Vestiarios para campo de fútbol en Vilar de Astrés | trespes.arquitectos


“Un novo peche xera estacionamentos no exterior e organiza as circulacións no interior. Unha solución semi-industrializada con capacidade para adaptarse ás necesidades formuladas e resolvelas

Nun ámbito cun marcado carácter rural preténdese dotar o campo de fútbol da parroquia de Vilar de Astrés en Ourense con vestiarios e servizos comúns. As limitacións as de sempre, económicas e de prazo execución, a maiores a zona de actuación con condicionantes e limitacións.

O campo de xogo con orientación NE-SO no seu eixe lonxitudinal encóntrase delimitado por un muro de bloque de formigón, opaco, de 2,20 metros: de altura en todo o seu perímetro. A zona de actuación no fondo Sur-Oeste tras a portaría. Os problemas de estacionamento, que son manifestos tanto para o campo coma para o centro veciñal situado a escaso metros.

A proposta moi clara, derrúbase o muro existente no seu lado Sur-Oeste e o novo peche atrásase paralelo ao terreo de xogo, e respectando as árbores existentes, xerando unha zona libre destinada a estacionamento, por parte de ambos os dous equipamentos.

Por economía e prazos óptase por unha solución mixta, que combina prefabricación e traballos en taller con traballos in situ. Seis colectores marítimos de 12 x 2,5 x 3,15 metros aloxan os servizos demandados pola infraestrutura e coa súa disposición conforman o 80% o novo límite da instalación. As partes do peche entre colectores resólvense con elementos tipo viguetas de formigón pretensar fincados no terreo, achegando permeabilidade visual cara ao terreo de xogo.

Os colectores agrúpanse en sentido lonxitudinal dous a dous para configurar o peche do campo e xerar tres módulos, vestiarios 01, vestiarios 02 e un terceiro módulo que albergará os vestiarios dos árbitros, a cantina, aseos do público e o almacén. Os vestiarios, con dous accesos, favorecen a iluminación e ventilación natural e actúan como filtro, discriminando os accesos con roupa de rúa das saídas ao campo con roupa deportiva.

Por economía os colectores trabállanse no seu interior dotándoos de instalacións, illamentos e acabados interiores executándose estes traballos nun 70% fóra de obra, nunha nave ou almacén, o que permite acelerar a realización dos traballos xa que ao mesmo tempo se desenvolven os traballos in situ e os traballos de acondicionamento interior dos espazos.

Os materiais empregados sobrios, de doada limpeza e mantemento; goma no pavimento e paredes da zona de duchas, paneis de labra cemento en paredes e teitos, particións con paneis de resinas, luminarias industriais estancas como elementos de iluminación e carpintarías de aluminio nos accesos combinadas con claraboias estratexicamente situadas no teito como reforzos á iluminación e ventilación das estanzas.

No exterior, por economía, píntanse, incorporándose os elementos de sinalización combinando as dúas tonalidades elixidas, gris na fachada exterior, cara ao aparcadoiro e o vial, evocando a tonalidade do anterior muro de bloque e dialogando co peche de viguetas pretensar de formigón e ocre cara ao interior da instalación, aproximándose á tonalidade da terra do campo de xogo.

Obra: Vestiarios para campo de fútbol Vilar de Astrés
Autores: trespes.arquitectos [Carlos Mosquera, Alberte Pérez, Enrique Iglesias]
Localización: Lugar Vilar de Astrés s/n. 32981, Ourense, Galicia, España
Colaboradores: Ylenia López Giménez. (estudiante de arquitectura) / Alejandra García Macías (arquitecto)
Fotografías: Ana Amado | trespes.arquitectos [Estado actual]
Ano: 2011-2013
+ trespesarquitectos.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, equipamiento deportivo, espacio publico, obras

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,