Asuntos pendentes | Silvia Blanco Agüeira

5 (100%) 2 vote[s]

Masey, Jack y Morgan, Conway Lloyd. Cold War Confrontations. Zürich: Lars Müller Publishers, 2008.
Masey, Jack y Morgan, Conway Lloyd. Cold War Confrontations. Zürich: Lars Müller Publishers, 2008.

En maio de 1958 o arquitecto e crítico italiano Bruno Zevi lanzou un ataque furibundo contra a Exposición Universal de Bruxelas, describíndoa como unha feira das vaidades, na que cada edificio loitaba pola atención do público1. Mesmo Miguel Fisac bramou contra o alarde estrutural, o formalismo estéril e a extravagancia arquitectónica sen contido presentes en dito evento2. Nin tan sequera os pavillóns máis discretos e de menor escala se libraron daquelas voces críticas que condenaron o espectáculo formulado, ao converter a tecnoloxía nun elemento fetiche para deseñadores e arquitectos3.

Esta reprobación derivaba do slogan elixido para a Expo58, o cal levaba por título “Por un mundo máis humano”. A través del reclamábase unha maior atención cara aos conflitos e inxustizas do mundo, aínda que non quedase moi claro como este compromiso co humanismo debía incorporarse á arquitectura, ou se era necesario facer evidentes os problemas domésticos dun país nun evento que supoñía un escaparate público. Non obstante, houbo quen si o fixo: quen mostrou as súas miserias e problemas internos ao mundo, antes de que os demais os aventasen. Fronte ao que se podería esperar, este exercicio de autocrítica e de psicanálise en plena guerra fría realizouno un país como os Estados Unidos. Envolvida nunha atractiva e multicolor pel, a proposta denominada Unfinished Business4, que se podería traducir como “asuntos pendentes”, complementou ao pavillón oficial e situouse xunto a este no recinto de Heysel.

A construción era estraña en moitos sentidos. Non foi financiada polo goberno estadounidense, senón que por unha revista non relacionada co mundo das finanzas –Fortune-, que se converteu en patrocinadora do Departamento de Estado. Non foi deseñada por un arquitecto, senón por un ilustrador de contos infantís de orixe holandesa, Leo Lionni, que era o director creativo da revista. E non era un só edificio, senón que eran tres volumes, situados sobre un xardín e conectados entre si. Cada un deles, cunha altura de seis metros, representaban o pasado, o presente e o futuro, respectivamente. A primeira peza, de aspecto pregado, foi empapelada no seu interior cunha confusa colaxe de xornais estadounidenses onde se podían ler titulares relacionados co urbanismo, o esgotamento dos recursos naturais e o racismo. A segunda peza, a do presente, mostraba as investigacións realizadas e os pasos dados para solucionar os problemas anteriormente mencionados. Pero foi curiosamente a terceira, a do futuro, a que resultou máis incendiaria: nas súas paredes lisas había unha gran fotografía onde se vía nenos de distintas razas (branca, negra e asiática) formando unha roda, o que enervou os ánimos dos políticos segregacionistas. Tanto é así que en abril de 1958 foron enviadas delegacións a Bruxelas, esixindo fotografías do presunto agravio5.

: Interior del tercer volumen, con la fotografía más controvertida: niños de distintas razas jugando y uniendo sus manos. Fuente: Masey, Jack y Morgan, Conway Lloyd. Cold War Confrontations. Zürich: Lars Müller Publishers, 2008.
Interior do terceiro volumen, ca fotografía mais controvertida: nenos de distintas razas xogando e unindo as súas mans. Fonte: Masey, Jack e Morgan, Conway Lloyd. Cold War Confrontations. Zürich: Lars Müller Publishers, 2008.

Os informes sobre o estraño artefacto foron contundentes e comezaron as modificacións, peches e renovacións que obrigaron o propio Lionni a voar a Bruxelas apresuradamente. Tantas clausuras e aperturas fixeron que ao final ninguén soubese en Estados Unidos se a construción estaba aberta ou pechada, pois no mes de agosto aínda chegaban críticas, a pesar de que a imaxe da discordia fora encollendo ata volverse insignificante, sepultada baixo as letras dunha canción infantil6. A mediados dese mesmo mes, os tres volumes albergaron novos contidos temáticos, relacionados coa saúde, a educación e o benestar. A censura impúxose así no lugar onde se pretendía mostrar xusto o contrario: a liberdade dos medios de comunicación estadounidenses para xerar un debate libre7. Segundo os diarios belgas da época, os espectadores non puideron evitar sentirse turbados ao ver, como paso a paso, o descoñecemento, o medo e os prexuízos ían asestando navalladas á inocencia.

Silvia Blanco Agüeira, doutora arquitecta
Viveiro, xuño 2015

Notas:

1 Zevi, Bruno, “Bruxelles 1958: primi interrogative”, L’architettura, cronache e storia 31 (1958): 4.

2 Fisac, Miguel, “Exposición Universal de Bruselas”, Blanco y Negro, 2398 (1958).

3 Persitz, Alexandre, “Notes et Images”, Architecture D’Aujourd’hui 81 (1958): 94.

4 Los medios belgas lo rebautizaron como “Unfinished Work”.

5 Quek, Raymond; Deane, Darren y Butler, Sarah (eds.), Nationalism and Architecture (Surrey: Ashgate Publishing Company, 2012), 86.

6 “Ring Around the Rosie”.

7 Mallo, Álvaro; Blanco, Silvia y Carballo, Francisco: “Denostada Bx´58” (Conferencia impartida dentro do curso Segredos da Arquitectura, Fundación Luis Seoane, A Coruña, 19 de maio de 2014).

Este texto foi realizado a partir da información recompilada polo grupo «BRXLLS´58», centrado na investigación sobre os pavillóns que conformaron a Exposición Universal de Bruxelas de 1958. Máis información: grupo BRXLS58 ou BRXLS58@groups.facebook.com

Silvia Blanco Agüeira

Silvia Blanco es una arquitecta gallega que se dedica a la teoría de la arquitectura. Cuenta con un gran número de publicaciones, ponencias, artículos científicos y comunicaciones que giran alrededor de tres ejes temáticos: el estudio de olvidados y notables ejemplos de la historia de la arquitectura; la puesta en valor del patrimonio arquitectónico del noroeste peninsular, en especial, el construido en la segunda mitad del siglo XX; y por último, la implementación de métodos de aprendizaje que fomenten el sentido crítico y la capacidad analítica del alumno.

follow me

Arquivado en: faro, Silvia Blanco Agüeira

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , ,