O tempo e as cousas. A casa-estudo de Hanne Darboven


Vista de sala da exposición El tempo e as cousas. A casa-estudo de Hanne Darboven, 2014

Coñecida polas súas obras de grande escala nas que combina o debuxo xeométrico, as series numéricas, a imaxe e a escritura, adoita asociarse a Hanne Darboven (Múnic, 1941 – Hamburgo, 2009) coa arte conceptual, unha vinculación que habería que matizar dado o carácter inequivocamente subxectivo do proceso de execución e materialización dos seus traballos, a miúdo salpicados de referencias autobiográficas e mencións ao lugar de produción.

Esta exposición reúne unha ampla selección de obxectos de moi diversa índole (xoguetes, manequíns, instrumentos musicais, artigos promocionais, recordos procedentes de distintos cantos do mundo…), así como obras propias, que Darboven foi acumulando na súa casa familiar de Am Burgberg, o lugar no que viviu e traballou durante toda a súa vida (salvo unha breve estanza de dous anos en Nova York a mediados dos anos 60) e que máis que un estudo ao uso parece un Gabinete de Curiosidades como os que proliferaron nos séculos XVI e XVII.

A mostra, que non se concibiu como un retrospectiva nin como unha exposición antolóxica, propón un itinerario que recrea o complexo e fascinante universo da casa-estudo de Darboven, permitíndonos non só nos internar neste lugar e en cada un dos seus tempos acumulados, senón tamén repensar os traballos de escritura numérica e serial que esta artista realizou ao longo da súa carreira e nos que o temporal, no seu despregamento, chegaba a adquirir unha consistencia volumétrica. Todo iso dende a premisa de que, aínda que aparentemente, o desbordante discurso que proxecta o seu estudo parece contradicir a sobriedade cartesiana da súa proposta plástica, no fondo ambas as dúas lóxicas estaban estreitamente vinculadas, pois partían da mesma pulsión: o desesperado intento de reducir a complexidade do mundo a diagramas, estruturas reticulares e dispositivos narrativos ou escenográficos que fagan aprehensible á mirada aquilo que a desborda.

A casa-estudo de Darboven constitúe, polo tanto, o punto de partida e de chegada da súa obra, tanto material coma conceptualmente. É parte fundamental do seu legado e un aspecto esencial do seu traballo. Un legado e un traballo que, ao igual que o doutros artistas que nas últimas décadas do século XX se enfrontaron criticamente á herdanza invisible da modernidade (cuxa materialización gráfica máis palmaria foi a cuadrícula clasificatoria que, non o esquezamos, xoga un papel clave na obra de Darboven), están atravesados por unha latente e inquietante ambigüidade, a que vincula civilización e barbarie, sistematización racional e impulso instintivo. E é xusto nesa indeterminación na que esta artista parece querer buscar o seu lugar no mundo.

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, exposiciones

Tags: , , , , , , , ,