Anomalía | Wayward Wandering

Eviction Refugees Camp Berlin | Montecruz Foto
Eviction Refugees Camp Berlin | Fotoografía: Montecruz

A palabra anomalía vén do grego ἀν e ὁμαλός, é dicir ‘non igual’, que non se conforma coa regra xeral, a norma, o comportamento habitual. No ámbito das ciencias físicas, por exemplo, representa calquera variación con respecto a un modelo de referencia, en lingüística indica a irregularidade na conxugación dun verbo, en astronomía designa a particularidade do movemento dun astro.

Que significado e uso ten a palabra anomalía cando o suxeito do discurso é o ser humano? Cal é o modelo de referencia que ten lexitimidade para ser usado como termo para definir que é anómalo? Quen define, en cada situación, o límite entre un comportamento anómalo e un ‘non anómalo’, unha idea anómala e unha ‘non anómala’?

A palabra anomalía ten unha relación estreita coa palabra normalidade –que vén do latín norma, a escuadra que servía para medir se os ángulos eran rectos– e coa palabra regula –a rēgŭla que servía para trazar liñas, de alí o significado figurado de regra–. Xorden algunhas preguntas:

E se se queren trazar liñas curvas? Se se descobre que as ideas resultan non ser medibles?

É evidente que nas infinitas maneiras de vivir a vida non hai regras ou normas absolutas e verdadeiras. É evidente que calquera persoa que se arroga o dereito de definir cales son as ideas válidas e cales son os camiños correctos esconde, detrás da falsidade da moral e o ben do outro, a defensa de prexuízos persoais ou os privilexios dunha corporación. A miúdo ese comportamento esconde a incapacidade de vivir plenamente a vida por parte dalgúns.

As cidades chegaron a ser o lugar crave en que se desenvolve a nosa vida moderna, despois da case total conquista do espazo e consecuente destrución da natureza por parte do home. A cidade contemporánea, a súa organización, a súa forma, son a reificación das nosas ideas.

Como se proxecta o arbitrario concepto de anomalía no ámbito espacial? Como a vontade de conformarse coas regras, establecidas por unha maioría ficticia, plasma a cidade?

Mirando a xeografía dunha metrópole calquera, nótase que o resultado da proxección é sempre o mesmo: illas mudas, espazos confinados, barreiras. Por unha banda os espazos do exilio –materializados en cárceres, estruturas psiquiátricas, campamentos para os pobos nómades, centros para persoas que decidiron vivir noutro país, centros para menores ou maiores, todos lugares nos que un grupo de persoas constrinxen a outras a vivir/morrer, sempre perdendo a liberdade, en base a principios, ideas ou prexuízos persoais transformados en actos de coerción e estigmatización– e os espazos escondidos –os barrios populares, as zonas malolientes, as zonas de fronteira, as áreas perdidas das cidades– lugares nos que as persoas están indirectamente obrigadas ao illamento, para esconder a súa anomalía, persoas que non queren usar a escuadra para medir, que queren vivir trazando liñas curvas, persoais, temerarias.

Polo outro hai os espazos do exilio voluntario e inconsciente –bloques residenciais con cámaras de seguridade, centros comerciais, hipermercados, fitness clubs, resorts– que revelan a imposibilidade de vivir plenamente a vida por parte dun número de persoas crecente, que desde os primeiros anos do que se chama educación –ou sexa a escola obrigatoria– afastáronse do seu propio centro. Unha procura mecánica e continua dunha anestesia á vida, á contradición, que é precisamente o que caracteriza a vida.

Vida e contradición que precisan de espazos anómalos, que cuestionen de maneira obscena a norma actual. Espazos humanos, de encontro, refuxio, experimentación, proba, desorganizados, casuais, naïf, viscerales, escuros, acráticos, imprecisos, cuestionables, nómades, carnais, catárticos.

Wayward Wandering
Autor do blogue Perspectivas Anómalas
Barcelona, Xaneiro 2016

Wayward Wandering

Viaje en el espacio físico de la ciudad, las ideas que lo crean, la materialidad que lo compone, las excepciones y desviaciones que proponen posibilidades nuevas.

Wayward Wandering es teórico de la arquitectura. Colabora con varios medios en el ámbito del pensamiento crítico y es consultor de la Universidad de Edimburgo en el área de las artes y la arquitectura.

follow me

Arquivado en: artigos, Wayward Wandering

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,