A 100 Chairs in 100 days | Xosé Suárez

5 (100%) 1 vote

Martino Gamper
Martino Gamper

O proxecto A 100 Chairs in 100 days” do deseñador italiano Martino Gamper incide na idea da fabricación de obxectos únicos a partir doutros preexistentes e refugados. O proxecto consiste na construción de 100 cadeiras nun período de tempo limitado a 100 días cos restos doutras recollidas durante anos nas rúas de Londres.

A construción destes elementos implica un analisis exhaustivo das preexistentes co fin de verificar diversas cuestións prácticas como a resistencia de elementos, dispostos nunha orde contraria á función para a que foron deseñadas orixinalmente.

Pero tamén incide en aspectos máis polémicos como a abdicación do respecto polos deseños orixinais e a confrontación de diversos arquetipos nunha única peza, nalgúns casos con valores culturais e económicos moi diverxentes; e ofrece unha viaxe singular polas resonancias do deseño contemporáneo a través do tempo.

Deseñadores doutras disciplinas traballaron coa idea da reutilización de elementos de refugallo: Aleksander Brodsky fabrica o seu Pavillón para a cerimonia do vodka cunha colección de xanelas procedentes de derribas ás que recubre cun manto de pintura branca para ofrecer diversos graos de transparencia, unha sensación heladora moi acorde coa función do pavillón e unha obra sublime.

Maison Martin Margiela
Maison Martin Margiela

Martin Margiela fabrica a súa colección de roupa denominada “Artisanal” mediante a adición de elementos procedentes do desarmado doutras pezas de vestiario e calzado; algunhas das pezas conservan a función orixinal, noutras modifícase pola adición de pequenos elementos repetidos.

Piet Hein Eek na súa colección Sloophout traballa cunha idea similar. Neste caso as pezas de mobiliario son deseños orixinais, pero na súa construción utilízanse madeiras recicladas coas súas pinturas e vernices orixinais.

Piet Hein Eek
Piet Hein Eek

Xosé Suárez, arquitecto
Santiago de Compostela, outubro 2010
Publicado en Nº 313 [sillas…]

Arquivado en: arte, capturas, diseño, Xosé Suárez - Elías Cueto

Tags: , , , , , , , , , , , , , , ,