Unha fluidez destemperada | Marcelo Gardinetti

Entorno do Centro Heydar Aliyev, Zaha Hadid | Fotografía: Iwan Baan

A maior parte das obras realizadas nos últimos anos por Zaha Hadid resultan traballos estructurados baixo patróns de deseño decisivamente singulares, onde as liñas escabrosas do seu relato formal constitúen o eixe dos seus emblemas, por enriba de calquera outra variable. Estas xeratrices, aplicadas de xeito estrito nos seus traballos, producen obras de figuras extravagantes que poden ponderarse ou descualificarse coa mesma énfase sen que ningunha das dúas valoracións deixe marxe para dúbidas.

Entre as obras mencionadas, o deseño para o Centro Heydar Aliyev encadra perfectamente con esas definicións. A grafía empregada promove o impulso escultórico que permite ao proxecto definir o seu carácter unívoco, característica que está fóra de discusión. Non obstante, a distancia entre as dúas disciplinas, arquitectura e escultura, fai eclosión no resto das variables de análise.

O carácter do edificio transcende as características do sitio, decisión que pode compartirse ou non, pero que non o invalida por si mesmo. Esta é outra característica na obra de Hadid: o edificio propón un desacordo co seu ámbito para acentuar as bondades dos seus deseños, pero nesa decisión tamén ispe todas as súas carencias.

Centro Heydar Aliyev, Zaha Hadid | Fotografía: Iwan Baan

O Centro emerxe do chan como unha dobra natural, expandida como elemento xurdido da natureza, aínda que non se corresponde coas bondades desta. A diferenza entre a paradoxal emulación das formas naturais e unha integración establecida co sitio, confirma a dualidade de criterios expresada anteriormente. Neste aspecto, as superficies estendidas acometen os xardíns do centro para formular a súa escenografía sobre o chan, pero nesa operación encobre as bondades da natureza baixo superficies sen uso.

Esa continuidade exteriorizada entre o sitio e o edificio, o exterior e o interior, que se expresa en ondulacións e dobras estruturais, resulta tan sedutora nos accesos ao centro como como expulsiva no resto dos lados. A comuñón do programa cos perfís empregados ofrece laterais opacos e informes onde o visitante resulta impelido dos lados do obxecto polo carácter abusivo das formas.

Un xesto propiciado nun dos lados do edificio permite acceder a un vestíbulo que abrangue todas as alturas. Este espazo está subxugado pola escaleira principal, entidade plástica que resulta un elemento destacado de deseño, quizais o máis logrado dentro do Centro.

A continuidade das superficies exteriores no interior do edificio acentúa as tensións creadas pola densidade abusiva de liñas alabeadas. Estas calidades deprimen a riqueza espacial xerada na distribución en niveis ou intervalos dos balcóns e os cambiantes puntos de vista que ofrece o percorrido. Así mesmo, o material empregado nos revestimentos ofrece unha textura osificada, uniforme e escorregadiza, que compón unha linguaxe táctil carente de calidez e pouco sensible ao visitante.

Interior do Centro Heydar Aliyev, Zaha Hadid | Fotografía: Iwan Baan

A iluminación aplicada sobre a envolvente como regañas fendidas resalta o brillo esbrancuxado dos revestimentos, acontecemento que resalta as características vidrosas das superficies.

A xénese estrutural do edificio está composta por unha estrutura de formigón oculta dentro dunha reixa de aceiro. Esta alianza permite concretar as xeometrías proxectadas e lograr superficies libres aptas para o funcionamento do museo, o auditorio e a biblioteca do Centro.

O uso de fibra de vidro reforzado como revestimento exterior concede ao conxunto esa inusual plasticidade e permite exhibir unha aparencia cambiante de acordo á hora do día, produto do reflexo da luz solar ou a filtración da luz proveniente do interior durante a noite.

Interior do Centro Heydar Aliyev, Zaha Hadid | Hufton&Crown

A nova obra de Hadid resulta un edificio suxestivo, dominado por un carácter destemperado, abusivo no uso dun mesmo recurso. A xeometría empregada cega pola plasticidade das súas formas, pero a súa arquitectura, como na maioría das súas obras, segue evitando solucións cualitativas e remata concertando expresións sen outra finalidade que o seu propio paradoxo.

Marcelo Gardinetti. arquitecto

La Plata. decembro 2013

Marcelo Gardinetti

No voy a hablar de la penumbra, mejor voy a ver si puedo despertar.

follow me

Arquivado en: artigos, Marcelo Gardinetti

Tags: , , , , , , , , , , ,