N-550. Da estrada á rúa.

¿Que é a nacional 550?
A Nacional 550 é a estrada que vai dende A Coruña ata Tui. En realidade, é un leitmotiv para analizar esa cidade que se espalla por gran parte da nosa xeografía, esa urbe que algúns teóricos coinciden en cualificar de difusa, outros de fragmentada e incluso algúns de global. No caso de Galicia, este fenómeno concéntrase na franxa atlántica, ó redor de grandes infraestruturas, como a Autoestrada AP-9, o eixo ferroviario Norte-Sur, ou tamén, aquela máis doméstica como a Nacional 550, que se comporta como fío argumental deste traballo.

O noso propósito consiste en retratar como se constrúe o mundo suburbano galego, cales son as súas singularidades, cales son as súas semellanzas no marco dun escenario global, etc. Un discurso tecido con múltiples preguntas, algunhas con respostas, outras sen resolver… Todo coa idea de ir descubrindo unha cidade pouco explorada ata o de agora.

¿Como analizamos a nacional 550?
O noso proxecto consiste nunha viaxe permanente e participativa pola Nacional 550 e as súas inmediacións. Pretendemos facer unha análise de abaixo a arriba, é dicir, fixarnos nas diferentes entidades formais que compoñen o noso territorio, ata ter unha visión global da cuestión. As unidades formais que detectamos ata o momento son as seguintes: vivendas illadas (ó pé da estrada), urbanizacións, núcleos rurais, polígonos e cidades medias.

Cada unha destas categorías será motivo dun estudo pormenorizado, dando lugar, de cada vez, a unha publicación. Neste intre, estreámonos cun libro introdutorio, denominado km 0 e o primeiro volume da colección km 36, as vivendas illadas. Ambos exemplares se poden adquirir dirixíndose a proxecto.n550@gmail.com.

¿Quen analiza a nacional 550?
A publicación componse por reflexións do equipo N-550, formado pola deseñadora Noemí Díaz Patiño e os arquitectos Xulio Turnes Vieito e Ramón Viéitez Rodríguez, pero tamén cun amplo abano de colaboradores. A xente que nos acompaña nesta viaxe pertencen a dous perfís moi determinados. Por unha banda, contamos coa colaboración de académicos, de prestixio contrastado, e, por outro lado, con xoves artistas que nos dan o seu particular punto de vista sobre a materia.

Edita: equipo N-550
+ n550proxecto.wordpress.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: libros, publicacións

Tags: , , , , , , , , ,