Persianas cerradas: Ferrol 2014 | Ana Amado

Preto do 40% dos baixos comerciais do centro de Ferrol están baleiros. E acontece noutras cidades, outros centros históricos do país. Entre o desastre mundial e a crise da industria astillera, algúns lugares parecen auténticos pobos fantasma. Velaquí un exemplo.

É bastante máis que un terzo dos baixos comerciais. Case un 40%! Algo máis dunha quinta parte destes foron, noutra vida, negocios dedicados á hostalaría. Persoas que entran, que saen, que piden o seu café ou a súa tapa. Agora, os rostros que pasean polo trazado cuadriculado da cidade ben parécense aos anónimos paseantes dublineses de Joyce, ou de Simmel. Este último, sociólogo alemán, entendía a cidade -e, en concreto, o centro urbano- como lugar de creación e intercambio social, económico e cultural. A cidade como mercado, como proceso de compra e venda. Pero cando o mercado está baleiro, afloran outras preguntas. Sampedro definíao moi ben. Se entendemos a sociedade como democracia, e a democracia como un mercado libre, o día que non teñamos diñeiro, todo se irá ao traste.

Da progresiva deterioración do centro histórico e o masivo éxodo cara ás cidades dormitorio como instantánea resultado das dúas últimas décadas -tendo como punto álxido, os anos previos á actual crise mundial-, deriva, como tónica nacional, o abandono da zona urbana histórica. A arquitectura tradicional mantida doutras épocas e outras vidas dinos pouco no día a día en calquera cidade española. O constante abandono tanto de cidadáns, que buscan manterse nas súas xa avultadas hipotecas da periferia, coma do institucional, que fai máis caro e inviable restaurar e rehabilitar o que noutro tempo foi un teito sobre o que abeirarse, produce un tecido empresarial do pequeno comerciante inestable.

Caras lánguidas, silencio espectral, baleiro espacial, ceo gris e outra terminoloxía frecuente na literatura poden servir para describir o que os precursores da socioloxía urbana querían superar. Eses recursos manidos e trillados explican grosso modo o agora, a consecuencia, pero non a causa. Unha cidade moi dependente de dous grandes estaleiros europeos -e, no seu día, internacionais-, unha industria pesada en constante transformación e caída que non permite marxes de erro: dos dez mil postos de traballo -sen contar os indirectos- que mantiñan os estaleiros hai tres décadas, aos constantes despedimentos masivos que rematan en apenas en máis de dous mil. E cos problemas dos novas cargas de traballo con Pemex e a súa filial viguesa máis alcanzable, as cifras irán baixando. Das cifras poboacionais, outro dato: Ferrol perdeu máis de 7.000 habitantes na última década, achegándose á barreira dos 70.000 habitantes, cun paro un punto máis alto que a poboación activa (situada no 32%). Lonxe quedaron as cen mil vidas que poboaban este enclave galego na década dos oitenta.

Os máis de trescentos locais comerciais baleiros -segundo unha estatística de elaboración propia*- deixan un panorama desolador que calou na poboación local. A proxección inmediata nas esferas públicas non se fixo esperar. O concello ferrolano propón un plan para dinamizar o comercio no barrio a unha consultoría externa (Auren Consultores SA) por unha suma que ascende a máis de 46.000 euros. Con iso, pretende buscar novos empresarios, e por cada novo investidor, o incentivo variará entre os dous mil e os catro mil euros. Non obstante, as contías dos alugueres non baixaron o que se espera, e a previsión dos resultados está por publicarse neste mes de xaneiro. Pola contra, no mesmo concello ferrolano se abre Parque Ferrol, un centro comercial da promotora Santiago Sur que inviste 50 millóns para edificar 23.000 metros cadrados. As empresas Carrefour, MediaMarkt ou Bricodepot inauguran en novembro do pasado 2013 e teñen clientes que superan os cen mil en poucos días. En tal panorama súmanse as cifras do concello lindante, Narón, que creceu na última década en máis de oito mil habitantes, e a vida comercial despunta, tendo a súa máxima expresión no centro comercial Odeón.

Moi certas son as palabras de Simmel sobre o urbanita ferrolano, cuxa actividade chea de contrastes podería resumirse aquí:

“O fundamento psicolóxico sobre o que se alza o tipo de individualidades urbanitas é o acrecentamento da vida nerviosa”.

Obra: A serie fotográfica “Persianas pechadas: Ferrol 2014” forma parte da exposición colectiva Espazo público / Espazo privado, comisariado por Mónica Maneiro, que pode visitarse actualmente no ferrolano Centro Cultural Torrente Ballester ata febreiro de 2015

Texto: Rober Amado, sociólogo e periodista. *Estadística elaborada por Roberto Amado Castro.

Emprazamento: Ferrol, Galicia, España

Fotografías: Ana Amado

Ano: 2014

+ anaamado.eu

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arte, fotografía, obras

Tags: , , , , , , , , , , , ,