Era unha das demandas máis repetidas durante a última edición da feira de arte contemporánea de Vigo, Espacio Atlántico, o pasado mes de xaneiro. Expositores e coleccionistas suxeriron á dirección do evento un cambio de ubicación no calendario, a fin de evitar a proximidade coa celebración de Arco en Madrid e doutros acontecementos artísticos internacionais, o que ocasionaba incompatibilidades e certos atrancos ós profesionais do mundo da arte. Finalmente, a directora de Espacio Atlántico, Marta Scarpellini, vén de anunciar as novas datas. A vindeira edición do certame celebrarase do sete ao dez de abril de 2011.
Scarpellini confirmou a mudanza trala sinatura do convenio de cesión dos fondos artísticos da feira á Fundación Marco, de xeito que as obras, recén adquiridas durante a pasada edición e que dan inicio á Colección Espacio Atlántico como fondo propio, estarán depositadas no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) por un tempo de cinco anos. En calidade de presidente da Fundación Marco, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rubricou onte o convenio coa directora da feira no salón de actos do museo. Ademais de preservar a súa conservación e restauración, os comisarios do Marco poderán inserir as pezas nas exposicións temporais que conforman a súa programación.
As obras, sete producións de formato e materiais diversos, están asinadas por Ana Soler, José Bechara, Karmelo Bermejo, Misha Bies Golas, Antía Moure e Francisco Tropa, seis artistas galegos, portugueses e españois seleccionados para arrancar esta colección, «tendo en conta os intereses expositivos do museo para facilitar a incorporación na súa programación», indicou Scarpellini, quen expresou a súa satisfacción «por que a colección poida ser exhibida no principal museo de arte contemporánea da cidade». «Esta iniciativa estreita o vencellamento da feira coa cidade de Vigo», manifestou, «ademais de incrementar o patrimonio cultural e amosar a rendibilidade social do investimento en arte contemporánea».
Segundo a organización do certame, o presuposto desta primeira quenda de compras en feira foi «algo superior» aos 40.000 euros. «A colección seguirá crecendo en futuras edicións e a intención é que a partida orzamentaria se incremente en próximas convocatorias, adquisicións que se rexerán polos mesmos criterios expositivos do Marco», afirmou Scarpellini.
+ www.espacioatlantico.com
teresa cuiñas
+ www.elpais.com