Un camiño en movemento | Carlos Álvarez


Un camiño en movemento

Os seus traballos propóñennos percorridos por paisaxes, obxectos, rituais e luces que compoñen instantáneas dun camiño nun determinado momento, sen un fío narrativo ortodoxo, e que prescindindo de simboloxías ordinarias, dotan a obxectos cotiáns de significacións máxicas e “relixiosas”.

A intrahistoria que se ofrece ao que observa en cada imaxe determínaa un mesmo, compartindo códigos de significación cinematográficos, trufados de referentes literarios e de grandes homes que comeron a vida a carranchapernas sobre un cabalo.

Poderiamos imaxinar unha banda sonora mentres contemplamos, acertariamos recordando acordes dos clásicos de Spaghetti Western, inventando melodías que terían acompañado ás paisaxes de Wim Wenders ou laios de rancheira mexicana.

Un espazo do reencontro e, ao mesmo tempo, lugares e escenas que invitan á imaxinación dunha fuxida nos que un heroe desapareceu repentinamente, rompendo o aire a palliñas dun portazo.

Nas súas imaxes podemos recuperar o ruxido dunha lámpada de mesa de noite ao apagarse, o fulgor dun misto que acende un lume no medio do deserto cego ou a nada infinita para reflexionar, para situarnos onde prefiramos e facer nosos os elementos e momentos que se nos propoñen como seus.

A sísmica do seu traballo xace no grao de plasticidade impresionada na retina do que mira, é dicir, na capacidade e posibilidade de imaxinar que sucedeu inmediatamente antes de disparar esa fotografía e que podería acaecer momentos despois.

Sinestesias francesas en moteis americanos, alumeamentos de neones que un día cegou e agora respira o po do camiño, un camiño en construción cara a todas e ningunha parte.

As partes dun todo que debuxan ese fragmento tan épico onde se perde o horizonte e comeza o ceo.

Obra: Un camiño en movemento
Autor: Carlos Álvarez
Memoria: P.H.B
Emprazamento: Texas, Loussina, Las Vegas (EEUU), Costa Azul Francesa e Venecia.
Ano: 2009-12

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arte, fotografía, obras

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,