de entender a arquitectura xa que nunha época na que só se facían luvas eles atrevéronse a propoñer manoplas.

Denise Scott Brown e Robert Venturi renunciaron sempre á etiqueta do postmodernismo con elegancia e ironía, pero a paradoxal sentenza de Denise:

Freud non era freudiano, Marx non era marxista e Bob non é postmoderno” 3

confirma tanto o seu distanciamento do postmodernismo como a súa paternidade a través de textos centrais na teoría da arquitectura do século XX como Complexity and Contradiction in Architecture (1966) ou Learning from Las Vegas (1972).

Learning from Las Vegas (1972).

En definitiva, e visto desde unha perspectiva actual, o legado de Venturi e Scott Brown é una mirada perspicaz ao pasado que nos afasta dos debates unívocos da modernidade, fronte ao rigor moral do “isto ou estoutro” sitúanos no pracer do “isto e estoutro”,4 no valor aditivo e equívoco da arquitectura que se entende non como unha forma de cristalina pureza senón como unha expresión, a veces más sinxela e outras mais recargada, dos valores comúns e da diversidade da sociedade e dos individuos.

 

 Robert Venturi & Denise Scott Brown, by Andrea Tamas. Leib House © Stephen Hil
Robert Venturi & Denise Scott Brown, by Andrea Tamas. Leib House © Stephen Hil

Á fin e ao cabo ¿que é mellor, luvas ou manoplas? E sobre todo, despois de pasearnos pola historia e por Las Vegas con Denise Scott Brown e mais Robert Venturi, ¿por qué habería que elixir?

José Antonio Sumay Rey. Doutor Arquitecto
Novembro 2018, A Coruña

1 Archdaily. “Interview: Robert Venturi & Denise Scott Brown, by Andrea Tamas”.

Colin Rowe. “The mathematics of the ideal villa” en The mathematics of the ideal villa and other essays (Cambridge: MIT press, 1987), 1-27

Archdaily. “Interview”. Op. Cit.

Venturi, Robert. Complexidade e contradición na arquitectura (1966). Barcelona: Editorial Gustavo Gili, 1986.

Arquivado en: artigos, José Antonio Sumay Rey

Tags: , , , , , , , , , , , , , , ,