Pousada Xardín de Armenteira | Mauro Lomba Martínez

Un hotel cun desenvolvemento espacial que atende aos modos de habitar dos usuarios, procurando unha arquitectura atractiva, humanizada e accesible, que se confunde co bosque mentres a néboa o envolve todo. Cando despexa descóbrese o mosteiro e entendes a tranquilidade do lugar.

A Pousada de Armenteira proxectouse e construíu dentro do conxunto de actuacións denominada “Pousadas Jardín: Creación dun produto turístico” da Deputación de Pontevedra.

A Pousada sitúase en Armenteira, un núcleo rural do interior da bisbarra do Salnés, nas Rías Baixas, nunha área protexida pola súa proximidade ao Mosteiro de Armenteira. Un ámbito rural configurado por cultivos familiares na base dun precioso bosque, onde as néboas paran a descansar. Unha parcela con grande pendente e vistas á ría de Arousa.

Debido a este forte vínculo co lugar, constrúese co maior respecto cara á tradición, tanto nos materiais coma nas formas, trasladando o clima de recollemento do mosteiro ao proxecto da Pousada pero sen perder a paisaxe como pano de fondo.

Materialízase deste modo un hotel cun desenvolvemento espacial que atende aos modos de habitar dos usuarios, procurando unha arquitectura atractiva, humanizada e accesible, que se confunde co bosque mentres a néboa o envolve todo. Cando despexa descóbrese o mosteiro e entendes a tranquilidade do lugar.

O acceso prodúcese a través dun claustro de pedra, ao que se envorcan os espazos de uso común do proxecto, restaurante e cafetaría, cuxa fachada, de vidro e listóns verticais de madeira escura, se fonde co bosque e permite a ventilación cruzada.

Os cuartos agrúpanse en módulos que se enterran de forma graduada, formando bancais, coma se dunha adega se tratase. Estes bancais québranse, posibilitando a aparición de espazos comúns de reunión entorno ao lume, chemineas suspendidas de bufardas piramidais.

A fachada dos cuartos realízase con pedra local texturizada, que xunto cos ocos abucinados e os lucernarios das chemineas, rememoran o carácter do Mosteiro e xunto cos peches de varas de aceiro establecen un diálogo coa natureza mentres as cubertas, vexetais, se converten en minifundio de cultivo.

Obra: Pousada Xardín de Armenteira

Emprazamento: Santa María de Armenteira, Concello de Meis, Pontevedra, Galicia, España

Autor: Mauro Lomba Martínez

Colaboradores: María Pierres López, María del Carmen Moldes García, Ana Monteagudo García

Aparellador: Vicente Fraga Fernández

Promotor: Diputación de Pontevedra

Contratista: Construcciones Abal, S.A.

Presuposto: 3.321.348 €

Data de proxecto: 14/12/2010

Data de terminación: 28/12/2012

Fotografías: Adrián Capelo Cruz

+ maurolomba.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, equipamiento dotacional, equipamiento terciario, espacio publico, obras

Tags: , , , , , , , , , , ,