Outras puertas | Miguel Ángel Díaz Camacho

Acceso á Capela no Bosque, Erik Gunnar Asplund, Cemiterio Sur de Estocolmo

A porta que Alicia encontra no tobo do coello é, en realidade, unha ventá. A pesar da súa aparencia de porta, o seu minúsculo tamaño convértea en tan só unha fenda practicada na parede dende onde poder mirar o xardín máis marabilloso do mundo1, ese lugar fascinante que se esconde tras os muros e ao que todos nos asomamos algunha vez, aínda que só Amélie Poulain puidese rescatar unha antiga caixa repleta de tesouros2. En arquitectura contamos cunha marabillosa ferramenta de proxecto, a porta amplificada, un mecanismo de acceso que transcende o elemento “porta” para formar parte dunha curiosa constelación de ventás, pasaxes, albores, bosques e mesmo muros que constitúen “outras portas” ante a imaxinación do habitar cotián.

Cando en 1914 Asplund e Lewerentz presentan a súa proposta para o concurso do Cemiterio Sur de Estocolmo, elixen como lema Tallum” (piñeiral), preservando o frondoso bosque existente como a máis poderosa das portas de acceso no límite último da vida: o Cemiterio do Bosque3. As portas vólvense excitantes cando, por algún motivo, deixan de selo. É entón cando se amplifican, comezan a ser, reverberan fóra e dentro: desaparecen. Para Alejandro de la Sota as portas son os muros, en ocasións tabiques que xiran ou se deslizan sobre o chan integrándose en paredes agora máis grosas: “se puidésemos entrar nas nosas casas como entrou o Comendador, a través dos muros, teriamos feito desaparecer esta outra parva palabra: a entrada”4. Mies fíxoo antes: se se observa con atención a planta da Casa con Tres Patios (1934), pódese comprobar a total e absoluta ausencia de portas; a pesar da presenza dun camiño que conecta a casa co exterior do recinto, o ventanal proponse como unha membrana continua, transparente e transpirable, unha veladura vaporosa e accesible en toda a súa extensión bidimensional; talvez neste caso a verdadeira porta sexa o camiño, flanqueado pola árbore e o muro exterior de ladrillo5. No interior, non obstante, as portas transformáronse en pequenos espazos entre as distintas estanzas, albores en penumbra que serven de transición entre funcións de distinta natureza, o lugar preciso entre un dormitorio e un baño.

Para Sáenz de Oíza a porta é “o centro do mundo en arquitectura”6. A aparente transcendencia das súas palabras non revela a frescura dalgunhas solucións concretas certamente enxeñosas, como aquela porta levadiza que deseña para unha das súas casas e que utiliza como ponte para saír e entrar; ao pechar pola noite, as pegadas sobre a superficie vertical indican unha estraña capacidade dos habitantes para camiñar sobre as paredes: a incrible porta magnética, unha solución brillante, a porta cinematográfica como instrumento para a fabricación de historias, un xénero en si mesmo cultivado por grandes directores como Jacques Tati ou Billy Wilder: “é aburrido ver alguén entrar nunha casa pola porta. É moito máis interesante cando alguén entra pola ventá”.

Miguel Ángel Díaz Camacho. Doctor Arquitecto

Madrid. febreiro 2014

Notas:

1 Alice’s Adventures in Wonderland, Lewis Carroll, 1865. Debuxos da primeira edición por John Tenniel.

2 Le fabuleux destin d’Amélie Poulain, Jean-Pierre Jeunet, 2001.

3 Na imaxe da cabeceira, acceso a Capilla no Bosque, Erik Gunnar Asplund, Cementerio Sur de Estocolmo.

4 Alejandro de la Sota; Alejandro de la Sota, Madrid, Pronaos 1989. Sobre a casa na rúa Dr. Arce, Madrid, tristemente demolida o 12 de abril de 1987.

5 Ver El árbol, o camiño, o estanque ante a casa; Luis Martínez Santa-María, Barcelona, Arquía 2004.

6 Francisco Javier Sáenz de Oíza, Escritos e Conversas, Barcelona, Fundación Caja de Arquitectos 2006.

Miguel Ángel Díaz Camacho

Doctor en Arquitectura, Decano de la Facultad de Tecnología y Ciencia UCJC. Presidente de la Asociación Sostenibilidad y Arquitectura,  perteneciente al Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España. Director de MADC Arquitectos, estudio profesional con premios en concursos nacionales e internacionales, en la actualidad desarrolla proyectos en España y Noruega. Escritor y crítico de arquitectura, es autor de los libros “Párrafos de Arquitectura. Core(oh)grafías” (2016) y “Arquitectura y Cambio Climático” (2018).

follow me

Arquivado en: artigos, Miguel Ángel Díaz Camacho

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,