Unha mañá en Can Lis | José Antonio Sumay Rey

5.0
01

Can-Lis-01 ©-José-Antonio-Sumay-Rey

Trátese dunha casa, das estrelas ou do deserto, o que constitúe a súa beleza é invisible.

O principito

Antoine de Saint-Exupéry

O verán pasado, acompañado da miña familia, puiden visitar Can Lis, a casa que Jørn Utzon construíu nos arredores  de Porto Petro, Mallorca. Can Lis é una das catro casas proxectadas para el e a sua familia e que compoñen una marabillosa serie que expresa o sentido do habitar utzoniano en épocas e lugares ben diferentes: desde a súa primeira casa en Hellebæk (Dinamarca, 1952) pasando polo seu proyecto de Bayview (Australia, 1964) ata as duas casas Mallorca,  Can Lis (1972) e Can Feliz (1994).

Situada nun espectacular emprazamiento na beira do mar, Can Lis é a mais poética e radical de todas elas e a súa razón de ser hai que buscala necesariamente en terras moi lonxanas. En 1957 aos 38 años de idade, Utzon convértese nun arquitecto de fama mundial ao gañar o concurso internacional da Ópera de Sídney. Pero a construción da súa fermosa proposta para a baía de Sídney distou moito de ser un camiño de rosas. As formas da Ópera naceron da sua sensibilidade, imaxinación e a sua grande intuición contrutiva; eran un desafío á convención e a tecnoloxía do seu momento. Utzon tivo que desenvolver unha xeometría e una construción para facer realidade esta arquitectura que estaba concibida como un gran desafío arquitectónico.1 Pero unha campaña política populista, sustentada na crítica ao carácter experimental desta arquitectura e ao meticuloso proceso de investigación de Utzon, forza a amarga renuncia do arquitecto danés que abandonaría Australia na primavera de 1966 para no volver nunca mais.

En Sídney, Utzon reforza a idea da arquitectura como una experiencia sensible e humana xurdida do ámbito da imaxinación e a fantasía. Para el a misión do arquitecto debe ser encontrar a liberación desas forzas creativas interiores; dominar a tecnoloxía para construír os seus soños. O resultado é a “arquitectura aditiva” que pretende dar respostas ás necesidades humanas agrupando os elementos construtivos proporcionados pola industria en patróns de crecemento orgánico. A idea é afastarse da casa como una caixa de tamaño predeterminado e compartimentada convencionalmente, ao contrario búscase unha combinación de elementos ou pezas que respondan ás necesidades humanas. Baseada neste principio aditivo Utzon proxecta a súa vivenda en Bayview, preto de Sídney, que finalmente no chegará a ser construída.

Can-Lis-02-©-José-Antonio-Sumay-Rey

Ao seu regreso de Australia, Utzon e a súa dona Lis, escultora, encontran unha magnífica parcela sobre os cantís da costa este de Mallorca. Encaixada entre o borde do mar e o camiño posterior Can Lis é unha casa que se disgrega en catro volumes articulados por medio de muros e patios. A primeira peza é un gran patio porticado aberto ao mar para a vida o aire libre, o segundo volume é un espazo para estar ao redor do lume e as vistas que penetran por unhas troneiras acristaladas. Os volumes terceiro e cuarto son os dormitorios que contan cuns pequenos soportais vinculados ás estancias. Estes catro elementos apenas teñen como unión o muro posterior que limita co camiño e serve de guía ao corredor ao aire libre que conecta todas as pezas. En continuidade cos proxectos precedentes, a idea do muro como elemento xerador da casa xa fora estudado por Utzon na súa primera casa en Hellebæk (Dinamarca, 1952) mentres que a fragmentación volumétrica por usos e a modularidade construtiva desenvolverase no proxecto de Bayview (Australia, 1964).

Can Lis proxectase coa paisaxe e a luz como elemento esencial. A presenza do mar é tan rotunda que Utzon estima que non é necesario engadirlle á casa decoración algunha e, como mobiliario, só dispon duns sinxelos bancos construídos con pedra de marés e revestidos con azulexos locais. Ao visitar a casa un é consciente da vontade de Utzon de facer unha arquitectura que sexa a xusta expresión das necesidades esenciais do home, tanto materiais como espirituais.

Can Lis pertence á escala humana, a súa monumentalidade responde mais á pureza dos seus espazos que as súas proporcións e dimensións. Can Lis é a resposta a un sentido de habitar que entende a vida como un conxunto de pequenos actos: andar, estar de pe, sentarse, deitarse, desfrutar do sol e mais da auga. Ao visitala entendese o pouco que se necesita para habitala, apenas uns libros e algún obxecto persoal.

Can-Lis-03-©-José-Antonio-Sumay-Rey

É nesta renuncia ao accesorio onde reside a atemporalidade de Can Lis; a cada paso uno ten a sensación de pertencer a un espazo dificilmente asimilable a unha época. Esta atemporalidade non se pode definir, segundo Norberg Schulz, como unha abstracta sensación de non pertencer a ningún período histórico senón como algo eterno que forma parte do lugar. É Can Lis un magnífico exemplo de arquitectura clásica, entendendo o clasicismo non como unha mera cuestión formal ou de estilo senón como unha vontade de permanencia, de eternidade e que, neste caso, non provene da natural viaxe polas beiras do Mediterráneo, entre o oriente de Grecia e a illa de Mallorca, senón que recorre Europa desde o renacemento italiano e as villas de Palladio ata a obra dos seus mestres Erik Gunnar Asplund e Alvar Aalto.

Can Lis xurde como síntese entre a paisaxe e o modesto mais esencial sentido de habitar utzoniano, cuxa vontade de sincera simplicidade trasladase ao proceso construtivo. Ao contrario que na Ópera de Sídney,e o seu laborioso proceso de proxecto e execución de obra, en Mallorca Utzon acorta o tránsito entre a idea e a súa materialización, entre o pensamento e a obra. Constrúese co xusto e o necesario desenvolvéndose simultaneamente proxecto e obra cun reducido número de planos iniciais e modelos a escala real. O arquitecto, coa súa  familia, decidía no lugar a disposición e altura dos muros, a forma dos ocos ou o sitio axeitado para sentarse; todo isto materializábase grazas á estreita colaboración cun construtor local a quen Utzon explicaba nun bar, con terróns de azucre, a forma do proxecto.

Como vira nas súas viaxes por México o Marrocos, Utzon recupera en Can Lis unha tradición construtiva en harmonía co lugar e os seus materiais. Os muros e columnas da casa son dunha fábrica bastamente rexuntada de pedra do marés; con esta arenisca construíse na illa de Mallorca desde a catedral de Palma ata os característicos marges, muros de cachotería seca que se utilizan en toda a illa tanto para delimitar propiedades como muros de contención e socalcos. Os pavimentos e muros interiores son de pedra de Santanyí, tamén unha arenisca local pero mais dura e escura. A pedra colocase sen tratamentos superficiais, segundo sae do proceso de corte: pódense apreciar con claridade en toda a casa as marcas do aserrado nos perpiaños. As placas realízanse con viguetas prefabricadas sobre as que apoian unhas bovedillas cerámicas. As cubertas son planas e a tella árabe utilizase como remate dos muros, detalle que Utzon incorporara da arquitectura tradicional chinesa.2 As carpinterías exteriores son de piñeiro norte mallorquino. En resumo, a procedencia dos materiais pódese atopar nun radio duns poucos quilómetros.

Can-Lis-04-©-José-Antonio-Sumay-Rey

Grazs a Can Lis e a sua construción tradicional Utzon regresa da odisea de Sídney determinada polas polémicas e as complexidades técnicas y económicas a esta Ítaca mallorquina que cos anos converteríase no seu fogar. Desde 1973 Can Lis foi a casa de vacacións de Jørn Utzon e a súa familia y alí seguiron vivindo cando aumentaron os períodos de estancia na illa. Pero en 1983, ao convertérense en residentes permanentes en Mallorca, reconsideran a súa idea inicial de construír unha casa no interior da illa; será a súa cuarta casa, Can Feliz.

Can Feliz localizase en una parcela que os Utzon adquiriran en Felanitx ao seu regreso de Australia. As primeiras propostas son de 1972, pero problemas legais impiden finalmente a súa execución e é entón cando se deciden a construír Can Lis. Finalizada en 1994, esta é unha vivenda mais grande con maiores servizos e comodidades pero tamén cunha luminosidade e unhas vistas más matizadas. A pesar de ser 20 anos mais moderna, Utzon utiliza os mesmos sistemas construtivos que en Can Lis coa excepción da cuberta na que opta por una solución mais tradicional de planos inclinados con tella árabe.

Das razóns para o abandono de Can Lis quizás a mais difundida é que debido a súa fácil acceso se vía invadida con frecuencia por amantes da arquitectura impedindo deste xeito a debida privacidade do arquitecto e a súa familia. Pero, como recoñecería o propio Utzon, a arquitectura e a paisaxe foron as verdadeiras causas deste abandono:

Deixamola polla luz. A intensidade luminosa polo mar era demasiado forte.3

Can-Lis-05-©-José-Antonio-Sumay-Rey

A presenza do mar e a luz é tan rotunda en Can Lis que un entende esta necesidade de buscar, con Can Feliz, a suavidade das paisaxes interiores da illa e unha menor exposición ao sol do Mediterráneo.

Ao construírse a nova casa, Can Lis queda como residencia de verano para os seus fillos e netos.  Na actualidade, a Fundación Utzon é a propietaria da vivenda e xestiona un programa de estancias e visitas que permiten, en determinados días, a súa apertura ao público. A restauración da casa realizada no 2011 buscou recuperar, con éxito ao meu parecer, a idea orixinal de Utzon en todos os espazos da vivenda.

Can Lis, na súa modesta construción, permanece sobre os cantís da illa de Mallorca como un canto a unha arquitectura exacta e poética baixo o intenso sol do Mediterráneo. Unha visita a obra de Utzon que, nestes tempos de mudanzas e excesos, é mais imprescindible que nunca.

Can-Lis-06-©-José-Antonio-Sumay-Rey

José Antonio Sumay Rey. Doutor Arquitecto
Xullo de 2016, A Coruña

Notas:

1 .“Gústame ser absolutamente moderno e traballar no límite do posible”. Declaracións de Jorn Utzon n programao Omnibus da televisión australiana ABC.

2. Norberg Schulz, Christian. «Jorn Utzon and the primordial». En Utzon Mallorca de Dirckimck-Holmfeld, Kim (ed.). Copenhagen: The danish architectural press, 1996

3 . Entrevista El País

BIBLIOGRAFÍA.

Fromonot, Françoise. Utzon Jorn, The Sydney Opera House. Milan: Electa, 2000

Ferrer Forés, Jaime J. Jorn utzon. Obras y proyectos. Barcelona: Gustavo Gili, 2006

Puente, Moisés (ed.). Jorn utzon. Conversaciones y otros escritos. Barcelona: Gustavo Gili, 2010

Keding, Martin (ed.). Utzon’s own houses. Copenhagen: The danish architectural press, 2004

Dirckimck-Holmfeld, Kim (ed.). Utzon Mallorca. Copenhagen: The danish architectural press, 1996

Norberg Schulz, Christian. «Jorn Utzon and the primordial». En Utzon Mallorca de Dirckimck-Holmfeld, Kim (ed.). Copenhagen: The danish architectural press, 1996

José Antonio Sumay Rey

Arquitecto, profesor y padre que lee más que escribe.

follow me

Arquivado en: artigos, José Antonio Sumay Rey

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,