A arquitectura moderna e o poder. España e o mundo no s. XX | Antón Capitel

Construción do Palazzo della Civiltà Italiana. Arquitectos Giovanni Guerrini, Ernesto Bruno La Padula e Mario Roman (Courtesy of Wikicommons)

Con algunha frecuencia tiven que explicar, como profesor, a arquitectura dos anos 40 no franquismo, ou a do nazismo nos 30. Sempre digo que tanto o nazismo coma o franquismo tiveron á arquitectura moderna como un inimigo, o que en realidade resulta insólito, pois a arquitectura moderna -dixesen o que dixeran algúns críticos e historiadores, ou digan o que digan agora- non tiña contido ideolóxico directo ningún. Ben puidera acontecer que o ditador nazi tivese sido un entusiasta da modernidade, mesmo por presumir de radical, e tivese promovido unha arquitectura que en boa medida podía considerarse alemá. En gran modo así fíxose en Italia, por exemplo, e baixo o ditador fascista. Non obstante, non era así no nazismo; o xefe era partidario da arquitectura clásica e académica, no que denunciaba o seu atraso e a súa falta de educación, e impúxoa como tantas cousas.

No ditador español a cousa era algo distinta, pois aquel ser non tiña moito criterio en nada que non fose político, e foron algúns arquitectos -sobre todo un- os que impuxeron unha política arquitectónica conservadora, o que cadraba cos gustos convencionais, de clase media baixa, do ditador.

Ben, pero, en definitiva, ¿por que a identificación da arquitectura moderna como un inimigo, se este en realidade non o era, e a súa adopción tería permitido presumir de progresismo técnico e artístico?

No caso de España quizais poida esbozarse unha contestación.

Sen esquecer a difícil situación á que chegara o país baixo o réxime republicano, en boa medida imposible de desculpar, e aínda que aquela non fose unha responsabilidade tan directa dos políticos como se adoita dicir, pois abundou a sabotaxe duns e doutros, a suposta “salvación da Patria” que decidiron levar a cabo os militares e aqueles que lles axudaron, non se sostén como razón, e aparece máis ben como simple coartada.

A guerra civil non foi un simple golpe de Estado para endereitar o réxime republicano e impoñer a orde, o que podería ter sido. Foi unha guerra cruenta, fratricida, artificialmente sostida na súa longa duración para liquidar o inimigo ao máximo posible e cambiar por completo a estrutura política do país. Se a guerra, segundo tantos, era inevitable, o resultado tras ela non o era. Unha república parlamentaria substituíuse por unha ditadura persoal, ao mando dun xeneral de brigada africanista, sen outros méritos que o seu prestixio entre a extrema dereita, a súa astucia e a súa crueldade, xa exhibida coa súa acción ao sufocar e reprimir a revolución de Asturias en 1934.

O escuro e astuto xeneral de brigada librouse por accidente dos seus principais rivais, o xeneral Sanjurjo, Marqués do Rif (africanista como el, que foi o seu xefe e xa anteriormente sublevado contra a república) e Emilio Mola Vidal (organizador da rebelión), ambos os dous máis intelixentes e de pensamento político menos limitado do daquel que logo llas arranxou, con trampas ben coñecidas, para ser nomeado ditador.

O xeneral de brigada ascendeuse a si mesmo a capitán xeral e pasou a presidir unha cruenta e despótica ditadura, apoiado nas dereitas, en xeral, pero sobre todo nun exército pretoriano, gardacostas e cómplice da operación e pagado coa corrupción máis absoluta. Non salvaron a Patria, limitáronse a apoderarse dela. Apoderáronse do Estado e da sociedade e puxérona ao seu servizo. Iso pasou pola destrución do país, pola morte e o asasinato de moitos centos de miles, e pola instauración da corrupción sistemática e da entronización social dos negocios sucios.

Agora, ben, todo isto ¿que ten que ver coa arquitectura moderna? Nada en absoluto, pero tampouco tiña nada que ver a arquitectura coa ideoloxía doutros países que, non obstante, reaccionaron fortemente en relación a ela. Stalin suprimiu violentamente a arquitectura rusa de vangarda para dar paso a un academicismo decadente “ao servizo do pobo”. De Hitler e de Mussolini xa falamos. En Estados Unidos, o máis importante da arquitectura oficial, as grandes obras en Washington construídas nos anos 30, eran un “revival” do neoclásico. En Inglaterra, non só as obras oficiais, senón tamén moitas das privadas, polo menos en Londres, foron obrigadas a servir un clasicismo decadente, que pretendía aínda representar ao imperio, e que xa fraqueaba mesmo nas hábiles mans de Lutyens. A sacralización da arquitectura moderna como arquitectura da democracia por parte dos aliados ao rematar a segunda guerra mundial foi un apresurado invento, ao comprobar que o vello e vencido inimigo -o nazismo- e o inmediatamente antes aliado e agora inimigo -o comunismo- practicaban o clasicismo, como eles mesmos tamén fixeran. Era, preciso, pois, distinguirse e entronizar unha nova icona capaz de representar ás “democracias”.

Na España franquista, feroz réxime ditatorial, a propaganda era enormemente necesaria, polo que xa se dixo, pois se trataba de xustificar por sublimación o feito de terse apoderado do país e de ter provocado tal desastre material e tan incontable número de mortos entre os propios compatriotas. A arquitectura foi chamada así a unirse á propaganda. Quizais o xeneral de brigada devido ditador e Pedro Muguruza Otaño, arquitecto guipuscoano a quen o militar africanista nomeara “Director Xeral de Arquitectura”, urdiron xuntos a groseira trama de resucitar a arquitectura ecléctica, á que se ía chamar “Nacional” -non era a primeira vez- e opoñerse aos incipientes racionalismo e expresionismo, máis ou menos identificados coa república por simples razóns temporais, e á que se ía chamar “arquitectura vermella”. Quizais o invento foi máis ben de Muguruza, que llo propuxo ao xeneral de brigada, o cal aplaudiría a ocorrencia, que viña a coincidir co seu mediocre gusto de home ineducado.

Promoveuse, pois, a arquitectura historicista como “arquitectura española”. Os arquitectos houberon de desempoar os seus antigos libros e manuais de principios de século, e tan só a un, Luis Moya Blanco, non lle tremeu a man ao facer clasicismo, xogando un papel comparable ao de Lutyens no Reino Unido de anteguerra, aínda que máis solitario aínda.

A pesada broma non pasou dos anos 40, salvo no caso de Moya. Os novos arquitectos franquistas converteron pronto a arquitectura moderna na imaxe do Estado e da sociedade da ditadura.

A arquitectura usouse así, por uns e por outros, ao servizo da ideoloxía, sen que esta puidese verdadeiramente contela. Foi, por parte de todos, un abuso con respecto á nosa arte, que se estivera xa ao longo da historia ao servizo do poder, como é lóxico, nunca sufrira, ata o século XX, manipulacións tan groseiras e tan extraordinarias.

Antonio González-Capitel Martínez · Doctor arquitecto · catedrático en ETSAM

Madrid · febreiro 2010

Antón Capitel

Es arquitecto y catedrático de Proyectos de la Escuela de Arquitectura de Madrid, fue director de la revista Arquitectura (COAM) de 1981-86 y de 2001-09. Historiador, ensayista y crítico, ha publicado numerosos artículos en revistas españolas y extranjeras sobre arquitectura española e internacional. Entre sus libros destacan diferentes monografías sobre arquitectos.

follow me

Arquivado en: Antón Capitel, faro

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,