En defensa do tempo | Jorge Meijide

Cuádruple esclusa, Frómista | Fotografía: Jorge Meijide
Cuádruple esclusa, Frómista | Fotografía: Jorge Meijide

“Sed fugit interea, fugit irreparabile tempus”.1

Un percorrido pola Canle de Castela pon transfondo a estas reflexións sobre o tempo. Un tempo de lento discorrer entre o rumor da auga.

A Canle de Castela é o gran esforzo da enxeñería hidráulica española de finais do XVIII. Fillo tardío da ilustración e vítima temperá da revolución industrial nace xa case obsoleto e reflicte ben o concepto de tempo ao que me quero referir. A Canle une ao home coa súa industria e a ambos co territorio. Auga e tempo ganduxan e poñen en evidencia as relacións entre todos eles.

Na Canle faise patente, tanxible e visible, esa interdependencia que une tempo e auga nun transcorrer constante. Un transcorrer lento e atemporal como só a unión desta terra sen horizonte e o discorrer da auga poden facer. A artificial xeometría do seu trazado conduce á auga nun constante movemento que contrasta coa aparente inmobilidade do campo polo que discorre. A meseta e os campos de cereal, os ríos e a canle que as árbores delimitan, o silencio e o horizonte, a luz e o murmurio da auga, todo nos fala do tempo.

Alguén dixo unha vez, parafraseando o titulo do libro de Giedion, que

“a arquitectura conleva un gran espazo de tempo”,

e é verdade, unha gran e irrefutable verdade. O tempo condiciona á arquitectura e acompaña e conduce a súa percepción e goce. Pero a arquitectura tamén precisa do seu tempo para reflexión, para permitir o pouso necesario para a súa decantación e para o traballo que conleva a súa elaboración. Todo é cuestión de tempo e a cada cousa o seu propio.

Non é a miña intención reclamar agora para a arquitectura o esaxerado tempo xeolóxico que leva á pedra para cristalizarse nin ao leito do río para formarse, pero se o tempo equivalente ao que emprega un carpinteiro en traballar a madeira, a un canteiro en dar forma á pedra ou a un ferreiro en forxar o metal. O tempo da aprendizaxe e o tempo do traballo. Tempo necesario para pensar e facer. Pero reclamar o tempo dunha vida e reclamar o tempo da artesanía que permite pensar e non o da máquina que nolo evita é, hoxe en día unha utopía obsoleta. O bo de Bauman falábanos dos “tempos líquidos”, pero moito témome que cambiamos de estado e de líquidos pasamos a “ gaseosos”. Imparable proceso químico. Pero non me resigno.

Hoxe todo é veloz, a rapidez e a inmediatez son o lema. Pero non aquela velocidade futurista que Marinetti e compañía expoñían no seu manifesto, non, falamos da novidade pola novidade. Ser distinto e novo son xa valores en se mesmos independentemente da súa calidade. Os prazos acúrtanse e todo se sucede sen dixestión nin pouso. Todo é efémero e pasaxeiro en tempo de récord olímpico, o devandito “ gaseoso”.

O tempo que me interesa é o da auga, o tempo que se mide polo seu transcorrer, ese que discorre rápido ou lento, ese que salta ou se remansa, ese que se move ou se estanca. O tempo da arquitectura que me gusta é como o tempo que se mide polo discorrer da auga pola Canle de Castela.

A dimensión temporal e o discorrer da auga establecen unha perfecta interdependencia nun xogo dinámico constante, cuxos efectos se fan visibles por medio da súa resonancia na auga. A memoria da Canle, da súa historia e da súa arquitectura, é evocada continuamente neste xogo de relacións e o tempo que a Canle evoca lémbranos o seu valor, inmutable e cambiante á vez.

É o tempo, xunto coa gravidade e a luz, un deses valores inmutables que nos permiten a necesaria ancoraxe nesta contemporaneidade de tempos de obsolescencia programada e valores mercantilizados de inmediatez e reposición constante. A Canle evoca unha necesaria memoria pausada fronte á desmemoria frenética da constante novidade.

O tempo da arquitectura é o tempo da auga.

Jorge Meijide . Arquitecto
Palencia. Xullo 2019

Notas:

1 Virgilio, Geórgicas. Catedra. Colección: Letras Universales, 2012.

Arquitecto por la ETSA de A Coruña desde 1991. Colabora en el estudio de Juan Navarro Baldeweg entre 1991 y 1992. Máster de proyectos integrados por la fundación camuñas, madrid 1992. A la vuelta A Coruña se incorpora al estudio de su padre, Carlos E. Meijide Calvo con el que trabaja hasta 2001. Desde 2004 hasta 2009 colabora con los arquitectos Patricia de Marichalar y Fernando Martínez. En el año 2009 forma, junto con Patricia de Marichalar meijidedemarichalar arquitectos.

Desde 2014 trabaja en solitario colaborando con estudios y arquitectos amigos. Es profesor de proyectos arquitectónicos en la Escuela Técnica superior de Arquitectura de A Coruña desde 1997; es tutor de proyecto fin de carrera y ha sido presidente del tribunal de PFC. Colabora con blogs y publicaciones de arquitectura.

follow me

Arquivado en: faro, Jorge Meijide

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,