Convocado un concurso internacional de ideas para o soterramento de 21.500 m2 de vías no centro de Bilbao

Bilbao, a cidade vasca coñecida internacionalmente polo seu proceso de rexeneración urbana a partir do Museo Guggenheim de Frank Ghery, convocou un concurso internacional de ideas para a recuperación dun espazo de 21.500 m2 ocupado polas vías que dan acceso á súa estación central. Trátase da primeira edición dun certame especificamente dirixido a estudantes e recén titulados en arquitectura, dotado cun primeiro premio de 3.000 euros, que se formula o obxectivo de contribuír á rexeneración urbana desta cidade vasca.

A iniciativa do concurso corresponde a BIA (Bilbao Bizkaia Architecture), un colectivo de profesionais do País Vasco que promoveron unha proposta de dinamización da arquitectura e o urbanismo, apostando por afrontar os retos da profesión dende conceptos como a internacionalización, o intercambio ou a participación cidadá.

O concurso ábrese a proxectos para o soterramento das liñas de ferrocarril situadas no centro de Bilbao, nunha área céntrica da cidade onde converxen catro barrios. A trincheira pola que discorren as vías de tren constituíu historicamente unha barreira física que condicionou o desenvolvemento da zona e a mobilidade dos veciños.

Oportunidade estratéxica

A área constitúe unha oportunidade estratéxica para a rexeneración urbana da cidade. BIA Urban Regeneration Forum busca propostas que utilicen o urbanismo como elemento tractor de rexeneración social. Trátase de recuperar a identidade da zona -historicamente vinculada aos traballadores ferroviarios e aos das explotacións mineiras que existiron nas proximidades-, e ao tempo crear novos focos de interese, á vez que se optimice a mobilidade e a funcionalidade do ámbito, con espazos de encontro e de interrelación entre a cidadanía.

O concurso é aberto, sen cota de inscrición e anónimo, e está dirixido a estudantes e novos arquitectos, cun período máximo de cinco anos dende a súa licenciatura, que poderán presentar as súas propostas coa data límite do 7 de setembro. Poderán presentarse ao concurso de xeito individual ou en equipos, sempre e cando todos os seus integrantes cumpran a condición de ser estudantes ou recén titulados.

O certame inscríbese no marco da iniciativa BIA (Bilbao Bizkaia Architecture), cuxa primeira actuación se vai concretar na celebración do primeiro “Urban Regeneration Forum”, que terá lugar en setembro na cidade vasca. Será unha semana chea de actividades que culminará cun congreso científico que prevé atraer ao redor de 300 expertos internacionais nos campos da arquitectura e o urbanismo.

Dado que o concurso para o soterramento das vías se enmarca dentro da temática do foro, o Xurado seleccionará as 10 propostas máis representativas e sobresaíntes para que sexan expostas publicamente en Bilbao durante o Congreso. A cidadanía terá ocasión de participar votando pola súa proposta favorita. Así mesmo, a través da páxina web biaforum.org poderase acceder a todas as propostas, e os internautas poderán emitir o seu voto. Desta votación resultará o Premio BIA Rede.

Por outro lado, o Xurado BIA concederá un primeiro premio dotado con 3.000 euros, ademais de dous accésits de 500 euros cada un. A lista dos membros do Xurado BIA será anunciada na web do concurso unha vez definida a súa composición definitiva. Contará con polo menos oito integrantes, de entre os cales sete serán arquitectos representando aos ámbitos a administración, docencia, colectivo profesional de arquitectos e movemento asociativo veciñal.

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: concursos, convocatorias, evento

Tags: , , , , , , , , , , , , ,