A viga no ollo. Escritos a tempo

“Os escritos deste libro xorden do pesimismo que me esperta o optimismo pueril deste tempo, ese acovardamento ante as incertezas que leva a aferrarse a calquera espellismo de salvación. Dende unha mirada persoal. Coa vontade de sinalar o que parece ir mal sen ningunha intención moralista senón de poñer o ollo aí onde considero que as cousas claramente non funcionan ou parecen ser falacias.

Quixera que este libro se vise como unha insistencia en reaccionar ás débiles hexemonías e fes dunha época.

Todas as opinións que aquí presento prefiren equivocarse a adherirse cegamente a nada ou á nada. Queren afirmar que unha actitude crítica serve para desestabilizar, romper inercias, destruír mitos, poñer patas arriba calquera suposto, para así poder permitir unha discusión franca, libre no posible de ataduras e prebendas, e construtiva”.

Fredy Massad, Extracto do prólogo de A viga no ollo.

O libro contén corenta artigos, estruturados en seis seccións, que presentan reflexións en torno a protagonistas e fenómenos que estiveron a definir as dinámicas arquitectónicas da última década, entre 2008 e 2015.

O propósito do volume é de feito poñer de manifesto como a obediencia ao star-system e a idolatría ao ícono danaron ao pensamento da arquitectura, baleirándoo e anulando a necesidade de criterios cos que sustentar reflexións e debates, un estado que a actual recesión agravou aínda máis profundamente.

«Escritos dende a convicción de que a crítica sobre a arquitectura oscila entre a nostalxia e a farsa, de que as imposturas se converteron en marcas de identidade, estes textos xorden da resistencia a aceptar ese estado de cousas imposto polo fluxo do veloz e o banal como única posibilidade»,

explica Fredy Massad dende a cuberta deste volume.

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: libros, publicacións

Tags: , , , , , , , , ,