Jacobo Domínguez Ojea · Deseño | BMW Group

Jacobo Domínguez Ojea en Munich

¿Cal foi a túa formación e traxectoria profesional previa a traballar para BMW?

Estudei Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, onde me graduei no 2003. Ao mesmo tempo que facía o Proxecto Fin de Carreira cursaba o Máster de Deseño de Automóbiles na Universidade Politécnica de Valencia. Ese mesmo ano aceptaron a miña solicitude de ingreso no Máster de Deseño de Vehículos no Royal College of Art, en Londres. Entre o primeiro e segundo ano deste máster, Daihatsu ofreceume unha bolsa e a oportunidade de facer unhas prácticas no Estudo de Deseño de Daihatsu en Osaka (Xapón) que foi a miña primeira experiencia como deseñador de automóbiles. No 2005, despois de graduarme no RCA, recibín unha oferta para facer prácticas no Departamento de Deseño Avanzado do Grupo BMW en Múnic (Alemaña), empresa para a que traballo dende o 2006.

Durante os dous anos que durou o máster no RCA empecei a miña colaboración con Jordi Castro e María González (Castroferro Arquitectos) en diferentes concursos e proxectos de Arquitectura, entón baixo o nome de CDG Arquitectos. A colaboración durou ata o 2008, momento no que CDG necesitaba máis atención da que eu podía darlle e decidín dedicarme ao 100% ao que sempre foi a miña paixón, o Deseño de Automóbiles. Con eles ségueme unindo unha grande amizade e seguramente colaboraremos puntualmente nalgúns proxectos no futuro.

Dende o 2012 traballo como deseñador de exteriores no Departamento de Deseño de BMW, onde se deseñan os concept-cars e os automóbiles BMW que entrarán en produción nos próximos 3 ou 4 anos.

¿Que levouche a abrirse camiño no deseño de automóbiles?

Fixéronme esta pregunta moitas veces e sempre contesto, medio en broma medio en serio, que eu nacín así. Dende que teño memoria sempre recordo estar fascinado cos coches. Tería uns 3 anos cando empecei a recoñecer a marca e modelo exacto de cada coche que vía pola rúa. Foi antes de aprender a ler, así que lles pedía aos meus pais, tíos ou avós, que me lesen os nomes, na parte traseira dos coches que non coñecía. E por suposto debuxaba coches, constantemente. Aínda non o deixei…

A Arquitectura encontreima polo camiño, realmente non foi vocacional, pero vendo que moitos deseñadores de automóbiles foron primeiro arquitectos, ou pasaron nalgún momento por unha escola de Arquitectura, pareceume que era un bo comezo. Ademais gustoume que fose unha carreira moi completa pola combinación de moi diferentes materias que me permitiría ter moitas opcións, non só para ser arquitecto, senón para dedicarse a case calquera disciplina creativa, como deseño de produto, deseño gráfico, moda, fotografía ou deseño de coches.

¿Consideras que estudar Arquitectura foi un pasaporte fundamental para chegar ao teu posto actual en BMW?

Se, o foi. O feito de ser arquitecto foi un factor valorado moi positivamente tanto por Anders Warming, entón responsable do Departamento de Deseño Avanzado do Grupo BMW e hoxe Xefe de Deseño da marca MINI, como por Karim Habib que o substituíu como responsable de Deseño Avanzado e que hoxe é Xefe de Deseño da marca BMW.

Persoalmente creo que ser arquitecto é un factor diferenciador con respecto ao resto de deseñadores e creativos. No campo da automoción, a formación como arquitecto permíteche ter un punto de vista diferente e máis amplo sobre o que é un coche, a mobilidade e as cidades. Ademais as escolas de arquitectura adoitan proporcionar uns coñecementos máis profundos sobre teoría e historia do deseño, materiais, construción e estruturas do que adoita ser habitual nas escolas de deseño e, dende o meu punto de vista, ésto proporciona unha base moi sólida para dedicarse a calquera rama do deseño. Evidentemente despois hai que adquirir os coñecementos necesarios e específicos de cada disciplina..

¿Cres que os arquitectos en España deberiamos seguir abrindo novas vías de traballo para saír da casa máis “tradicional” de proxectar dada a actual situación da construción no noso país?

Por suposto, ademais a formación como arquitecto permite ser moi versátil e flexible para encontrar esas novas vías, e dende logo por capacidade de traballo non vai ser… Aqueles cuxa prioridade sexa vivir en España terán que adaptarse á situación actual e buscar esas novas vías. Aqueles cuxa prioridade sexa exercer de arquitectos no sentido máis “tradicional” terán que irse alá onde poidan selo. Persoalmente eu sempre tiven moi claro o que quería facer pero nunca o onde, sempre estiven aberto a irme onde fose necesario.

¿Que opinas dos que se foron a traballar ao estranxeiro?

Creo que todo o mundo debería vivir e traballar nun país estranxeiro nalgún momento da súa vida, é unha experiencia tremendamente enriquecedora tanto a nivel persoal como profesional. Poder irse e non o facer paréceme unha oportunidade perdida. O Mundo é moi grande e España moi pequena para pasarse toda a vida sen saír dela. Moita xente viaxa ao estranxeiro por pracer pero logo dálles medo facelo por traballo, iso non debería ser así. Planear un cambio de país non é moito máis complicado que planear unhas vacacións e cando un vive uns poucos meses en “o estranxeiro”, con actitude positiva e tratando de adaptarse, ese lugar deixa de ser “o estranxeiro” e pasa a ser simplemente “o lugar onde vivo”. Eu síntome moi afortunado porque grazas á miña profesión vivín en Londres, Osaka e Múnic, traballei brevemente en Los Ángeles e Singapore e visitei cidades como Abu Dhabi, Dubai, Hong Kong, Miami ou Seattle. Hai sitios marabillosos para vivir e traballar, tamén fóra de España.

¿Animarías outros arquitectos a seguir os teus pasos no deseño de automóbiles? Que pasos consideras que deberían dar? ¿Como completar os seus estudos? ¿Que outros consellos lles darías?

Só animaría a aqueles cuxa paixón foi sempre deseñar coches, ese é o primeiro requisito, ser un apaixonado dos coches, case rozando a adicción. É complicado transmitir emoción e fascinación cunha forma, cunha escultura, se non se leva esa paixón dentro, e éso é, aínda a día de hoxe, algo fundamental no Deseño de Automóbiles.

Por outra parte, é moi difícil deseñar ben un coche sen saber de coches, como é moi difícil proxectar ben unha vivenda ou un centro de saúde sen saber de Arquitectura, polo tanto é necesario cursar estudos de Deseño de Automóbiles se se quere deseñar automóbiles. Para os que xa son arquitectos recomendaríalles os masters de postgrao do Royal College of Art ou da Hochschule Pforzheim. Para entrar nestas escolas hai que demostrar un excelente nivel de debuxo, xa que ese é a linguaxe na que comunicaremos as nosas ideas, e ter un bo nivel de inglés. Isto último é unha condición sine qua non para traballar na industria do automóbil.

Para atopar máis información recomendo visitar cardesignnews.com , carbodydesign.com o cardesign.ru

Temos visto que BMW en colaboración coa Universidade de Alcalá e a Fundación Universidade-Empresa, presentan o programa “¿Gústache aprender?” programa de formación internacional para traballar en BMW ¿Cres que esta podería ser unha boa oportunidade para que novos arquitectos se introduzan neste campo?

Pois a verdade é que non o coñecía, non é un programa específico para o campo do deseño, parece máis orientado cara a Enxeñaría, Telecomunicacións ou Mercadotecnia. De todos os xeitos eu inscribiríame; ás veces ás empresas, e ás persoas, sorpréndeos o perfil de alguén precisamente porque non é exactamente o que solicitan e ofrece algo diferente.

Jacobo Domínguez Ojea · ED-B-1 · Exterior Design | BMW Group

Novembro 2013

Entrevista realizada por Ana Barreiro Blanco e Alberto Alonso Oro. Agradecer a Jacobo o seu tempo e axuda con este pequeno espazo.

Alberto Alonso Oro

Arquitecto y editor en veredes, arquitectura y divulgación. Invernalia es un buen lugar. A veces escribo en Fundacion Arquia.

follow me

Arquivado en: Alberto Alonso Oro, Ana Barreiro Blanco, baliza

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,