Seixo 3.0 | quepasamodernoArquitectos

4.9 (97.78%) 9 votes

Seixo 3.0 quepasamodernoArquitectos o4 exto4

O monte Angra é o conxunto xeolóxico que crea na súa vertente sur una das caras da fraga de Barrañán. Bañado polos ventos predominantes chegados do Atlántico ten como resultado un conxunto de formacións rochosas ricas en cuarzo que conviven cunha vexetación densa e baixa. Entre a saia do monte Angra e a fraga de Barrañán sitúase a nosa parcela…. no límite entre a montaña arisca e a doce fraga.

Seixos 3.0 xorde como o nacemento dunha nova formación rochosa de arestas afiadas que aínda non foron erosionadas polo vento, un sistema indeterminado no conxunto da ladeira do monte Angra, a xeración dun novo tecido e unha nova pel propia do lugar, en ocasións permeable, noutras inexpugnable. Un híbrido entre a terra e o ceo…

“Do mesmo xeito que unha formación rochosa, a nosa proposta xorde da terra, deslizándose pola ladeira entre a vexetación, de maneira irregular permitíndonos en ocasións divisar o val en todo o seu esplendor. Noutras ocasións a visión parcial e nesgada ofrécenos novas perspectivas que xorden entre as rocas… e de maneira puntual, a cuberta máis alta elévase buscando o ceo co afán de esconder as construcións realizadas polo home que aparecen en primeiro plano, tentando restablecer aquilo que a natureza decidira.”

Unha escaleira vertebra toda a proposta mesmo antes de acceder á vivenda. a escalinata exterior de laxas de formigón dá paso á madeira de piñeiro do seu interior serpenteando entre os fríos muros de formigón e as cálidas caixas de madeira, que iluminan os dormitorios coa luz do atardecer das gretas xurdidas nas súas fachadas.

Un pequeno patio interior descuberto álzase no interior da roca vertebrando as zonas de día, e relacionando os espazos de estar-comedor-cociña cos espazos de xogo infantil, que se sitúan no máis profundo dos seixos e que conteñen outra caixa de madeira onde instalacións e cuartos de lavandería son iluminados polo patio interior, chegando a luz ata as mesmas entrañas da roca.

Finalmente, un terceiro seixo separado da vivenda; moito máis sintético; un espazo diáfano para usos múltiples que alberga distintos espazos de almacenaxe e sobre o cal aparece unha zona de uso exterior composta dunha piscina de tipo desbordante e unha solaina que pola súa situación e orientación permite que se poidan aproveitar os espazos exteriores de maneira que non se arroxen sombras sobre as zonas de uso quedando esta última integrada no conxunto da proposta arquitectónica.

Seixo 3.0 profunda na idea do “primitivo”, na procura do primigenio, da roca na ladeira da montaña, do seixo afiado…, dando como resultado un volume sintético, de fríos muros de formigón e viroc que resistirán o paso do tempo. en contraposición, cando nos penetramos nas entrañas da roca, xorde a cabana, moito máis lixeira, que regresa ao claro no bosque. unha arquitectura intermedia entre o natural e o artificial…

As cálidas caixas de madeira de piñeiro balsai xorden en conversación cos muros de formigón que percorren a vivenda a escalinata exterior dá paso á tarima de piñeiro lofoten, cuxos tons claros permiten que pase case inadvertida e que o reflexo da luz na súa superficie sexa a verdadeira protagonista da vivenda, case como un reloxo solar en cuxas tonalidades e sombras reprodúcense as distintas horas do día.

Obra: Seixo 3.0
Emprazamento: Lugar de Pata. Barrañán. Arteixo. Galicia. España
Autores: quepasamodernoArquitectos (Óscar Pato Malvárez)
Colaboradores: Roberto González Vázquez, arquitecto técnico
Estructura: Javier Caamaño Pérez
Construtor: construcións Flovema / ACR Amoblamentos
Promotor: Privado
Ano: 2015
Fotografias: Héctor Santos-Díez | BISimages
+ quepasamoderno.com

veredes
veredes Administrator
Surge enero de 2009 como búsqueda de satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio. Además de ofrecer la inmediatez de las noticias, se puede buscar información a través de distintas clasificaciones.
follow me

Arquivado en: arquitectura, obras, vivienda unifamiliar

Tags: , , , , , , , ,