Rehabilitación de edificación para vivenda-obradoiro | ARKB-Arrokabe arquitectos

A parcela ten forma irregular con proporción alongada e unha anchura que varía dos 3 aos 4 m ao longo dos seus 25 m de fondo. Trátase dunha construción tradicional entre medianeiras situada no conxunto histórico de Santiago, no rueiro de entrada do Camiño Francés.

O abandono de máis de trinta anos ao que estivo sometido orixinou a derruba completa da cuberta e todas as plantas interiores. Non obstante mantíñase en bo estado toda a fábrica de muros de dobre folla de pedra en medianeiras e fachadas, e os elementos de cantería asociados a ela, (lareiras, vertedoiros, recercado de ocos…).

A intervención recupera o volume orixinal xunto con todos estes elementos e propón unha nova estrutura de madeira. Repítese o esquema estrutural de vigas e pontóns sobre os que se dispón unha dobre armazón de madeira, ao que se incorpora material illante e masa co fin de resolver os condicionantes de acondicionamento térmico e acústico sen necesidade de recorrer a falsos teitos.

O uso do edificio é o dunha pequena vivenda na planta máis alta, ligada a unha zona de traballo que ocupa as dúas plantas intermedias, e unha planta baixa segregada para local comercial independente..

A escaleira enténdese como elemento fundamental da proposta. Por normativa, debía manter a súa posición orixinal aínda que non necesariamente o seu desenvolvemento. Tendo en conta a estreiteza da planta nese punto, óptase por unha escaleira dun só tramo.

De entrada esta decisión xera unha contradición no esquema estrutural porque cortaría a primeira orde da estrutura de piso.

Esta circunstancia aprovéitase para introducir un elemento vertical que atravesa todas as plantas e serve para apoiar, tanto os diferentes tramos de escaleira coma os pontóns dos forxados de piso, ao mesmo tempo que conforma un cerramento con diferentes graos de apertura.

Xérase así un espazo central arredor do o cal pivota a organización funcional das diferentes plantas que se completa agrupando en trono a el as zonas de servizo; almacenaxe e cuartos húmidos.

Tanto no tratamento do exterior coma no interior existe a intención de poñer en valor as preexistencias, resaltando as súas calidades tectónicas e materiais e prestando unha especial atención ás pegadas acumuladas ao longo da vida útil do inmoble.

Obra: Rehabilitación de edificación para vivenda-obradoiro

Autores: Arrokabe arquitectos [Óscar Andrés Quintela, Iván Andrés Quintela]

Emplazamento: Rúa de San Pedro. Casco histórico de Santiago de Compostela. Galicia. España

Ano: 2007 – 2009

Fotografías: Bernardo Diéguez e Arrokabe Arquitectos

+ www.arrokabe.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, obras, reforma interior, rehabilitación, vivienda unifamiliar

Tags: , , , , , , , , , , , ,