A favor da perplexidade | Sergio de Miguel


Pathway to blue

Entre a ignorancia e a certeza, entre o escepticismo e o dogmatismo, existe un territorio, unha perturbación moi fértil. Sutil. Tensa.

O estado mental máis afortunado do complicado xogo de propósitos, vaguidades, preferencias, cálculos e sentimentos en que se converte toda busca creativa. Toda actitude vital.

Trátase dun suspiro interno, animado pola dúbida, a sorpresa e o asombro. Polo método, a eficacia e o esclarecemento. Como elocuentemente dixo Mann capaz de “infundir o entusiasmo do espírito na materia”.

Aqueles “inicios” de silencio e luz que proclamou amar Kahn, ou a complexa e contraditoria “vitalidade confusa” do seu discípulo Venturi, mesmo o máis próximo “cuarto vacante” de Navarro non son senón expresións dun mesmo albor de conciencia. Inspiración pura.

En cada paso do baleiro á intuición, en cada salto circense do abstracto ao concreto, a perplexidade móstrase como unha máis que valiosa habilidade, como un don irrenunciable.

Sen perplexidade, sen incerteza activa, non hai ocorrencias. Non hai aprendizaxe.

É o resorte da creación.

Lonxe da súa acepción máis común que a entende como unha sorte de confusión ou de torpe irresolución, a perplexidade supón un afortunado xeito de estar e de pensar fronte ao mundo.

A palabra ten a súa orixe no termo “perplexitas” (per– intensidade, totalidade, e -“plectere” pregar, enredar, tecer), é dicir, o seu significado literal podería “ser intensamente enredado”. O perplexo (per-plex) está vinculado, polo tanto, co complexo (con-plex) e oposto ao simple (sin-plex).

A complexidade, paradoxal relación do un co múltiple, é efectivamente o tecido de eventos, accións, interaccións, determinacións e azares que constitúen o noso mundo. E o seu carácter global e irredutible lévanos de xeito natural á perplexidade.

Valéry vai máis alá. Enuncia que o estado que produce a complexidade non é só a perplexidade do espírito humano. Achega outro estado moi próximo, intermedio. Fala da excitación producida polo que nos supera e nos sorprende provocando en nós un “espertar”. Denomina a este estado “implexo” (enlazado) e enténdeo como “a capacidade de sentir, reaccionar, facer, comprender e resistir dun suxeito que intenta recompoñer as súas habilidades e manobrar os seus pensamentos en busca de novas estratexias fronte ao real”. É unha actitude intensa que máis alá de remitirnos novamente ao simple entendemento e á cómoda redución esquemática do xa sabido (o fragmentado e acoutado) nos reenvía a unha especie de renacemento da situación, a un repensar dinámico provocado pola perplexidade ante a complexidade.

Baricco escribe que o mundo, o noso complexo mundo, está a mudar, e que estamos ante a hexemonía crecente dos que denomina “bárbaros”. Os que rompen as convencións da civilización e inventan novas fronteiras. Argumenta que agora, en todos os ámbitos e cada vez máis, prima a busca da espectacularidade (a experiencia), mínguaa do esforzo a favor do pracer, prevalece o horizontal (superficial) fronte ao vertical (profundo), o colectivo fronte ao individual, proliferan as redes… o movemento, a comunicación e a conectividade. E en todas estas frontes revolucionarias, tan emerxentes como reais, destaca o invariante feliz da perplexidade. Ante a historia, ante a natureza, ante a técnica, ante as crenzas, ante as fronteiras…

É un signo do noso tempo. E do noso espazo.

Grazas á efervescente complexidade que nos rodea o ser humano está a impulsar, unha vez máis, as frutíferas potencialidades da perplexidade. Estanse a dar as condicións necesarias para esperar un prodixioso rexurdir creativo.

Perplexos estamos.

Sergio de Miguel, arquitecto
Madrid, xaneiro 201o

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: faro, Sergio de Miguel

Tags: , , , , , , , , ,