Durmiendo en un museo | [Michael Lin+rvr arquitectos]

SÍNTESE DO PROXECTO EXPOSITIVO. O Espazo Anexo é unha construción independente do edificio principal do MARCO, situada na praza peonil posterior, cunha superficie total duns 100 m2. Foi inaugurado en 2004 como sala de proxectos, e dende entón acolleu multitude de exposicións e proxectos, na súa maioría propostas individuais, pensadas especificamente para este espazo, e que en moitos dos casos estaban intimamente relacionadas coas características peculiares do Anexo, coa súa situación fronteiriza e de transición entre a rúa e o espazo expositivo, xogando coa dualidade interior-exterior que é característica deste lugar.

Hotel Marco | Fotografía: EnriqueTouriño

A partir do mes de abril de 2011, iníciase un novo período coa inauguración do ‘Hotel MARCO’, do artista Michael Lin e rvr arquitectos, un proxecto innovador que consiste en transformar o Espazo Anexo nun cuarto de hotel con distintos usos, e que toma como punto de partida a propia estrutura do Anexo, as súas connotacións, e ese frutífero diálogo entre espazo público e privado.

Hotel Marco | Fotografía: EnriqueTouriño

Michael Lin (Tokyo, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de deseños florais, realizadas sobre todo tipo de superficies, e que concibe como procesos arquitectónicos, onde propón unha forma diferente de experimentar o espazo a través da pintura. rvr arquitectos é un estudio formado polos arquitectos José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, que desenvolven o seu traballo en Santiago de Compostela dende o ano 2002.

Hotel Marco | Fotografía: EnriqueTouriño

A idea do proxecto xorde da oportunidade de reformar un lugar xa existente e de dotar ao museo dun espazo habitable concibido como proxecto artístico, para poder invitar a comisarios, artistas e investigadores a coñecer o noso contexto, dentro dun programa de residencias. Ademais, calquera persoa interesada poderá utilizalo como cuarto de hotel propiamente dito, logo de reserva e pagamento de tarifa, e gozar da experiencia de albergarse dentro dun espazo expositivo pensado como obra de arte, e situado á vez dentro e fóra das instalacións do Museo.

Hotel Marco | Fotografía: EnriqueTouriño

A estética relacional —ideada polo teórico francés Nicolas Bourriaud para nomear un tipo de instalacións nas que a experiencia entre as persoas, a obra e a realidade conviven e definen o significado— facilita a lectura deste espazo como peza de arte, e compréndese a partir dos traballos de moitos creadores de finais dos anos oitenta e principios dos noventa. O proxecto ‘Hotel MARCO’ enténdese como lugar de intercambio social e como unha sorte de “práctica artística que toma como punto teórico e práctico o todo das relacións humanas e o seu contexto social”, como diría Bourriaud.

Hotel Marco | Fotografía: EnriqueTouriño

Desde la inauguración del 8 de abril, hasta el 18 de mayo, Día Internacional del Museo, el lugar estará abierto al público en el horario habitual, como espacio expositivo. A partir de dicha fecha comenzará su uso como habitación de hotel, sea dentro del programa de residencias o para reservas de particulares.

En – un espazo para transaccións climáticas, visuais e sociais [por Michael Lin]

“Na cultura xaponesa, o termo en significa transacción, en tres contextos diferentes: na moral budista refírese á lei do Karma, á ponte causa-efecto na cadea das accións humanas (por ex., in-en = Karma); nas relacións sociais, aos vínculos entre diferentes individuos (por ex., en-musubi = lazos afectivos); e en arquitectura, á transición entre interior e exterior, entre edificio e natureza, entre o privado e o público (por ex., en-gawa = varanda).

En calquera destes tres contextos, en implica conexión e/ou separación, e nin un nin outro por separado, senón ambos os dous simultaneamente. En última instancia, o uso de en suxire unha interpretación profundamente ambivalente do ser humano, das súas estruturas sociais e produtos arquitectónicos, non como algo simplemente independente ou non dependente, senón como interdependentes entre si, é dicir como parte os uns dos outros.

No caso deste proxecto, o meu interese reside na creación dun espazo transaccional, un espazo in-between que está conectado e/ou separado do espazo privado do cuarto de hotel, e o espazo público da rúa. A pintura que cobre as paredes exteriores do cuarto, unha apropiación de estampados téxtiles tradicionais de Taiwán —cultura estranxeira pero que á vez mantén os seus domésticos orixes pre modernas— utilízase aquí para transformar a dureza da caixa arquitectónica nunha suave membrana táctil que de inmediato sinala o cuarto de hotel como un obxecto separado do espazo expositivo, e que actúa sobre ese espazo coas súas cores e a súa aparencia foránea. Este espazo in-between, que é accesible ao público dende a rúa, dá a benvida e seduce ao viandante, invitándoo a entrar nesta transacción e/ou non-transacción de arte e/ou non-arte”.

A visión d0s arquitectos [por rvr arquitectos]

“Vemos o noso traballo para o Hotel MARCO como unha reflexión sobre o espazo público e o espazo privado. Ou mellor aínda sobre o lugar de encontro entre ambos os dous. O espazo público é aquí a rúa, un ámbito múltiple e social, resistente ás xerarquías. O espazo privado é o do cuarto de hotel, que pertence ao corpo e ás súas accións: o descanso, o aseo, a contemplación, quizais o sexo. Na forma de conseguir que a vida que transcorre na rúa non interfira na vida privada e persoal que poida transcorrer no cuarto, e no xeito en que este espazo privado se ofrece ao exterior, é no que insistimos tanto nós dende a arquitectura, como —cremos— Michael Lin dende o seu traballo artístico.

A separación física entre a rúa e o cuarto será moi delgada, apenas uns centímetros de taboleiro e illamento, o suficiente para conferir ao espazo interior a autonomía necesaria para facelo habitable: a súa independencia visual, acústica e climática do espazo da rúa. Así, o cuarto do Hotel MARCO non se concibe como unha parte do edificio do Museo, senón máis ben como un pequeno edificio dentro doutro máis grande, como un cuarto dentro doutro cuarto. O seu interior é como un traxe á medida, á medida de quen o vai habitar durante un tempo curto, en ocasións só unha noite, pero que buscará a calidez e a comodidade dun bo pano. Cara á rúa, esa membrana é representación pura, as súas paredes exteriores pertencen xa á cidade, e preséntanse a ela a través do traballo de Michael Lin.

Hai no habitar dun cuarto de hotel a contradición de intentar sentirnos como na casa, ao tempo que buscamos tamén alcanzar, ou que se nos ofreza, o que na nosa vivenda nos falta. Apreciamos atopar algo da proximidade do que xa temos, pero tamén aquilo do que na casa carecemos ou que nos falta tempo para gozar: horas de sono nunha cama grande e ben cómoda —sen molestos ruídos do veciño— sabas pasadas polo ferro, control exacto e a conveniencia da iluminación e a temperatura, unha butaca confortable, un baño amplo, presión de auga, toallas suaves… todo aquilo que fai que o corpo se sinta ben e que tantas veces non podemos ou non temos tempo de gozar. A nosa proposta para o cuarto non fai senón insistir en que todas esas accións sexan posibles, en crear unha estanza onde se poida vivir esa experiencia de luxo sinxelo, de benestar, da que falamos. Así, o cuarto non se entende como un espazo referencial ou representativo, senón simplemente destinado ao corpo, ao seu goce; e todas as cousas que a ocupan —cama, mobles, baño, luces, tecidos— están concibidos para favorecer esa sensación de comodidade.

O cuarto é unha única sala que sen descontinuidades acolle o fundamental dun cuarto de hotel: a área de descanso ou traballo, o lugar da cama, e o espazo do baño. Só un moble de armario-bañeira fragmenta de forma leve a sala para proporcionar algo máis de privacidade á zona do baño. Todo o equipamento lévase á parede oposta á entrada, cun moble continuo de madeira lacada que acolle o escritorio, a cama, o moble-bar, os lavabos, a iluminación, etc.

Dende as caras exteriores do cuarto proxéctanse, como canóns cara a fóra, a pasaxe de acceso dos hóspedes —atravesalo supón uns segundos de fronteira entre o exterior da rúa e o interior do cuarto— e dúas entradas de luz natural: unha que pon en relación a estanza cun fragmento acoutado do pequeno xardín próximo, e outra que achega a luz do ceo de Vigo á zona de aseo, mirando cara ao reloxo que culmina a fachada do MARCO, como metáfora do paso do tempo e do destino histórico do edificio”.

+ artigo cedido por marcovigo.es

COLABORACIÓNS. O proxecto ‘Hotel MARCO” foi posible grazas á colaboración no proceso de produción de oito estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, logo de convocatoria de prácticas de montaxe e apoio a produción por parte de Fundación MARCO: Iris Margarita Alcaina Patiño, Laura Ilona Arha, Marta Fariña Rodríguez, Cristina Luna Ávila, Sara Martínez Soutiño, Lorena Alexandra Méndez González, Santiago Novas Otero, Yukawa Quione López Otero, coa coordinación de Frédéric Matagne, asistente do artista. Empresas colaboradoras:

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: artigos

Tags: , , , , , , , ,