Adecuación del entorno del Faro de Fisterra

O faro de Fisterra e a súa contorna fóronse convertendo co tempo nun lugar de grande atractivo turístico, tanto para persoas que chegan en autobús ou coche como para outros máis tranquilos que o fan a pé ou en bicicleta, como continuación da “peregrinaxe” a Santiago de Compostela. O fluxo de visitantes é loxicamente moi variable ao longo do ano, en inverno é máis escaso e aumenta considerablemente co bo tempo, e en certos días do verán pode considerarse incluso masivo. Por outra parte, o tempo medio de estancia por persoa é de aproximadamente unha hora. Así as cousas, o proxecto pretende a organización deses fluxos de persoas, e busca facelo dunha maneira económica: mediante a corrección puntual da topografía para acoller os novos aparcamentos por exemplo, co rexeitamento de solucións baseadas no uso indiscriminado do chamado “mobiliario urbano” e coa utilización de materiais -formigón para pavimentos e muros, madeira embreada para a edificación- que poidan ter un avellentamento favorable á súa “plasticidade”.

O aparcamento de visitantes organízase ao longo do lateral noroeste da estrada de acceso. Realizaranse traballos de desmonte para a ubicación dos vehículos en “trincheira” protexidos polo noiro e baixo a sombra do pequeno piñeiral existente. A visión dos coches ocúltase así aos camiñantes que cada vez en máis número chegan polo carreiro que enlaza pola beira da costa o novo cemiterio co faro.

A explanada do aparcamento actual corríxese e axústase na súa definición xeométrica para configurarse como ámbito previo ao novo acceso peonil: zona de espera dos distintos grupos de persoas que van e veñen e área de manobra para os autobuses. Nun nivel lixeiramente inferior a aquela situaranse os puntos de venda de artesanía e os servizos de aseos públicos. Ubícanse baixo unha gran cuberta de madeira embreada que permite aos visitantes protexerse do sol e da chuvia mentres mercan ou agardan os seus acompañantes. Unha rampla e un gran barcos constrúen o encontro entre os dous niveis da praza, separados uns 80 cm.

O acceso de vehículos máis alá do aparcamento principal quedará restrinxido aos que dan servizo ao faro e ao pequeno hotel existente no edificio do Semáforo. O tramo de estrada entre o aparcamento e o faro axusta a súa sección e dimensións ás novas condicións de tráfico restrinxido, corríxense os recheos de terras efectuados para a súa construción para así acentuar o que o territorio nos ensina: a contorna do faro é como unha lingua de terra rodeada de mar.

A actuación é máis potente na praza de acceso ao faro, corríxese a pendente actual para reforzar a súa presenza como balcón cara ao horizonte: a praza queda configurada como un gran plano inclinado que arrastra ao visitante cara ao mar. A entrada ao edificio realízase mediante unha rampla de pedra de anchura suficiente para permitir a accesibilidade das persoas e a chegada de ocasionais vehículos de servizo.

Máis abaixo, ao pé do edificio da Serea, constrúese unha pequena terraza escalonada realizada mediante a reutilización das pezas de pedra existentes. Un oco no propio chan fará posible o ritual do peregrino da queima das súas botas

rvr arquitectos

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: tv

Tags: , , , , , , , , , , , , ,