Rehabilitación do antigo hospital Espírito Santo para biblioteca municipal e arquivo histórico de Baiona | Murado & Elvira Architects

Rehabilitación del antiguo hospital Espíritu Santo para biblioteca municipal y archivo histórico de Baiona Murado & Elvira Architects o73

A Biblioteca Municipal e Arquivo Histórico de Baiona sitúase no antigo Hospital Sancti Spiritus, construído no século XVI fronte á antiga Colexiata de Santa María. Trátase dun edificio de dúas plantas incrustado na pendente do centro histórico, que conta cun xardín cunha horta e o seu correspondente pozo, e un patio interior. Dentro do patio atópanse dúas escaleiras de acceso a planta primeira e dúas tallas en pedra: un peregrino e unha efixie do Apóstolo Santiago.

A intervención pretende organizar o novo programa de biblioteca e arquivo dunha maneira clara e sinxela. Desde o punto de vista patrimonial, a súa ambición é recuperar o protagonismo perdido dos singulares espazos exteriores, patio e xardín, debido ás numerosas transformacións sufridas ao longo do tempo.

En planta baixa un gran zaguán atravesa longitudinalmente o edificio e ordena todas as circulacións da biblioteca. Como unha rúa interior, comunica a entrada principal co patio e o xardín. Ao carón, un novo paramento pétreo acompaña o tránsito ata a saída. Este groso muro de sillares de granito acolle as xanelas existentes, os accesos a outras estancias e un novo nicho para sentar, e reúne as diversas pezas arqueolóxicas achadas no edificio orixinal. Fronte a el, un volume de madeira agrupa o programa de Arquivo Municipal, os servizos e o ascensor.

Rehabilitación del antiguo hospital Espíritu Santo para biblioteca municipal y archivo histórico de Baiona Murado & Elvira Architects o22

A sala polivalente e a biblioteca infantil ábrense directamente ao patio e a súa actividade pode estenderse ao exterior. Unha serie de curvas de distintas aperturas definen o perímetro da sala infantil para adaptarse á fragmentada xeometría orixinal e conferirlle unha identidade propia. Este paramento curvo incorpora os andeis e deixa pequenos intersticios ocultos detrás da dobre pel de madeira, como un monicreque ou o gardarroupa. A porta de entrada desde o zaguán de acceso é un groso andel pivotante, unha porta secreta que queda integrada co resto de andeis cando está pechada. Paredes e teitos, tamén de madeira, perfóranse cunhas aspas para resolver as tomas de ventilación. Os nenos poden sentar no chan, terminado cun material téxtil, que se pliega sobre os paramentos verticais para formar pequenos planos inclinados sobre os que recostarse.

Algunhas solucións de planta baixa anuncian o tratamento da biblioteca na planta superior, como as perforacións circulares da porta de acceso e do cerramento lateral da escaleira ou o tratamento material e espacial da sala infantil.

A organización de planta primeira tamén evidencia que o patio central é o epicentro da actuación.

Rehabilitación del antiguo hospital Espíritu Santo para biblioteca municipal y archivo histórico de Baiona Murado & Elvira Architects o19

Todo o espazo dispoñible libérase para a sala de lectura, que discorre sen interrupcións á súa ao redor. Unha dobre envolvente de madeira de arce delimita por completo esta sala e xera unha banda funcional concéntrica de espazos intersticiales como cabinas de estudo individual, aseos, despachos e áreas de lectura informal. O chan está resolvido co mesmo material que os paramentos verticais, así como a cuberta interior, que se triangula para adaptarse ás necesidades técnicas e dimensionales da estrutura e as instalacións. O grosor deste poché evidénciase nos lucernarios de cuberta, grandes troncos de cono brancos, e nas salas perimetrais que, como os antigos festejadores ou os gabinetes de lectura relixiosos, encóstanse á fachada do vello edificio.

As fachadas interiores recórtanse, perforan e inscriben para conectar os espazos a ambos os dous lados e para construír ámbitos con identidade propia. O espazo resultante, definido por unha envolvente monomaterial, é gráfico e espacial. A súa escala fluctúa con ambigüidade entre a condición afectiva e doméstica do moble e a gran arca que acolle nos seus interior individuos e materiais heteroxéneos.

Mobiliario.

O mobiliario exterior, fonte e luminarias, é de tubo de aceiro cromado. O mobiliario interior está resolvido coa mesma madeira de arce que o resto do edificio. As mesas son os negativos dos ocos da fachada interior da sala de lectura. Combinando estes recortes obtéñense distintos tamaños e configuracións de mesa. As patas son grandes cartabones de madeira que permiten atrasar os apoios con respecto ao perímetro e así despexar o espazo de asento.

Xardín.

O xardín discorre ao longo dun camiño que conecta o vestíbulo de acceso, xunto á galería cuberta, co acceso directo desde a rúa Manuel Valverde. Este percorrido enlaza tres episodios consecutivos. En primeiro lugar a arboleda froiteira e o horto existentes, onde se recuperan sillares descartados da obra orixinal -atopados durante os movementos de terra da obra- para formar unha alfombra pétrea xunto ao pozo e catro pequenos asentos baixo as árbores. A continuación, unha fonte para beber, e finalmente un novo conxunto de bidueiros papiriformes que, como o seu nome indica, producen unha fina cortiza que antigamente era empregada como papiro para escribir. Xunto á nova arboleda, dous grandes sartegos de pedra, tamén achados en obra, permiten sentar e observar a auga de choiva acumulada no seu interior.

Obra: Rehabilitación do antigo hospital Espírito Santo para biblioteca municipal e arquivo histórico de Baiona.
Autor: Murado e Elvira Arquitectos (Juan Elvira e Clara Murado)
Concurso: 1er premio 2010
Ano: Construción marzo 2016 – decembro 2017
Superficie Útil Total: 675,3 m2 (interior)+ 192,5 m2 (exterior)
Superficie Construída Total: 1076,5m2
Presuposto de 1,5 millóns de euros. Financiado parcialmente polo plan “1,5% Cultural” do Ministerio de Fomento destinado a Bens de Interese Cultural.
Dirección de obra: Óscar López Alba, Juan Elvira e Clara Murado (arquitectos), Manuel Cuquejo (arquitecto técnico)
Arquitectos colaboradores: Eugenia Concha, Marta Colón de Carvajal (concurso), Cristina Gutiérrez Chevalier, Francesco Martone (proxecto de execución)
Empresas colaboradoras: Obradoiro Enxeñeiros (enxeñeria), Ezequiel Fernández Grinda (estrutura), Orega Coviastec (construción)
Fotografía: ImagenSubliminal / Miguel de Guzman+Rocio Romero
+ muradoelvira.com

veredes
veredes Administrator

Búsqueda para satisfacer el conocimiento de la actividad arquitectónica y tangentes que se generan. La idea es crear un espacio para divulgar los diversos proyectos en busca de nueva inspiración y de intercambio.

follow me

Arquivado en: arquitectura, equipamento cultural, equipamento docente, equipamiento dotacional, obras, rehabilitación

Tags: , , , , , , , , , , , , , , , ,