Søllerød | José Valladares

Arne Jacobsen. Cortesía de Tobías Jacobsen

Søllerød

Para Malu e Tobias, en bicicleta

Logo de pedalear apenas un par de minutos dende o apeadeiro do tren aparécenos a fachada gris verdosa como recortada sobre o escuro fondo invernal de abetos e abedules. Deixamos as bicicletas no pequeno aparcamento lateral e entramos no concello. Ninguén nos pregunta a quen ou que imos ver, e vindo dunha terra tan desconfiada como a nosa, iso non deixa de sorprender. E aínda que cen veces visto en fotografías non deixa de sorprender tamén a extraordinaria calidez do pequeno vestíbulo no que acabamos de entrar. A súa claridade parece que busca desmentir o ceo gris exterior e imprimir ao interior a alegría da luz do sur- a mesma luz da que na foto parece protexerse Arne Jacobsen con ese estraño chapeu -. É fácil que enseguida a man se lance a tocalo todo: a curva perfecta do banco xunto á fiestra, a limpa tersura da parede pintada, o vidro opal das lámpadas de parede, a madeira da baranda que se enrosca para protexer a entrada do ascensor acristalado ou a delicada peza de mármore que se curva lixeiramente no chan para facer de zócalo. Son materiais reunidos con tanto esmero, que mentres un se pasea entre eles vénselle á cabeza o que pensaría o aínda novo Jacobsen mentres talvez tamén en bicicleta ía da obra ós obradoiros de metalistas e carpinteros para seguir a confección dos seus deseños, e daqueles de novo á obra, tendo na cabeza á vez as partes e o todo, pendente de que sexa este o que se salga coa súa, evitando sempre o amaneramento, pensando aínda en que faría no seu lugar o seu mestre Asplund. Sempre ensimesmado nas súas cousas mentres a barbarie e o asasinato en masa campaba ás súas anchas por Europa e ameazaba ó seu propio país e a el mesmo.

Esa sensación de totalidade, de integridade das partes no todo, e a idea de civilización e de transparencia que transmite ese todo non deixa de acompañarnos cando continuamos coa visita ó edificio, primeiro baixando ás salas onde se atopan as oficinas municipais, onde Tobias se citou cos mozos responsables dunha empresa de mobiliario que busca reeditar varios dos mobles que o seu avó deseñou para o concello. Para a ocasión trouxeron un prototipo case terminado e compárano cun dos orixinais que se atopa aínda en uso no propio edificio. Sorprende unha vez máis o coidado con que buscan reproducir a curva do respaldo tapizado ou o delicado debuxo da pequena pata de madeira da butaca, fano sen présa, coa concentración propia do investigador, o que fala do respecto e a admiración coa que buscan reeditar a peza, e do celo co que o neto vela pola obra do avó.

Unha persoa da oficina técnica ensínanos amablemente os planos orixinais do edificio e acompáñanos no resto da visita. Camiñamos vendo as salas de reunións, os corredoiros e a sala de plenos, comentando as circunstancias da construción ou o traballo que han de realizar na actualidade para manter o edificio en uso, camiñamos por chans acolchados e silenciosos, coa compañía do aroma da madeira de cedro, e dunha luz cada vez máis tenue e confortable, salpicada aquí e acolá coa viveza dos brillos nas guarniciones de latón. Ao non entender o idioma estraño que nos achegan as portas abertas das distintas estancias dedicámonos a ver, a tocar e a cheirar. Un cheiro moi diferente, seguro, pero tamén o mesmo que atopou Bolaño cando ao fin atopou a paz en Blanes, aquel que el recoñeceu como o cheiro da democracia, a historia e a civilización.

José Valladares, arquitecto

Compostela, febreiro de 2013

José Valladares Durán

Arquitecto por la ETSA Barcelona, 1996 y socio fundador del estudio rvr arquitectos ubicado en Santiago de Compostela.

follow me

Arquivado en: artigos, José Valladares Durán

Tags: , , , , , , , , , , , ,