Reforma de vestiarios e piscina municipal en Maceda | trespes.arquitectos

Dende o ano 1971 as piscinas municipais de Maceda foron un equipamento fundamental no ocio estival local. Tras sucesivas reformas que non satisfacían as demandas actuais, o concello decide acometer unha reforma integral, reforma que ten como condicionante de partida que as piscinas non cesen no seu funcionamento durante o verán no que se desenvolvan as obras. Isto xunto coas esixencias e disponibilidades presupostarias levan a formular unha intervención que se executará en dúas fases.

Durante a primeira fase, que se levará a cabo nos meses previos á apertura das piscinas, acondiciónanse os vasos e as instalacións de depuración de auga, a “zona de praia” e execútanse os alicerces do novo edificio que albergará os vestiarios e servizos. Unha vez rematada esta primeira fase as piscinas entrarán en funcionamento xunto co vetusto edificio de vestiarios existente.

A segunda fase, xa coas piscinas en uso, se inicia durante o verán, os traballos de execución dos novos vestiarios; unha vez rematados e coas piscinas pechadas tras o final do verán procederase á demolición do antigo edificio de servizos.

A reforma mantén a situación do vaso de adultos acondicionándoo e adaptándoo ás actuais normativas e despraza o vaso infantil liberando espazo para situar o novo edificio de servizos. Este sitúase entre as piscinas e as pistas de tenis, dando servizo tamén a estas e xerando un corredor que ten continuidade coa pasarela peonil que cruza sobre o río Arnoia e conecta os equipamentos co parque da marxe oposta.

Tres volumes conforman o edificio de servizos que con leves desprazamentos sobre as súas aliñacións organizan os accesos e as circulacións. Os dous volumes situados en paralelo aloxan os vestiarios e servizos relacionados co funcionamento e mantemento das piscinas, xerando entre eles un corredor onde os toldos mariños deslizantes o ensombrecen e o protexen da radiación solar do duro verán ourensano. O terceiro volume, perpendicular aos anteriores, acouta o conxunto e dá cabida á cafetaría e a escaleira que serve de acceso ao local de instalacións subterráneo, herdanza do estado previo.

Os vestiarios empréganse como filtro, dispoñen de acceso para usuarios con roupa de rúa e saída directa ao pediludio de acceso á zona de piscinas, non cruzándose en ningún momento ambas as dúas circulacións.

A súa execución, sinxela e sen extras, unha folla de bloque de termoarcilla de 24 cm, revestida en ambas as dúas caras, configura o cerramento e serve de sustento á cuberta, executada con paneis de chapa de aceiro prelacada, entre os cales se intercalan paneis translúcidos de policarbonato que melloran as condicións lumínicas dos vestiarios. No interior pintura branca sobre revestimento de morteiro de cemento en paredes, escaiola en teito e pavimento continuo de resinas de doada limpeza.

Obra: Reforma de vestiarios e piscina municipal en Maceda

Autor: trespes.arquitectos [Carlos Mosquera, Alberte Pérez, Enrique Iglesias]

Emprazamento: Rúa das Flores s/n. 32.700, Maceda, Ourense, España

Colaboradores: Sheyla Rodríguez García (arquitecto) / Jorge Conde Valverde (arquitecto) / Alejandra García Macías (arquitecto) / Carlos Pérez Paz (arquitecto técnico) / Ana Bailón Vega (arquitecto técnico). Estrutura: E3 Arquitectos: Fran Carballo. Carolo Losada

Fotografías: Ana Amado [Estado final] | No la típica foto [Estado final] | trespes.arquitectos [Estado actual]

Ano: 2010-2012

+ trespesarquitectos.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, equipamiento deportivo, espacio publico, obras, rehabilitación

Tags: , , , , , , , , , , , , ,