Reconstrución de vivenda en Saa | MOL Arquitectura

Reconstrucción de vivienda en Saa MOL Arquitectura 02

A reconstrución dunha vivenda unifamiliar en Saa, en Carballeda de Avia, Ourense, respondeu á necesidade da propiedade de recuperar a edificación despois do gravísimo incendio que arrasou a zona por completo. Abordouse a intervención da maneira máis respectuosa co patrimonio e coa memoria do lugar, pero mediante o uso de sistemas construtivos contemporáneos.

Introdución

Despois de falar co propietario, e dadas a limitacións económicas, optouse por un programa mínimo, situando en planta baixa a zona de día, formada por unha única estancia diáfana de cociña e salón comedor. Do mesmo xeito, incorporouse un baño accesible, dotado de ducha, inodoro e lavabo. Na estancia de rocho mantívose o uso previo, incorporándose a área de lavandería na estancia de menor dimensións situada en planta baixa. Ao superar o propietario os oitenta anos de idade, reservouse unha área para dormitorio no salón comedor por se no futuro tivese mermada a súa capacidade motriz. Así, podería desarollar a súa vida unicamente na planta baixa, ao contar con todos os servizos necesarios, non sendo necesaria ningunha intervención específica de mellora da accesibilidade. Na planta primeira, desde un recibidor común no patín actual, articúlase a zona de noite, formada pola antiga “lareira”, destinada a dormitorio secundario para as visitas dos familiares do propietario. No volume principal da vivenda, incorpórase un vestíbulo que comunica a través dunha escaleira en L ambas as plantas, e onde se incorpora a área de almacenaxe xeral. Desde este espazo, accédese ao dormitorio principal co seu pequeno aseo, e con saída ao corredor recuperado, con orientación Este

Debido ao enorme valor sentimental, xa que foi o dormitorio onde coidou á súa nai nos últimos anos da súa vida, considerouse a estancia idónea para o descanso de D. José. Ademais das dúas balconeras de saída ao corredor, conta cunha porta que conecta visualmente o dormitorio coa dobre altura da zona de día. Esta permite saír a un corredor interior pousado sobre a envolvente pétrea de planta baixa. Esta dualidade corredor exterior-corredor interior en paralelo, permite as perspectivas e visións cruzadas, ademais de posibilitar a limpeza e mantemento das xanelas coincidentes coa dobre altura.

Descrición do proceso construtivo

Unha vez realizada a lectura dos paramentos pétreos da edificación, definíronse claramente a edificación orixinal de 1910, as partes engadidas no ano 1953, e as reformas efectuadas no ano 2000. As premisas básicas para esta reconstrución baseáronse nos seguintes criterios:

1- Económico: Mediante a redución de prazos de execución, optando pola fabricación con sistemas construtivos estandarizados de bastidores en madeira.
2- Sustentabilidade: Solucións construtivas, instalacións e materiais coa maior cualificación enerxética, e pegada de carbono cero.
3- Recuperación da arquitectura vernácula. 4- Sentimental, como relatamos ao comezo.

A parte postiza incorporada na planta primeira da fachada principal, foi substituida para recuperar a zona do antigo corredor. No patín de acceso, minimizouse a presenza da cuberta de formigón e os elementos de aluminio e vidro do faldón. Demoléronse os elementos de carpintería alleos á arquitectura tradicional, e sobre a cuberta de laxa de formigón incorporouse unha cuberta de zinc de pendente mínima.

Para mellorar a habitabilidade e conectar ambos os dormitorios, executáronse elementos de carpintería de madeira de castiñeiro acristalados. Demoleuse a construción adxectiva situada no patio, para que a figueira volva ser a protagonista do devandito espazo.

Madeira como material principal

Estrutura_ Armazón de madeira laminada e perfil 200.120.8 como viga que resolve o encontro entre o forxado e a zona a dobre altura coa escaleira.
Entrevigado_ Establecido de madeira maciza de piñeiro, con acabado lasur branco.

Cuberta_ Sistema de cerchas e viguetas de madeira, e un entrevigado formado por un establecido de madeira de piñeiro branqueado con lasur, lámina barreira de vapor, illamento de la de roca, taboleiro SuperPan Tech P5 e lámina transpirable.

Fachada principal_ Establecido de madeira de piñeiro termotratado Finsa, ancorado sobre rastrel de piñeiro cuperizado de 40x40mm., lámina transpirable, taboleiro composto de fibra e labras de madeira superPan Tech P5 de Finsa, illamento, lámina barreira de vapor selada con cinta en todas as súas xuntas, con acabado interior formado por un establecido de madeira de piñeiro con acabado en lasur branco.

Pavimento terraza exterior_ madeira termotratada de piñeiro Finsa mantendo as xuntas abertas e cun sistema de ancoraxe oculta.

Conclusións

A actuación recuperou o carácter tradicional da edificación, demolendo os elementos alleos á arquitectura popular da súa contorna. Optouse por materiais tradicionais pero con sistemas construtivos contemporáneos. Do mesmo xeito, acordado co propietario, a madeira tivo un protagonismo absoluto na reconstrución da vivenda. A pesar de ser destruída por un incendio, a modo de manifesto, efectuouse a reconstrución totalmente en madeira, o que nos leva a unha pegada ecolóxica cero, apoiados ademais polo uso de instalacións sustentables, mediante iluminación de baixo consumo e regulable, con produción de calefacción e auga quente sanitaria mediante caldeira de biomasa.

Obra: Reconstrución de vivenda en Saa_Carballeda de Avia
Arquitectos: MOL Arquitectura (Muiños+Otero+López Arquitectura)
Emprazamento: Lugar de Saa Nº32_Carballeda de Avia_Ourense
Construtora: Conecgal
Ano: 30/08/2018
Propietario: José Serrano Rodríguez
Colaboradores: Concello de Carballeda de Avia, IGVS, Conecgal, ITEI, Ikea, Lledó Iluminación, Finsa, COAATIE Ourense, Cruz Roja
Superficie: 154.10m2
Presuposto Execución Material : 100.064,94 €
Custe: 649.35 €/m2
Fotógrafo: Héctor Santos-Díez | fotógrafo de arquitectura
+ molarquitectura.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, obras, rehabilitación

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,