Invisible | Antonio S. Río Vázquez

Alfred Seiland, No Canopo da Villa Adriana, Tivoli (2009)

«En tres tempos divídese a vida: en presente, pasado e futuro. Destes, o presente é breve, o futuro dubidoso, o pasado certo; pero este, que ningún imperio pode volver atrás e no que perdeu xa o seu dereito a fortuna, é o que non gozan os ocupados, por faltarlles tempo para poñer os ollos no pasado».

Séneca: Da brevidade da vida

Así como o filósofo divide á vida en tres grandes momentos, se consideramos ao patrimonio como algo vivo, podemos aplicarlle esa tripla definición, ampliando e enriquecendo un concepto xa complexo dende a súa orixe.

Inicialmente vinculado á herdanza recibida, patri-monium -literalmente dos nosos pais-, deseguida adquire a súa condición vital ao transformarse en bens que se deben administrar dende o presente para garantir a súa pervivencia. Se, ademais, se trata de bens colectivos, a súa xestión e preservación vólvese máis difícil, desencadeando novos retos e problemas e mesturándose os dereitos e os deberes compartidos.

Ese patrimonio común posúe, en cada un dos tres momentos indicados por Séneca, unha problemática diferenciada e complementaria: O pasado supón o problema da conservación, de saber recibir e valorar axeitadamente aquilo que nos legaron as xeracións precedentes, seleccionándoo e estudándoo en detalle. O presente implica o problema do mantemento, do uso e desfrute, da acción inmediata e tamén da inanición. O futuro trae consigo o problema de decidir o noso propio legado e, no patrimonio construído, tamén aquilo que, como arquitectos, nos toca máis próximo: o problema do proxecto, de prefigurar no posible a súa existencia vindeira. Na súa Alegoría do Patrimonio, Françoise Choay advertía que este concepto non se debería entender como unha riqueza fósil, se non como unha herdanza activa fronte á mercantilización e á «museificación» -á ancoraxe no pasado-, tan estendidas no noso ámbito.

Marco Polo, no seu percorrido por As Cidades Invisibles sabiamente imaxinado por Calvino no libro homónimo, fai un alto en Maurilia, á que recorda do seguinte xeito:

«Para non decepcionar os habitantes fai falta que o viaxeiro eloxie a cidade das postais e a prefira á presente, aínda que coidándose de conter dentro de límites precisos o seu pesadume ante os cambios: recoñecendo que a magnificencia e prosperidade de Maurilia convertida en metrópole, comparada coa vella Maurilia provinciana, non compensan certa graza perdida, que non obstante se pode gozar agora só nas vellas postais, mentres que antes, coa Maurilia provinciana diante dos ollos, de gracioso non se vía realmente nada, e moito menos veríase hoxe se Maurilia tivese permanecido igual, e que de todos os xeitos a metrópole ten este atractivo máis: que a través do que chegou a ser pódese evocar con nostalxia o que foi».

O que foi. O patrimonio serviu para construír a historia, para construír o pasado. Na actualidade, como afirma Horacio Capel,

«ademais desa función de construír unha visión do pasado, o patrimonio serve tamén para construír o futuro».

A enorme extensión que alcanza hoxe esta herdanza, cun legado ubicuo e polisémico, onde están presentes a cultura material pero tamén a inmaterial -saberes, tradicións, celebraciones….-, pon de manifesto as dificultades da tarefa colectiva á que nos enfrontamos. Como no relato de Calvino, «ccidades diferentes sucédense sobre o mesmo chan e baixo o mesmo nome, que nacen e morren sen coñecerse, incomunicables entre si», e o noso patrimonio é algo cada vez máis vivo, poliédrico e invisible.

Antonio S. Río Vázquez . Doutor arquitecto
A Coruña. maio 2015

Antonio S. Río Vázquez

Antonio S. Río Vázquez (A Coruña, 1981) es arquitecto por la E.T.S.A. de A Coruña, master en Urbanismo y doctor por la Universidade da Coruña. Especializado en teoría y diseño, su línea de trabajo se ha centrado en la investigación y divulgación del patrimonio arquitectónico moderno. Ha desarrollado proyectos de modo independiente y ha colaborado con varios estudios de arquitectura. Es socio fundador de Aroe Arquitectura. Es profesor en el Departamento de Proyectos Arquitectónicos, Urbanismo y Composición de la Universidade da Coruña, y ha sido profesor invitado en la Robert Gordon University de Aberdeen (Reino Unido), en la Universidade do Minho (Portugal) y en la Università degli Studi di Roma La Sapienza (Italia). Es miembro de la red UEDXX Urbanism of European Dictatorships during the XXth Century, del Grupo de Investigación en Historia de la Arquitectura IALA y del Grupo de Innovación Educativa en Historia de la Arquitectura. Ha formado parte del proyecto de investigación FAME Fotografía y Arquitectura Moderna en España, 1925-1965. Los resultados de sus investigaciones, tanto personales como conjuntas, han servido como aportación a eventos de debate y difusión científica y han sido publicados en libros y revistas.

follow me

Arquivado en: Antonio S. Río Vázquez, faro

Tags: , , , , , , , , , ,