Formas do deseño. Galicia XXI

5 (100%) 1 vote[s]

Formas do deseño. Galicia XXI entrada

‘Formas do deseño. Galicia XXI’, pretende construír un relato dende o presente do potencial creativo de Galicia no ámbito do deseño. A idea é proxectar o que se está a facer sen deixar de ter un ollo no retrovisor, para revisar o logrado a partir dun punto de vista simbólico: a publicación do Manifesto do Laboratorio de Formas de Galicia editado en 1970, que entre as súas primeiras accións incluía o renacemento da fábrica de Sargadelos e a creación do Museo de Arte Carlos Maside. Así, a exposición conta con dúas partes: unha introdución nesas tres décadas de espertar e modernización, dende os primeiros anos setenta aos últimos noventa, cando xorden en Galicia unha serie de profesionais do deseño que comezan a traballar cunha conciencia de ser deseñadores e deseñadoras; e un corpo principal que coincide co cambio de milenio e que supón un cambio xeracional coa incorporación ao mercado laboral dunha xeración de deseñadores e deseñadoras galegos xa formados en Galicia.

Como complemento e punto de partida da exposición, que se desenvolve na súa grande medida nas salas do Auditorio de Galicia, na Fundación DIDAC  exhíbense os tapices e cartóns deseñados por Luís Seoane e Mª Elena Montero, corenta anos despois de que estes fosen presentados na galería Citania de Santiago de Compostela, e nunca mostrados en conxunto dende 1979. Precisamente, é un deses tapices, así como outros traballos de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e os seus logros no renacemento da fábrica de Sargadelos, os que abren a mostra nas salas do Auditorio de Galicia.

Formas do deseño. Galicia XXI non é unha mostra de novas creativas e creativos, senón de propostas de deseño que foron realizadas nas últimas décadas. Así, aínda que a mostra se centra en deseñadores e deseñadoras  que cobraron visibilidade xa entrado o século XXI, para darlle continuidade ao investigado e mostrado en A Creación do necesario. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia (2004), exposición celebrada no MARCO de Vigo hai quince anos, Formas do deseño. Galicia XXI presta tamén atención aos deseñadores e deseñadoras que viñan traballando con rigor e continuaron a traballar no cambio de século, entre outros, Ventura Cores; Xosé Díaz; Pepe Barro, Lía Santana e Xosé Salgado do Grupo Revisión; Eloy Lozano; Francisco Mantecón; Miguel Vigo; Manuel Janeiro; Alberte Permuy; Xosé María Torné; Uqui Permui; Nuria Carballo; Fausto Isorna; Esteban Carballido ou os estudios Taller DD e Signum Deseño, entre outros, así como os arquitectos e arquitectas Alberto Noguerol e Pilar Díez, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, León López de la Osa ou o pioneiro Xosé Bar Boo, que terán no deseño un campo de acción fundamental.

Na década de 2000 aparecen novos deseñadores e deseñadoras, cunha formación moi heteroxénea e que, na maior parte dos casos, teñen en Galicia o seu punto de partida. Por suposto, hai moitos que desenvolverán fóra a súa traxectoria ou gran parte dela, como é o caso paradigmático de Tomás Alonso, así como doutros como Iván Mato, Eli Alonso, Marta Bordes, Isaac Piñeiro ou Miguel Leiro. Décadas antes, o galego Víctor Moscoso traballará o seu deseño psicodélico para promotores musicais da esfera californiana. Entre os que terán Galicia como eixe das súas creacións destacáronse equipos de deseño industrial e de produto como FrutoDS ou Cenlitrosmetrocadrado, Lois Guillán, arquitectos enfocados tamén ao deseño de mobiliario como Luis Gil Pita e Cristina Nieto e o seu labor con UnDo ReDo, rvr-arquitectos, domohomo ou Sofía Blanco, así como deseñadores máis ligados á tradición artesanal como Elías Cueto, Lago:Monroy, Oitenta ou Arturo Álvarez. É precisamente onde se mestura o deseño e o proceso artesanal -valores que xa estaban nas experiencias de Bauhaus ou de Ulm e de maneira máis próxima en Sargadelos-, onde se destacan propostas como as de Idoia Cuesta, Elena Ferro, Marta Armada, Ojea Studio, Verónica Moar, Noroeste Obradoiro, Degerónimo, Anna Champeney e Rosa Méndez.

Nas últimas décadas, o desenvolvemento da identidade corporativa e os sistemas de identificación visual facilitarán a entrada de tipografías con raíces galegas, como as de Marcos Dopico ou María Ramos. Nesa mesma liña herdeira da revolución da historia dos sistemas gráficos, Álvaro Valiño obterá unha importante visibilidade internacional cos seus pictogramas e infografías. Outros referentes de deseño gráfico e identidade corporativa son os de Xosé Teiga, Marta Lojo, María Pereiró, Rebeca Ces e estudios como Costa, Desoños ou Sond3, que destacan como no mundo editorial o farán Ombretta, etc., Don Gráfica, 3c3, Cecilia Labella, Rai Iglesias e Iria Sobrino, Santiago Carballal, Artur Galocha, Desescribir, Tatata, Dardo ou Numax. Outros sectores que se inclúen na mostra son o do téxtil con pioneiros como Adolfo Domínguez e a iniciativa Galicia Moda de man do publicista Luís Carballo, Masscob, Knitbrary ou, noutra liña más híbrida, Sara Coleman.

Formas do deseño. Galicia XXI o1

Formas do deseño. Galicia XXI incide tamén en como a finais dos anos noventa a dixitalización mudou o xeito de traballar. Nos últimos anos, as redes sociais cambiaron definitivamente o noso modo de ollar a contorna, de situarnos nela. É momento de novos perfís profesionais, como os da deseñadora multimedia Marta Verde. Por outra banda, unha grande cantidade de artistas plásticos que derivaron o seu traballo cara ao mundo do deseño nos últimos anos. En Galicia é o caso de Juan Cidrás, Salvador Cidrás e Vicente Blanco, que canalizaron a súa enerxía creativa a partir de cerámicas e tapices baixo o nome de Formabesta. Outros artistas que tocan o campo do deseño son Montse Rego dentro do campo da moda; Misha Bies Golas realizando portadas de discos; Pablo Barreiro e Mauro Trastoy investigando as posibilidades cerámicas; ou Manuel Vázquez e Alberto Barreiro no deseño estratéxico. A ilustración aplicada ao deseño tamén destacará da man de Nuria Díaz.

Aínda que Formas do deseño. Galicia XXI se fundamenta no traballo dos deseñadores e deseñadoras -nalgúns dos casos mostrando deseños de autor con escasa saída comercial-, a ultima parte da mostra incide exclusivamente na integración do deseño no mundo da empresa, unha vez que o avance do deseño transcorre paralelo ao desenvolvemento da industria e da economía dun lugar. Neste sentido, ademais de traballos dalgúns dos deseñadores antes citados, neste apartado inclúense os de outros deseñadores e axencias como Bap & Conde, Quattro idcp, Koolbrand, 100 x 100 Creatividad+Comunicación, Imaxe, Otiiplanet, Ekinocio ou Tony Le Brand, entre outros.

Proxecto producido polo Auditorio de Galicia (Concello de Santiago de Compostela) e a Fundación DIDAC

Comisariado: David Barro e Mónica Maneiro

FORMAS DO DESEÑO. GALICIA XXI
Do 20 de febreiro ao 23 de xuño de 2019
Auditorio de Galicia
Avenida do Burgo das Nacións s/n
15704 Santiago de Compostela

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , ,