A concertación de Libera e Malaparte | Marcelo Gardinetti

“O que ordena aquí a casa é a autosuficiencia que permite ao ceo e a terra, aos deuses e aos mortais formar unha única unidade coas cosas”.1

Durante a década de 1930, en pleno proceso de consolidación do movemento moderno, a transformación da calidade plástica do obxecto dunha parte da produción arquitectónica Europea, foi resultado do interese dalgúns arquitectos pola arquitectura vernácula.

A noción de sitio e a integración da obra co seu ámbito, que ata ese entón resultaba indiferente, empezan a formar parte dos obxectivos de moitos arquitectos da primeira e segunda xeración, preconizando unha sensibilidade privativa polo lugar. Esta inquietude integradora que tamén domina a vontade de Adalberto Libera, fai eclosión durante o deseño da casa para o escritor Curzio Malaparte.

Combatente na primeira guerra mundial, Malaparte foi encarcerado polo réxime de Mussolini na illa de Lipari, e ao ser liberado busca un espazo de sosego onde residir logo do longo exilio transcorrido. Para iso dispón dun terreo situado no promontorio dei Capo Massullo, xeografía portadora dunha beleza deliciosa, que lle ofrece a Libera unha circunstancia excepcional para indagar a relación entre a arquitectura e o seu ámbito.

O acto transcendental de Libera e Malaparte consiste en establecer un acordo de reciprocidade coa natureza, que reinterpreta a condición do sitio para promover unha nova relación entre o home e o ámbito natural. Os atributos arquitectónicos para esta concertación proveñen dunha mirada á antigüidade clásica, onde se evoca o rito da tradición do mundo grego, mediando un plano que urbaniza a área, oculta as funcións da vida doméstica, e subxuga o enclave como un fondo escénico, ordenando un exercicio que concreta unha nova valoración.

En tal sentido, a casa resulta unha prolongación artificial da rocha, e como tal, elévase monolítica, revestida nun estuco vermello sen ningún tipo de xuntas. Para Francesco Venezia, estes acontecementos subliman o valor da casa:

“nesta total indiferenza do espazo superior cara á residencia subxacente reside a clave para comprender a casa. Ácida e roma por fóra, renuncia a funcións e signos efémeros. Franquea, enlaza, domina. Prolongación artificial do enclave, forma expresiva dun acto de asentamento primario. Pedra de toque, como o “midi le juste” que separa dous momentos e mide as alternancias cíclicas. Lugar testemuñal e por iso lugar do recordo.” 2

Para alcanzar a vivenda débese transitar un sendeiro que suca os riscos montañosos. O primeiro contacto coa casa é a singular escaleira que evoca a próxima Chiesa dell’Annunziata e a calidade graduada da escalinata do Capitolio Romano deseñada por Miguel Ángel. A súa forma trapezoidal co lado menor na base esaxera a dimensión real da escaleira e fai do ascenso o momento do acontecemento. O visitante é incorporado de xeito dinámico, fundando unha incerteza que se devela ao finalizar o escalamento, onde un muro curvo o obriga a desprazarse para percibir a paisaxe.

Nese suceso, o espectador encontra o control absoluto do horizonte. A superficie creada permite unha relación dominante coa paisaxe e anima a concordancia ideal co mundo natural, unha representación máis próxima ao hierático que ao doméstico.

O exterior non revela en absoluto o que acontece dentro da casa. A diferenza da escaleira que conduce á terraza, o acceso é modesto e non xerarquizado. Unha pequena porta permite acceder á sala de estar, resolta de xeito independente do resto do programa. A sala non revela ningún suceso singular, só propón un lugar de descanso, coa natureza enmarcada en ventanais estratexicamente dispostos. O resto das áreas do programa están incrustadas na rocha, cuartos perforados por pequenos vans de iluminación para que no exterior prevaleza o estuco terracota que reviste o muro de pedra.

A relación entre Libera e Malaparte tivo un final abrupto e o propietario realizou a maior parte da obra coa axuda de construtores locais. Non obstante, a achega de Adalberto Libera e a vontade de Curzio Malaparte mancomunáronse para compoñer o carácter xestual atípico da vivenda.

A casa non impón condición ningunha sobre o sitio; emerxe da pedra, fusiónase e desprégase sobre a rocha sen danar a imaxe da natureza. Propón unha vontade compartida que permite mancomunar ambas as dúas paisaxes nun novo escenario enriquecido.

A idea acomete a rocha para introducir nela a súa arquitectura, e na mesma operación, constrúe un territorio onde contemplar a agraciada beleza dun ámbito infinito.

Marcelo Gardinetti. Arquitecto
La Plata, Argentina. Maio 2015

Notas:

1 HEIDEGGER, citado por L. McDowell en Genero, Identidad y Lugar, Ediciones Cátedra, Madrid, 2000, pp. 111 y 112.

2 Francesco Venezia, Casa Malaparte, pag. 17

Descoñécese o autor das fotografías, que se encontran en libre circulación na rede.

Marcelo Gardinetti

No voy a hablar de la penumbra, mejor voy a ver si puedo despertar.

follow me

Arquivado en: faro, Marcelo Gardinetti

Tags: , , , , , , , , , ,