Premio Juana de Vega de Arquitectura 2013. Juan Creus y Covadonga Carrasco

O xurado do Premio Juana de Vega de Arquitectura, fallou a décima edición do premio. O xurado fixo unha primeira selección entre as 21 obras presentadas. Despois da selección, quedaron 6 traballos que se visitaron o mesmo día no que se fallou o premio. Tras unha ampla deliberación.

Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura, na súa décima edición, á vivenda situada en Redonda (Corcubión) da que son autores Juan Creus e Covadonga Carrasco. Un proxecto maduro que consegue integrar moi ben un edificio novo nun espazo dunha edificación preexistente, respectando o volume e a fachada orixinais e a harmonía do conxunto de casa, terreo e edificacións auxiliares. Cabe destacar varios aspectos: (1) a galería posterior en mármore, que substitúe á do volume orixinal, que ofrece solucións axeitadas á distribución dos usos e abre espazos interiores á espléndida paisaxe sobre o Cabo Finisterre, (2) a sutil eficacia coa que funcionan os patios e terrazas situados a ambos os dous lados da casa que facilitan os accesos e circulacións e se relacionan con naturalidade co seu ámbito de horta e xardíns que descenden ata o mar e (3) a inclusión de elementos preexistentes, -hórreo, muros- coidando o seu valor histórico e aproveitando as posibilidades de uso da casiña do xardín. Un coidado que tamén se aprecia no deseño da escaleira, mobiliario e elementos decorativos interiores e na fachada principal, que, tendo unha linguaxe popular, non renuncia a unha personalidade especial nos elementos decorativos.

Casa en Redonda | CREUSeCARRASCO | Fotografía: XoanPiñon

Conceder un accésit a cada unha das seguintes vivendas:

Casa unifamiliar situada na Urbanización Pazo de Ramirás, 61 (Ourense), do arquitecto Manuel Jorreto. Trátase dunha obra nova, con vistas ao Miño, que combina moi ben unha presenza plástica poderosa cun uso racional dos espazos interiores da vivenda, limpa e ben distribuída. Un paralelepípedo alongado encaixado entre un estreito xardín interior, situado entre a vivenda e o muro de contención de formigón, e a poderosa vista exterior sobre o val e o río. Os sistemas de peche das superficies cristaleiras permiten aos habitantes da casa seleccionar varios ambientes, entre a total apertura e o recollemento presidido polos pequenos pradairos do xardín interior. A auga da piscina, sobre a cuberta e aos lados da pérgola de entrada, é tamén un elemento construtivo máis, que dialoga co formigón, vidro e aceiro.

Vivenda sobre o río Miño | Manuel Jorreto

Casa no lugar de Portanova, Coeses (Lugo) do arquitecto Emilio Rodríguez. Conflúen nela dous usos: vivenda e taller para os seus ocupantes que se dedican ás artes plásticas. O edificio ocupa o espazo dunha casa rural integrada nunha aldea de gran valor etnográfico e, neste sentido, contribúe a dar nova vida a estes lugares que están a ser abandonados. O proxecto resolve ben os usos previstos polos propietarios (dotando de luz cenital ao taller, por exemplo) e combina a recuperación dos muros de pedra do terreo, cunha construción de formigón recuberta dunha fachada transventilada de madeira de pradairo, que vai adquirindo unha cor gris característica e que harmoniza cos muros de lousas de xisto. A eficacia enerxética da obra complétase co deseño de ocos pequenos ao norte e a apertura de ventás amplas ao pequeno xardín situado a mediodía.

Vivienda y taller en Coese | Emilio Rodríguez

Resaltar como obras de interese especial dúas vivendas que non entraron no apartado premios. Ambas as dúas teñen en común o uso de materiais que se empregan nas respectivas bisbarras para outras funcións:

Vivenda unifamiliar na Ribeiriña (Pobra do Caramiñal) do arquitecto Iñaki Leite. Unha construción aberta ao mar, limitada por un soar pequeno e con forte pendente, que dificulta a consecución dos diversos obxectivos da obra. É un proxecto de calidade que destaca especialmente polo uso de madeira reciclada proveniente das bateas de mexillón que poboan a ría veciña e pola eficacia do tratamento enerxético.

Vivenda en A Ribeiriña, “mirando las bateas” | Iñaki Leite | Fotografía: Adrián Vázquez

Casa en Tebra (Tomiño) dos arquitectos Guadalupe Piñera e Jesús Irisarri. Edificio singular polo elegante deseño da planta baixa e a integración dos muros de pedra dunha casa preexistente, que complican algo a resolución dos espazos interiores. Resulta destacable o emprego de diversas capas de materiais que envolven a casa, e dan pé a xogos de luces e temperatura que se adaptan ao clima. Destaca unha cortina envolvente exterior, unha faldra que se axita co vento, feita de aluminio, que se asemella ás que se usan nos invernadoiros da zona.

Casa en Tebra (Tomiño) | Guadalupe Piñera e Jesús Irisarri | Fotografía: Héctor Santos-Díez

Por último, o xurado quere subliñar que, durante a década que leva existindo o premio, se observa unha continua mellora das solucións empregadas para crear vivendas unifamiliares, o que reflicte o esforzo dos arquitectos por ofrecer solucións de deseño moderno, adaptadas a realidade de cada caso, -incluído en moitos casos o respecto a edificacións preexistentes-, pero tamén a evolución das pautas sociais que fan que os promotores das casas conecten a miúdo coas novas tendencias da arquitectura galega. Nesta confluencia está a clave de que, a pesar da crise do sector da construción, o número de obras presentadas ao premio se manteña alto e que a tarefa do xurado para tomar decisións sexa, cada vez, máis complicada pola alta calidade dos traballos.

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: evento, premios

Tags: , , , , , , , , , , , , , , ,