VI Premio de Arquitectura Ascensores Enor · Convocatoria

No mes de novembro de 2011, fai xusto agora dous anos, cando recén concluíra a V edición dos Premios de Arquitectura Ascensores Enor, cremos que era o momento ideal para tomar un tempo, facer balance e valorar criticamente o que supuxera o Premio tanto para a empresa, dende unha lectura interna, como para o sector da arquitectura en xeral e para os arquitectos e arquitectas en particular.

Pareceunos entón que despois de cinco edicións adquiriramos o coñecemento e a experiencia suficientes para poder examinar se o Premio cumprira cos obxectivos e as motivacións que estiveron detrás da súa orixe no ano 2005, e tamén para detectar se existía algunha inercia que nos afastase delas e que fose necesario rectificar.

Polo camiño, nas súas cinco convocatorias, dende a primeira en 2005, ata a quinta en 2011, o Premio foi evolucionando de xeito natural. Coa intención primeira, e mantida ao longo de todas as edicións, de recoñecer o traballo de todo o sector e de prestigiar a arquitectura de calidade entre a sociedade, o Premio pasou de ter unha repercusión limitada territorialmente a consolidarse como un dos premios de arquitectura de referencia en toda a Península Ibérica.

Dende a segunda edición, na que se incluíu entre os galardóns o Premio de Arquitectura Nova, ou dende a cuarta no ano 2009, na que se ampliou o seu ámbito xeográfico, e a partir da cal se puido presentar a concurso calquera obra realizada en todo o territorio de España e Portugal, o Premio de Arquitectura Ascensores Enor non fixo máis que ir dando resposta aos comentarios e suxestións que nos chegaban dende todo o sector. Comentarios que sempre recibimos con gratitude e que agora, con perspectiva, os valoramos como unha das ferramentas máis útiles que tivemos ao noso servizo para ir mellorando o Premio en cada nova edición.

Entre as moitas alegrías que nos reportara a organización do Premio de Arquitectura Ascensores Enor ata o ano 2011, identificamos algunhas que nos facían sentir especialmente satisfeitos. En primeiro lugar a alta participación de arquitectos e a calidade dos proxectos recibidos; a gran cantidade de obras presentadas a concurso na última edición sen dúbida superaban de sobra as expectativas que depositamos no Premio no ano 2005. En segundo termo ter sido capaces de editar, de xeito ininterrompido, un libro con todas a obras premiadas, finalistas e seleccionadas, e que este fose recibido ademais de xeito tan positivo por parte da comunidade de arquitectos, recoñecéndoo como unha das mellores referencias dispoñibles para coñecer a arquitectura realizada en España e Portugal. E por último, ter tido a oportunidade de coñecer, compartir experiencias e aprender de moitos dos mellores profesionais da Península Ibérica, empezando por todos os arquitectos que formaron parte do Xurado, aos que lles estamos especialmente agradecidos por ter querido colaborar con esta iniciativa e nos que depositamos a maior parte do prestixio que o Premio puidese adquirir.

No lado das incertezas, se ben no ano 2011 o complicado do contexto actual xa se percibía como algo inevitable, os dous últimos anos non viñeron se non a confirmar unha realidade de acusada complexidade para todo o sector. Esta situación, tanto dende o punto de vista humano como profesional, non resulta allea para o Grupo Ascensores Enor, ademais de ter implicacións lóxicas, en maior ou menor medida, na súa actividade empresarial.

E non obstante, e quizais motivado precisamente por esas mesmas incertezas, e co ánimo de axudar a mitigalas na medida do posible, ou de facerlles fronte dende a celebración da calidade e do compromiso pola boa arquitectura, é polo que convocamos o VI Premio de Arquitectura Ascensores Enor 2014.

Sobre a base do contexto actual entendemos oportuno introducir unha serie de modificacións na estrutura do Premio que garantan a súa sostibilidade aínda que mantendo o compromiso cos que para nós son valores irrenunciables do Premio: independencia, calidade e rigor, exemplificados en cada un dos membros do Xurado da presente edición: Eduardo Souto de Moura -Presidente do Xurado-, Juan Domingo Santos -Gran Premio Enor 2011-, Fredy Massad, Luis Martínez Santa-María, Juan Creus andrade e Carlos Quintáns -Secretario do Xurado-.

A partir desta convocatoria, que comeza dende este momento recibindo as propostas a concurso -xa se poden consultar as bases e o calendario do Premio-, se suprimen os premios territoriais -Galicia, Portugal, Madrid e Castela-León- e se manteñen como premios únicos o Gran Premio Enor, á mellor obra realizada en España ou Portugal durante os últimos anos, e o Premio Enor de Arquitectura Joven, á mellor obra realizada en España ou Portugal por un arquitecto menor de 40 anos. Esta decisión, que tamén ten o seu reflexo na composición do Xurado, vén fundamentada ademais na consolidación do carácter peninsular do Premio. Outra novidade é a variación na periodicidade do Premio, que se celebrará cada tres anos en lugar de dous.

Por último, ao igual que en todas as edicións anteriores, e por tratarse dun dos seus sinais de identidade, seguirase publicando un libro que explicará en detalle, e con abundante material gráfico, todas as obras premiadas e finalistas, ademais de incluír un texto crítico das obras recoñecidas, mantendo os mesmos estándares de calidade na súa edición.

O Premio de Arquitectura Ascensores Enor foi un premio concibido dende a arquitectura, para os arquitectos e cos arquitectos, e a partir do firme convencemento de que a boa arquitectura enriquece os nosos territorios, as nosas cidades e, en definitiva, a nosa sociedade. No Grupo Ascensores Enor cremos que un Premio con estes valores segue sendo necesario, quizais máis agora que nunca, e por iso vos animamos a participar co mesmo ánimo e ilusión doutras veces nesta sexta edición, da que só esperamos que siga sendo recibida como a festa da arquitectura que sempre quixo ser.

+ info

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: convocatorias, evento

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,