Casa Obradoiro en Cabo Prior | Jorge Salgado Cortizas

O proxecto pensouse en Galicia, os propietarios viron unha maqueta e os primeiros esbozos no aeroporto de Xerez.

Cun pau sobre a area da praia da Barrosa debuxaron a planta a tamaño real e deron a conformidade á proposta.

De regreso a Galicia axustáronse medidas e sistemas construtivos, reformulamos a obra na parcela e iniciamos a construción. Vénme ao recordo unha canción: “Voando vou”.

A casa-obradoiro recolle dous aspectos dominantes de Cabo Prior: O inhóspito dun territorio tan maxestoso como abrupto, e a expansividade das vistas cara á praia e a ermida de Sta. Camba, co Atlántico ao fondo batendo no Cabalo Grande e Rapaz.

A simple vista non hai nada que chame a atención, é unha caixa de 12.20 x 8.80 x 5.80 m. case estraña ao lugar, que se pecha ao camiño e aos ventos fríos do norte, e ábrese ao Atlántico mediante dous grandes ocos situados en planta baixa e primeira.

Formúlase como un único recinto habitable; vivenda e taller, cun presuposto reducido. A vivenda responde a un programa mínimo; zona de estar-comedor, cociña e baño en planta baixa, e un dormitorio-terraza na planta alta. Un espazo a dobre altura con iluminación norte conforma o taller de escultura.

Construtivamente o proxecto resolve a súa estrutura horizontal con lousas macizas de formigón, que se apoian en muros de carga de termoarcilla. O cerramento realízase cun illamento térmico de poliestireno extrusionado colocado polo exterior dos muros de fachada, sobre este aplicouse un morteiro de resinas epoxi armado cunha malla.

Coma se da cuberta dun barco se tratase, a terraza executouse cun enjaretado de madeira, permitindo que a chuvia se filtre entre as táboas ata chegar á lámina impermeable. Dúas gárgolas de formigón expulsan a auga cara ao exterior do edificio.

No interior, a textura, a cor e o peso dos materiais reciben unha esmerada atención: as paredes foron enfoscadas e pintadas de cor branca, chan de formigón cun rematado de resina en planta baixa e tarima de madeira de castaño en planta primeira, os teitos manteñen a textura do formigón visto da estrutura.

O escaso mobiliario, (portas, estantes e armarios), construíuse con madeira serrada de castaño. As carpintarías exteriores foron proxectadas en aluminio cor natural con rotura de ponte térmica e madeira de cedro. Unha grande contra corredía de madeira, pecha o acceso á vivenda e proporciona a privacidade necesaria con relación ao camiño.

Obra: Casa Obradoiro en Cabo Prior

Localización: Cabo Prior, Adulacións, A Coruña, Galicia, España

Autor: Jorge Salgado Cortizas

Colaboradores: Juan Carracedo García, contratista. Francisco Esmoris Souto, xefe de obra. Eduardo Castro García, Jesús Gerpe Lamas e Emilio Noya Bello, albaneis. Alberto Lamas García, carpinteiro. Luis Collazo Costa, electricista. Manuel Fraga Seoane, fontaneiro. A todos eles, ao en especial a Ines, que naceu ao pouco de ser rematada a súa casa, dedico canto poida haber de persoal neste proxecto.

Ano: 2005-08

Fotografía: Jorge Salgado Cortizas

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, obras, vivienda unifamiliar

Tags: , , , , , , , ,