“Habitar unha memoria fráxil, só vivible dende o interior” | Antonio Giráldez López

Carlos Cerulla, Sen título, 2010

“Habitar unha memoria fráxil, só vivible dende o interior”1

A vivenda define o espazo privado mentres ao espazo dos demais; é un recinto de privacidade, un espazo de acontecementos persoais. Os seus límites, que definen ese mundo onde vai acumulándose a nosa experiencia, son fronteiras complexas, tensas e ricas e situacións e poden ser dende membranas ata espazos habitables en si mismos.2

A construción da propia vivenda, do refuxio para si mesmo, foi un tema moi fértil (tamén moi polémico) ao longo da historia da Arquitectura. Enténdese esta acción como unha ocasión de experimentar e materializar as obsesións máis íntimas e persoais de cada un; convertendo o seu refuxio3, o seu fogar, nun laboratorio de probas e conceptos extrapolables a outros proxectos –“Polo xeral trátase de extrapolar a experiencia dun proxecto realizado a certa escala e imaxinar o que podería acontecer ao aplicar a súa estratexia a unha escala maior. É dicir, o uso de prototipos”4-. También supón unha plasmación dun sentido propio de habitar, intentando articular mediante elementos arquitectónicos o seu modo de relacionarse co mundo e cos seus que a través da lectura destas trazas físicas, inertes, poderemos comprender e enxergar. Talvez Smiljan Radic fose especialmente prolífico neste campo, construíndo unha e outra vez o mesmo refuxio, en diferentes tempos e lugares; por iso, a través da Casa Cuarto, poderemos ir detectando todas estas ideas que conforman o imaxinario e produción arquitectónica do arquitecto chileno.

1.

“Cando un habitante da illa de Chiloé quería mover a súa casa, a botaba con bois ao mar e a facía flotar tirada por botes ata a outra beira da illa”.

No arquipélago de Chiloé, en Chile, perviven aínda unha serie de lóxicas de sentido comunitario, de festexos e momentos de reunión en torno a tarefas que, pola súa magnitude, requiren a todas as persoas dunha poboación. A minga, a máis coñecida destes labores comunitarios (hoxe xa case un reclamo turístico), consiste no transporte de casas dunha illa a outra por medio de embarcacións. As construcións de madeira, baleiradas e arriostradas, son dispostas enriba de flotadores e remolcada dun punto a outro do lago, desprazando as vivendas entre as diferentes illas. Unha vez alí, mediante yuntas de bois, son transportadas sobre madeiros de árbores ata a súa nova situación. Unha acción que non deixa trazas físicas no territorio no que se realiza, pero que carga non só a memoria do edificio trasladado senón tamén das persoas implicadas no seu desprazamento, sexan propietarios dela ou non.

Non é casual que Smiljan Radic empregue os barcos e os bois para facer chegar ata o claro do bosque onde se sitúa a casa os materiais que conformarán o refuxio, madeira e vidro principalmente. Nin é casual a elección dunha estrutura de madeira con ensambladuras “a media cana” sen utilización de pezas metálicas como as vivendas de pescadores desa costa chilena; estrutura que á parte, pola excepcional condición sísmica de Chile, permite pola súa propia materialidade e disposición, dar a resposta máis eficiente ante un terremoto. Tampouco podemos obviar outro aspecto, finalmente non materializado por imposibilidade de transporte ata o lugar a cimentación sobre grandes bolones de rocha, querendo fundar o seu fogar do mesmo modo que as igrexas dese territorio (trazo recorrente ao longo da súa obra, que veremos no Restaurante Mestizo ou no pavillón da Serpentine Gallery ). Resulta máis literal outro aspecto da vivenda, da modificación do ano 2007, consistente nunha cerramento téxtil que a xeito de tenda de campaña coroa a vivenda xerando un segundo piso; pois deixa de ser unha relación sutil, estructural5, da arquitectura popular de Chiloé, para pasar a poder ser lida como unha resposta formal, talvez demasiado inmediata, das cubertas metálicas desta.

A Casa Cuarto leva incorporada na súa memoria, na dos materiais que a compoñen e a súa disposición, o territorio de Chiloé e os seus particulares condicións, mesmo a humidade adquirida pola madeira durante o seu transporte. Isto consegue arraigar, da mesma forma que a minga facía, unha arquitectura a unha paisaxe e ás persoas involucradas no proceso. E viceversa, levar o territorio (tanto o físico coma o intelectual) incorporado no ADN de cada un dos aspectos, materiais e solucións técnicas que definiron a resposta arquitectónica. Polo tanto, unha vez entendidas todas estas lóxicas que subxacer neste refuxio, comprendemos moito mellor a seguinte frase:

“Aparentemente, esas casas non ten que ver cun lugar específico, cunha vista ou unha paisaxe, senón co recoñecemento de todo un territorio no que unha casa se pode mover, ou se se quere pode flotar con facilidade. A arquitectura non necesita moitas veces dun sitio, necesita dun territorio”.

Gonzalo Puga, sen título.
2.

“O tempo que pasa (a miña Historia) deposita residuos que van amoreándose: fotos, debuxos, carcasas de bolígrafos-rotuladores xa secos, dende hai tempo, carpetas, vasos perdidos e vasos non devoltos, envolturas de puros, caixas, gomas, postais, libros, po e lambetadas: o que eu chamo a miña fortuna”. 6

Talvez o aspecto máis interesante deste refuxio sexa a súa relación coa paisaxe, afastada e próxima, propia e allea. Así, o sistema construtivo do que falabamos antes, unhas cruxías separadas 56,5 centímetros, permiten conformar unha visión isótropa do interior, a dun pano de estantes continuo en todo o perímetro (a excepción da porta) que serve de intermediario, de protección e límite ante o exterior –“O cuarto, como todo refuxio intenta preservar un afastamento. O veo de vidro das súas fachadas posúe a aura de transparencia que xustamente na nosa civilización nos fai desaparecer. Non obstante esa isotropía está destinada a ser modificada, a ser intervida unha e outra vez polos propios obxectos que fan vivible a casa. As pertenzas da familia Radic irán colonizando, tupiendo e acumulándose neses ocos; substituíndo a natureza exterior por unha nova paisaxe formada polos seus tesouros, os seus desfeitos, pola súa Historia, buscando que sexa esta a que se converta na verdadeira paisaxe (memoria):

“Esta estrutura trata de solucionar cun sistema construtivo todo un cuarto e todo o que ela pode soster. Non só as cargas da propia construción, senón os vestixios e os recordos que nela se poden acumular. Deste xeito, preténdese que co tempo as caras desta caixa se enchan de restos os cales “compoñerán” finalmente as súas fachadas.

Dalgunha forma, ese territorio de dobre natureza ao que se refería Radic está evidenciado no espesor do sistema construtivo da Casa Cuarto; onde nun mesmo plano visual, que poderiamos entender case como a representación dunha paisaxe, son capaces de establecerse catro niveis de relación: co ámbito inmediato (visión do exterior), con Chiloé (a materialidade e memoria da vivenda), co seu pasado (as pertenzas que foron atesourando) e o seu presente.

Será precisamente esta superposición de niveis, a multitude de “datos blandos”7 de ideas potenciais, depositados en apenas cincuenta ou sesenta centímetros de espesor de cerramento o que faga posible establecer a Casa Cuarto como un proxecto xerminal e paradigmático dentro da traxectoria do arquitecto chileno.

Un auténtico laboratorio de probas, un rexistro fidedigno das súas obsesións persoais que poderemos ver reflectidas, impregnando o resto dos seus proxectos.

Antonio Giráldez López
Arquitecto e lacazán
Madrid · enero 2015

Notas:
1 Extracto da producción audiovisual “Un ruído laranxa” de Smiljan Radic.
2 Gallego, M. Anotacións o Marxe.
3 Termo empregado polo propio Radic para denominar unha serie de proxectos de vivendas realizadas para si mesmo e Marcela Correa (recollido na entrevista realizada por El Croquis).
4 As citas de Smiljan Radic foron extraidas  de El Croquis a non ser que, explicitamente, se indique o contrario.
5 Término que no hace referencia al aspecto tectónico, sino que debe entenderse en el sentido filológico del término.
6 Georges Perec. Especies de espacios. Libro ao que fai referencia na memoria do proxecto recollida en Arquitecturas de Autor 27.
7 En varias ocasións Smiljan Radic emprega este termo para referirse a aquelas ideas, que de forma inconsciente condicionan e formalizan o proxecto arquitectónico. Concretamente aparece na conferencia Biarch. Un ruído laranxa.

Bibliografía:
El Croquis nº 167. (2013) Madrid: El Croquis Ed.
VV.AA.(2003) Arquitecturas de Autor. Nº27. Smiljan Radic. Pamplona: T6 Ediciones.
Radic, S. Un ruído laranxa (producción audiovisual).
Perec, G. (1974) Especies de espacios.
Gallego, M. (2007) Anotacións o marxe. Barcelona: Gustavo Gili.

Arquivado en: Antonio Giráldez López, faro

Tags: , , , , , , , , , , , , ,